Este sábado, 5 de xullo, tivo lugar un dos eventos esperados polas agrupacións corais que nel veñen participando desde hai anos nestas datas. É a Noite Coral Lucense que xa acada este ano a súa sétima edición.
Trátase dun itinerario musical que percorre os principais templos do centro histórico levando a música sacra á súa expresión máis elevada nun marco artístico relevante como é o das igrexas da nosa cidade, para acabar cunha interpretación final conxunta de todos os participantes na Catedral de Sta. María.
Comezou esta vez na Igrexa de S. Pedro coa actuación do Orfeón Lucense dirixido por Marcos Fernández Mosquera, cantando o seguinte repertorio:
- Jesu, Rex admirabilis. G. P. da Palestrina. Jesu dulcis memoria. Gregoriano.
- Miserere. G. Donizetti.
- Versetto 16. Domine labia mea
- Versetto 18. Sacrificium Deo
- Versetto 20. Tunc acceptabis
- Nunc dimittis. Sir Ch. Villiers Stanford.
Contrabaixo: Miguel Ángel Marín Calderón
Harmonio: Andrés Gutiérrez Fernández
Dirección: Lupe Enríquez Parga
- Sicut lilium inter spinas. M. Raczynski.
- Cantate Domino. A. Gretchaninoff.
A esta actuación seguiron a do Gruppo Vocale San Bernardo na Igrexa de San Froilán, de Carminis Habitus na Igrexa da Nova, e de Solo Voces na Igrexa dos Franciscanos; das que se adxuntan os programas na imaxe que enlazamos máis abaixo. Finalmemte confluíron todos os coros na Catedral de Santa María para entoar o Gloria en Re M. de Antonio Vivaldi acompañados do Concentus Instrumentalis Lucensis baixo a dirección de Giulio Mercati.
Numerosos seareiros da Noite Coral completaron o circuito de recitais nesta velada e moitos deles xa nos son caras familiares, sendo a asistencia especialmente numerosa no concerto final, ao que tamén acudiron as autoridades eclesiásticas.
Foi verdadeiramete emocionante participar neste acontecemento musical que enche de son e arte a noite lucense e na que se dan cita algunhas das mellores voces da cidade apoiadas por cantantes e instrumentistas profesionais.
É de agradecer a Luís Varela Castiñeira, que tomou a iniciativa desta actividade; a Abraham Sánchez Pujante, director do Departamento de Música Litúrxica da Diócese e a Giulio Mercati, director artístico do Festival Internacional de Órgano e da Noite Coral, toda a actividade que vén desenvolvéndose desde hai uns anos na contorna da Catedral para poñer en valor a Música Sacra, os instrumentos valiosos que albergan os nosos templos e os templos en si mesmos; feitos que contribúen a elevar o nivel cultural desta cidade.
Este concerto marca para o Orfeón Lucense un cambio na súa dirección. O ata agora director titular, Marcos Fernández Mosquera, cesa como tal a petición propia por motivos persoais e toma o relevo Sara Pérez Cruz, soprano que está na nosa agrupación desde o tempo en que existía a Escolanía anexa ao Orfeón. Formarán parte do seu equipo Abraham Sánchez Pujante e Lupe Enríquez Parga.
É de xustiza agradecer a Marcos Fernández Mosquera a súa adicación ao coro durante máis de trinta anos, primeiro como cantor e nos doce últimos como director. Nesta etapa de crecemento transmitiunos a súa paixón e gusto pola música vocal, tanto profana como sacra, elevando as interpretacións do Orfeón a un moi bo nivel para un coro non profesional. Alegrámonos de seguir contando con el como cantor e como compañeiro ao tempo que lle desaxamos felicidade e desfrute nesta nova andadura.
Acompañamos o programa completo que se interpretou nesta VII edición da Noite Coral.
Ningún comentario:
Publicar un comentario