domingo, 17 de xullo de 2022

Misa da Nosa Señora do Carme

  Onte, 16 de xullo, celebrouse na capela do Carme a misa na honra da súa padroa e o Orfeón foi invitado a amenizar musicalmente este solemne acto.

   O repertorio interpretado foi o seguinte:

   - A Vós, Reina venimos. Fr. José J. de la Natividad, C.D.

   - Kyrie en Re Majeur. J. P. Lécot.

   - Gloria de Lourdes. J. P. Lécot.

   - Alleluia (Cántico dell'Agnello). M. Frisina.

   - Deus do Universo. L. Olano.

   - Santo. Misa Alrededor de tu Mesa. F. Palazón.

   - Cordero de Dios. Misa Alrededor de tu Mesa. F. Palazón.

   - O Pan do Ceo. X. Portas Ferro.

   Despois da celebración iniciouse unha procesión até a catedral seguida por numeroso público e alí o Orfeón despediu a celebración cantando o Himno a la Virgen del Carmen.

   Na imaxe dous momentos previos ó inicio da solemnidade.

     



domingo, 10 de xullo de 2022

IV. Noite Coral. As voces da Cidade

 Recuperamos o formato da Noite Coral, sen restricións, tal como foi concebido antes da pandemia e nunha noite espléndida, mesmo impropia destas latitudes, iniciamos a serie de concertos que compoñen este circuito artístico e espiritual polos templos da cidade e o Círculo das Artes.

  Orfeón Lucense, Sólo Voces, Coro do Hospital e Gruppo vocale San Bernardo interpretaron concertos sucesivos en San Pedro, San Froilán, A Nova e Círculo das Artes, respectivamente, dando tempo aos seus seareiros a trasladarse dun lugar ao outro.

   O repertorio interpretado polo Orfeón foi o seguinte:

   - O salutaris ostia. Pierre de la Rue.

   - Cristo al morir tendea. Fra Marc'Antonio da San Germano.

   - Gabriel, el Ángel. Trad. vasca. Harm. E. Pettman. Trad. Carlos Rodríguez.

   - Adoramus te, Christe. Theodore Dubois.

   - Virgo Gloriosa. Johan August Söderman.

   - Cantico dell'Agnello. Marco Frisina.


   Tras os concertos de cada agrupación, ás corais anteriores uníronse o Quartetto di Brescia aos trombóns e Nicolás Varela ao órgano, e todos dirixidos por Giulio Mercati interpretamos tres pezas de polifonía renacentista a 12 voces no altar do Bo Xesús da Catedral:


   - Sapientiam omnium. Jacob Handl.

   - Super flumina Babylonis. Luca Marenzio.

   - Tota pulchra es, amica mea. Hieronymus Praetorius.


  Foi unha experiencia intensa e emocionante que compensou todo o traballo e esforzo que supón a preparación dun evento destas características con persoas que, nalgúns casos, vivimos a miles de kilómetros de distancia.

   Durante unhas horas a cidade encheuse de harmonías diversas e marabillosas que os afeccionados á música sacra coral e os intervintes no acto puidemos desfrutar, ao tempo que un percorrido polo casco histórico nun solpor fermosísimo de verán completou unha xornada de música e convivencia cuxos ecos perdurarán nos nosos ouvidos por moito tempo.

   Na imaxe dous momentos da Noite Coral: Concerto do Orfeón e concerto final.







luns, 4 de xullo de 2022

Preparando a IV NOITE CORAL

 Despois dun tempo de ensaios en cada coro intervinte neste evento por separado, chegamos á fase de probar como artellamos as diferentes pezas deste complicado puzle que é un concerto a doce voces mixtas.

 Esperámosvos o sábado, día 9. Será un magnífico paseo sonoro polas igrexas do casco histórico, o Círculo das Artes e a Catedral. O programa completo pode verse neste enlace e promete un desfrute intenso para calquera amante da boa música coral. 

 Nas imaxes, momentos previos ao inicio do ensaio conxunto do Coro do Hospital, Sólo Voces e Orfeón Lucense na parroquia do Bo Pastor.