sábado, 24 de abril de 2021

Misa de funeral polo noso amigo Miguel

   As circunstancias sanitarias impedíronnos no seu día despedir a Miguel Soto Camacho, amigo, músico e seguidor moi querido do Orfeón, que nos deixou o 26 de abril do ano pasado.

    Por iso este sábado achegámonos á igrexa parroquial da Milagrosa para estar coa nosa compañeira Manuela Guardado Méndez, a súa dona, e adicarlle os nosos cantos a Miguel, que tantas veces nos veu escoitar.

   Un grupo reducido de cantores interpretou durante a misa de funeral o seguinte repertorio:

Más cerca, oh Dios. L. Mason

Señor ten piedad. Misa Alrededor de tu mesa. F. Palazón.

Aleluia. G. F. Haendel.

Santo. Misa Pascual. X. Castiñeira.

Jesu, Rex admirabilis. G. P. da Palestrina

Ven, Señor, ás nosas almas. L. Olano.

    Ao finalizar o acto o Presidente do Orfeón, Xulio Xiz, adicoulle ao amigo que se nos foi unhas emotivas palabras que compartimos a continuación:

            Manoli encargoume que, no nome da familia, vos dese as grazas a todos os presentes pola participación nesta celebración en memoria de Miguel, o noso amigo, e eso fago facendo extensivo este agradecemento especial á igrexa da Milagrosa e a José Antonio, o noso párroco, por acollernos neste momento tan especial para a familia e os amigos.

         E quero ter unha lembranza especial e garimosa para Miguel, músico e devoto da música, que nos ten acompañado en tantas incursións musicais aportando o seu entusiasmo, a súa presenza e o seu coñecemento.

         Porque teño que lembrar primeiro a Miguel cando, hai arredor de medio século, participaba nos festivais de Nadal que nesta parroquia se celebraban para recadar fondos e atender necesidades. Aí coñecimos e atopamos o primeiro Miguel, e co paso dos anos reencontrámonos con el e con Manoli, ela con destacada afección e potencia cantora, el co coñecemento e o entusiasmo.

         Por iso, estas voces amigas que hoxe soan nesta igrexa quixeron lembrar a Miguel e arroupar a Manoli e a súa familia, porque cremos firmemente que nos tempos difíciles coma os que vivimos (dixo o poeta: "nos queda la palabra") a palabra feita canción é moito máis ca un bálsamo; é unha oración, é unha man tendida, é unha aperta…

         Reitero as grazas da familia pola vosa presencia, e quero rematar lembrando ao Miguel músico e amigo.

          Micky, o veterano cantante, hai xa moito tempo que nos fixo pensar e sentir coa súa canción “El chico de la armónica”, cando cantaba. “Escucho / al muchacho tocar / esa triste canción / con su armónica de amor”.

         Para nós, os seus amigos, Miguel sempre será o rapaz da harmónica, que tocaba cancións fermosas, nunca tristes, entrañables, que chegaban aos oídos, e deles ao corazón. Miguel, como dicía Micky, coa súa “armónica de amor” axudou a sermos un chisco máis felices… E hoxe, que lembramos que hai xa un ano que nos falta, tiñamos que dicilo aquí.

         Grazas  a todos, e ata sempre a Miguel coas oracións e, naturalmente, coas cancións dos seus amigos.