luns, 23 de xuño de 2025

Misa de Corpus Christi 2025

    O pasado domingo, día 22 de xuño, celebrouse na Catedral de Santa María a solemnidade do Corpus Christi. 

  Como vén sendo habitual nos últimos anos esta cerimonia, ademais da relevancia relioxiosa propia da data, adquire unha especial notoriedade e vistosidade, pois o Orfeón Lucense dirixido por Marcos Fernández Mosquera, comparte o acompañamento musical da misa coa Banda Filarmónica, dirixida por Iván Martínez Sabio; cos órganos catedralicios, con D. Luís Varela Castiñeira como organista e Mestre de Capela da Catedral e coa agrupación folklórica Os Xílgaros e o seu gaiteiro Óscar Pérez.

  A celebración deu comezo ás 11:00 cunha interpretación de dito gaiteiro que acompañou a entrada das autoridades eclesiásticas no altar maior, tras a cal se iniciaron os solemnes oficios presididos polo bispo da diócese, D. Alfonso Carrasco Rouco e conducidos por D. David Varela.

  O prelado na homilía, despois de exhortar aos fieis á reafirmación na fe e no amor, salientou a necesidade de contrapoñer a Paz ao ambiente de guerra e egoísmo imperante na actualidade; Paz, segundo dixo, á que podemos contribuir cada un de nós individualmente comezando na nosa contorna.    

  O repertorio interpretado polo Orfeón nesta ocasión foi o seguinte:

  • O pan do ceo. X. Portas Ferro / Isauro G. Ramos. (1)
  • Señor ten piedad. Misa Alrededor de tu Mesa. F. Palazón. (2)
  • Gloria. Misa Alrededor de tu Mesa. F. Palazón. (2)
  • Alleluia dit irlandais. L. Deiss. (1)
  • Ave verum. J. P. Lécot. (1)
  • Santo. Misa Alrededor de tu Mesa. F. Palazón. (2)
  • Cordero de Dios. Misa Alrededor de tu Mesa. F. Palazón. (2)
  • Pescador de hombres. C. Gabaráin / B. Corona. (1)
  • Jesus bleivet meine Freude. J. S. Bach. (2)
  • Virxe dos Ollos Grandes. I. Martínez Sabio. (2)
(1) Acompañados ao órgano por Luís V. Castiñeira.
(2) Acompañados pola Banda Filarmónica dirixida por Iván M. Sabio.

  Por último tivo lugar a procesión do Santísimo que se iniciou no interior da sé aos acordes dunha marcha composta polo director da Banda Filarmónica, Iván Martínez Sabio, titulada Virxe dos Ollos Grandes, que o Orfeón estreou neste acto.

  Despois do percorrido polo centro histórico nun día climatoloxicamente soleado, que favoreceu a asistencia de fieis, regresou a comitiva á Catedral; e cos últimos cantos de adoración ao Santísimo deuse por concluída esta solemne xornada.

 A continuación acompañamos imaxes deste acto, tomadas da páxina web da  Diócese de Lugo.








    


    

Ningún comentario:

Publicar un comentario