xoves, 31 de decembro de 2020

Un programa atractivo

O vindeiro sábado, 2 de xaneiro, estrearemos o ano 2021 musicalmente ofrecendo un Concerto de Nadal reducido, pero non por iso menos atractivo.

O aforo estará limitado en cumprimento da normativa vixente. Non estaremos todos os que somos, pero daremos o mellor de nós mesmos, como acostuma a facer o Orfeón.

O recital constará de nove panxoliñas de diferentes estilos e procedencias. Das clásicas ás tradicionais, das españolas ás estranxeiras, en diferentes idiomas orixinais ou adaptados, tal como figura no programa que se adxunta máis abaixo.

Esperamos compracer aos nosos seguidores, a quen desexamos un 2021 abondoso en SAÚDE e FELICIDADE. 




venres, 25 de decembro de 2020

Ensaiando para o Concerto de Nadal 2020

En tempos de pandemia convén manter o ánimo. Nada como a música que nos une para loitar contra o pesimismo e o illamento. Por iso o Orfeón prepara un concerto de Nadal ben diferente ao doutros anos, tanto pola súa duración como pola asistencia prevista, limitada pola normativa vixente.

Estamos ensaiando con ilusión para ofrecer o día 2 de xaneiro ás 18:30 no altar do Bon Xesús da Catedral un recital breve pero fermoso no que poñeremos todo o que o Orfeón acostuma a dar aos seus seguidores, nunha versión máis reducida, pero se cabe máis íntima e próxima.

Aquí enlazamos o cartaz anunciador publicado pola Catedral.



mércores, 9 de decembro de 2020

Misa da Inmaculada 2020

Con aforo reducido tanto en número de coristas como en asistentes e observando as distancias que marca a normativa vixente, o Orfeón participou na Misa da Inmaculada Concepción deste ano 2020.

Presidida polo prelado da diócese, a parte musical estivo organizada polo Mestre de Capela da catedral e a dirección coral correu a cargo do noso director habitual.

O repertorio foi o seguinte:

- ¡Qué hermosa sois!

- Señor ten piedad. Misa Alrededor de tu Mesa. F. Palazón.

- Gloria. Misa Alrededor de tu Mesa. F. Palazón.

- Aleluya. I. G. Ramos

- Santo. Misa Alrededor de tu Mesa. F. Palazón.

- Cordero de Dios. Misa Alrededor de tu Mesa. F. Palazón.

- Hija del pueblo. A. Taulé.

- Alma Redemptoris. G. P. da Palestrina.

- Salve Regina. Gregoriano.



                                 Inmaculada Concepción. Esteban Murillo

martes, 24 de novembro de 2020

Funeral por Dª Visitación Rouco Varela

O Orfeón Lucense participou na Misa de funeral que se celebrou esta tarde na Catedral polo eterno descanso de Dª Visitación Rouco Varela, nai do Excmo. e Rvdmo. Sr. D. Alfonso Carrasco Rouco, bispo de Lugo.

A cerimonia estivo presidida polo prelado da diócese e concelebrada por diferentes autoridades eclesiásticas procedentes de distintos puntos da península, ademais do cabildo catedralicio. 

Actuou como organista o Mestre da Capela da catedral, D. Luís Varela Castiñeira, e o director habitual do Orfeón, D. Marcos Fernández Mosquera. 

O repertorio elixido para esta  liturxia foi o seguinte:

- No he de morir, viviré. Cesáreo Gabaraín.

- Señor ten piedad. Misa Alrededor de tu Mesa. F. Palazón

- Interleccional. X.  Castiñeira

- Santo. Misa Pascual. X. Castiñeira

- Cordero de Dios. Misa Pascual. X. Castiñeira

- Jesu Rex admirabilis. G. P. da Palestrina





sábado, 31 de outubro de 2020

A Don Xosé Castiñeira

Tal día como hoxe en 1989 falecía en Lugo Don Xosé Castiñeira Pardo, un dos nosos músicos senlleiros á vez que home ilustrado, de ampla formación musical e humanística.

Non detallaremos aquí a súa completísima biografía, pois pode consultarse no enlace ao post que este blog lle adicou no trinta aniversario do seu pasamento. Nesta data queremos rememorar á quen refundou o Orfeón Lucense no ano 1982, ao compositor, director, divulgador e posiblemente ao máis salientable pedagogo musical lucense do século XX.

Don Xosé sempre é a figura de referencia para o Orfeón. A súa imaxe preside no local todos os ensaios. As súas composicións están presentes en case todas as celebracións litúrxicas e demais actuacións.

Unha lembranza agarimosa da persoa que, segundo refiren os compoñentes máis  veteranos do coro, coidaba con esmero á vez que con enerxía e carácter cada detalle e cada compoñente ata conseguir un grupo humano que harmonizase no musical e tamén no persoal. D.E.P.

Inserimos  a continuación o vídeo dunha das súas composicións interpretada pola nosa formación coral: Noite boa.






 

martes, 6 de outubro de 2020

Misa de San Froilán 2020



De forma atípica, debido ás circunstancias sociosanitarias, tivo lugar este ano a misa de San Froilán na catedral de Santa María. 

A liturxia do día do patrón da cidade estivo presidida polo prelado da diócese, Monseñor Alfonso Carrasco Rouco e o Orfeón Lucense dirixido por Marcos Fernández Mosquera cumpriu o compromiso adquirido facendo a súa aportación habitual. 

A parte musical foi acompañada polo Mestre de Capela da sé, Ilmo. Sr. Luis Varela Castiñeira e o repertorio foi o seguinte:

- Procesional de entrada. X. Molejón Rañón.

- Señor ten piedade. Misa Galega. X. Castiñeira.

- Gloria. Misa Galega. X. Castiñeira.

- Amósame, Señor, os teus camiños. X. R. Estévez.

- Aleluia. X. R. Estévez.

- Santo. Misa Galega. X. Castiñeira.

- Año de Deus. Misa Galega. X. Castiñeira.

- Quédate, Señor, connosco. M. Feixoó.

- Más cerca, oh Dios, de Ti. L. Mason.

- Himno a San Froilán. J. Molejón Rañón.



xoves, 13 de agosto de 2020

Concentus Lucensis. Bach

   Formando parte do Concentus Lucensis, membros das agrupacións corais Sólo Voces e Orfeón Lucense e a soprano Lidia Basterretxea, dirixidos por Fernando G. Jácome,  interpretaron  na catedral de Sta. María unha selección de cantatas de J. S. Bach, alternándose con versións instrumentais ofrecidas polo organista Giulio Mercati.

      Eis o repertorio vocal:

- An Wasserflüssen Babylon

- Sollt'ich meinen Gott nicht singen

- Herzlich tut mich verlangen

   A continuación enlazamos o vídeo da que figura en segundo lugar.




domingo, 9 de agosto de 2020

I Festival da Asunción

Este ano celébrase en Lugo do 10 ao 12 de agosto o I Festival Musical da Asunción. Trátase dunha serie de eventos musicais que teñen como obxectivo poñer de relevo a música sacra nas súas diferentes manifestacións.

O día 10 actuarán na catedral as sopranos Marina Malvasi e Lidia Basterretxea acompañadas  ao órgano por Giulio Mercati, interpretando un programa adicado principalmente á liederística sacra romántica, con amplas referencias marianas.

E os días 11 e 12 serán dous coros lucenses, Sólo Voces e Orfeón Lucense, compoñentes maioritarios do Concentus Lucensis, os que poñan o son da marabillosa polifonía de J. S. Bach na noite da cidade.

Inserimos aquí o cartel anunciador do Festival.



domingo, 21 de xuño de 2020

Ofrenda do antigo Reino de Galicia ao Santísimo

   Coas debidas precaucións no aspecto social e sanitario celebrouse este ano a solemnidade da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia na Catedral de Santa María.
  Presidiu a celebración o prelado da diócese, D. Alfonso Carrrasco Rouco, e correspondeulle facer a ofrenda á alcaldesa de Lugo, Dª Lara Méndez López.
   O Orfeón non actuou esta vez como coro habitual da catedral, senón que, dadas as circunstancias especiais que vimos vivindo, invitou a cantar nesta solemnidade a quen quixera facelo a título individual desde a capela do Bon Xesús. Nesta ocasión a dirección estivo a cargo dunha das codirectoras do Orfeón, Silvia Nadela Villarino, momento especial para ela por ser a súa primeira intervención como directora en solitario.
 Acompañou ó órgano o coengo mestre de capela da catedral, D. Luís Varela Castiñeira e á frauta travesa D. Xabier López.
   O repertorio interpretado foi o seguinte:

   - Con ledicia vimos. A. Fernández León.
   - Señor ten piedade de nós. Misa Galega. X. Castiñeira.
   - Gloria. Misa Galega. X. Castiñeira.
   - Contade as marabillas do Señor. M. Carneiro.
   - Aleluya. I. García Ramos.
   - Ubi caritas. Ola Gjeilo.
   - O pan do ceo. X. Portas Ferro e I. García Ramos.
   - Eu creo en ti, Señor. L. Mason.
   - Pange lingua. Gegoriano.

Inserimos a continuación o vídeo da celebración, tomado da canle de Youtube da Diócese de Lugo.



venres, 19 de xuño de 2020

Funeral polas vítimas da covid-19

   Con asistencia numerosa e presidida polo prelado da diócese celebrouse o funeral por todas as vítimas da pandemia na Catedral de Santa María.
   O Orfeón non interviu como tal senón que invitou a quen voluntariamente quixera cantar a título individual, actuando como codirectoras Sara Pérez Cruz e Silvia Nadela Villarino, por este orde na primeira e segunda parte da misa, respectivamente.
   Acompañou ó órgano o mestre de capela da basílica, Luís Varela Castiñeira.
   As pezas interpretadas foron as seguintes:
   
   - La muerte no es el final. C. Gabaraín.
   - Señor ten piedad. Misa Alrededor de tu mesa. F. Palazón.
   - El Señor es mi pastor. F. Palazón.
   - Alleluia. Gregoriano.
   - Jesu, Rex, admirabilis. G. P. da Palestrina.
   - Santo. T. Aragües.
   - Cordero de Dios. A. Taulé.
   - Yo soy el pan de vida. S. Toolan.
   - Pange lingua. Gregoriano.
   - Altísimo Señor. Popular.
   - Tantum Ergo. Gregoriano.
   - Cantemos al Amor. J. I. B. De Sagastizábal.

Inserimos o vídeo da celebración, tomado da canle de Youtube da Diócese de Lugo.





luns, 15 de xuño de 2020

Corpus Christi 2020

   Este ano celebramos a festividade do Corpus Christi en circunstancias especiais. Debido á pandemia observáronse as medidas de distanciamento e aforo determinadas polas autoridades sanitarias que obrigaron a que o Coro do Hospital e o Orfeón Lucense acompañasen a celebración desde o altar do Bo Xesús.

A liturxia estivo presidida polo Excmo. Sr. Bispo da diócese, Mr. Alfonso Carrasco Rouco, a dirección coral estivo a cargo dunha das nosas codirectoras, Sara Pérez Cruz e o repertorio interpretado conxuntamente por ambas corais foi o seguinte:

- O pan do ceo. X. Portas Ferro e I. García Ramos.
- Kyrie. Misa Brevis St. Joannis de Deo. J. Haydn.
- Gloria. Misa Brevis St. Joannis de Deo. J. Haydn.
- Aleluya. I. García Ramos.
- O salutaris. L. Perosi. 
- Santo. Misa Alrededor de tu mesa. F. Palazón.
- Cordero de Dios. Misa Alrededor de tu mesa. F. Palazón.
- Pan de vida nueva. M. Frisina.
- Hoy proclamamos firmemente. L. Burgeoise.
- Pange lingua. Gregoriano.
- Altísimo Señor. Tonada popular
- Cantemos al Amor. R. Del Valle e J. Busca de Sagastizabal.

Inserimos a continuación o vídeo da cerimonia relixiosa.


venres, 12 de xuño de 2020

Ensaio distanciado

O próximo domingo, 14 de xuño, cantaremos a Misa do Corpus Christi na Catedral. Como vén sendo habitual nos últimos anos, acompañaranos o Coro do Hospital. Para preparar a actuación celébranse ensaios conxuntos no claustro da basílica, que en tempos de pandemia han de respectar as distancias establecidas entre os coristas.
Acompañamos unha imaxe que ilustra a singularidade da situación.



luns, 18 de maio de 2020

Pascua do enfermo

Despois de dous meses de confinamento voltamos a cantar. Esta vez como coro de cámara e gardando as distancias reglamentarias da fase da desescalada na que estamos.
A Misa foi oficiada polo Excmo. Sr. Bispo de Lugo na catedral e transmitida en directo pola Televisión de Galicia.

Nesta ocasión o repertorio foi o seguinte:

- Con ledicia vimos. A. Fernández León
- Señor ten piedade. Misa Galega. X. Castiñeira
- Aleluia. I. García Ramos.
- Contade as marabillas do Señor. A. Suárez Carneiro e I. García Ramos 
- O salutaris hostia. L. Perosi
- Santo. Misa Galega. X. Castiñeira
- Año de Deus. Misa Galega
- Onde hai caridade. J. Portas e I. García Ramos

- Santa María, strela do día. Afonso X o Sabio

Premendo na seguinte imaxe pode verse o vídeo da celebración, tomado da crtvg:




domingo, 17 de maio de 2020

Música na corentena V

Para felicitar aos compañeiros e por extensión a todos os nosos seguidores no Día das Letras Galegas 2020, as nosas codirectoras, Sara Cruz e Silvia Nadela, artellaron a súa versión de Romeiro ao lonxe.

O tema está baseado nunha melodía tradicional inglesa da que fixeron no seu día unha exitosa versión Simon e Garfunkel co título de Scarbourough Fair. Máis cerca no tempo Luar na Lubre publicouna con letra en galego e baixo o título de  Romeiro ao lonxe.

Enlazamos a continuación a versión de Silvia e Sara con arranxos vocais desta última. 
Grazas por este fermoso agasallo!!!


venres, 1 de maio de 2020

Xoias d'auga

Hoxe adicamos un espazo a Sara Pérez Cruz, codirectora do Orfeón Lucense xunto con Silvia Nadela Villarino.
Sabemos da adicación de Sara á música e do seu traballo no grupo Muddy Doll, entre outras actividades, pero hoxe preséntanos unha composición propia.
Trátase dunha peza de música tradicional titulada Xoias d'auga, con arreglo de Daniel Díaz, que chama a atención pola pureza da melodía e o acompañamento mínimo. Desfrutádea!!!


xoves, 30 de abril de 2020

Música na corentena IV

Os membros do Orfeón Lucense seguimos a cantar desde a casa. Hoxe compartimos unha peza habitual do noso repertorio, Ó rama, melodía portuguesa arreglada para coro por Adelino Martíns.
Unta vez máis agradecemos o traballo técnico ás nosas compañeiras Sara Pérez Cruz e Silvia Nadela Villarino.


luns, 27 de abril de 2020

Adeus a Miguel, amigo

Neste tempo escuro, pechado, temos que decir adeus, de lonxe, ao noso amigo Miguel Soto Camacho, que nos deixou o 26 de abril de 2020.
Estaba casado con Manuela Guardado Méndez, compañeira do Orfeón, que vive a Música con maiúscula, e cando se lle ensancha o corazón canta unhas magníficas “jotas” que a todos nos conmoven.
Tamén Miguel, funcionario da Deputación, ademáis de seguidor entusiasta do Orfeón, viviu a música, e as súas interpretacións á harmónica eran xeniais demostracións de que esta arte é unha das mellores manifestacións vitais do ser humano.
No nome de todos/as que conformamos o ORFEÓN LUCENSE, a lembranza garimosa do amigo, e a aperta fraterna para a nosa benquerida compañeira.
Son as sentidas palabras de despedida que o noso Presidente, Xulio Xiz, adicou en nome de toda a familia do Orfeón Lucense ao amigo que se nos foi.
Descanse en Paz.



mércores, 22 de abril de 2020

Bos amigos

Un espazo para Nacho Samena, amigo e colaborador asiduo do Orfeón, e o seu grupo Hit the Beat que nesta corentena artellan a súa versión do tema Seven Nation Army e que enlazamos aquí. Boa música e excelentes músicos! Desfrutádeo.



sábado, 11 de abril de 2020

O Orfeón na Radio Galega

Ademais da presenza telemática nos oficios da Catedral de Santa María, este Venres Santo o Orfeón Lucense estivo nas ondas da Radio Galega. A nosa compañeira e codirectora Sara Pérez Cruz foi entrevistada por Antón Rebollido no programa A tarde desta emisora. 
Encabezada polo tercetino de Mozart, Soave sia il vento, que presentamos nun post anterior, a conversa xira en torno ás actividades que vén desenvolvendo a nosa formación coral neste tempo de confinamento e á dinámica en condicións normais. 
Enlazamos o audio na seguinte imaxe:



venres, 10 de abril de 2020

Semana Santa 2020. Venres Santo

O Orfeón Lucense segue presente telemáticamente nesta Semana Santa atípica. O Bispado de Lugo transmitiu en directo os oficios do Venres Santo, como ven sendo habitual.
A nosa formación coral interpreta Cristo al morir tendea, de Fra Marc'Antonio da San Germano ao remate do acto litúrxico, en 1:06:52 do vídeo que enlazamos a continuación.



xoves, 9 de abril de 2020

Semana Santa 2020. Xoves Santo

A continuación enlazamos o vídeo da retransmisión en directo a través da canle do Bispado de Lugo dos oficios do Xoves Santo. 
Nesta Ocasion o Orfeón acompaña a liturxia deste día interpretando Sicut cervus, de Giovanni Pierluigi da Palestrina en 51:13  e  1:02:17. Este é o documento sonoro.


martes, 7 de abril de 2020

Música na corentena III

Seguimos cantando desde as nosas casas mentras esperamos volver a estar xuntos. Nesta ocasión artellamos esta fermosa peza que o Orfeón interpreta habitualmente na Semana Santa. Sicut cervus de Giovanni Pierluigi da Palestrina. 
Na parte tecnolóxica, Sara Pérez Cruz e Silvia Nadela, codirectoras desta agrupación coral. Moi agradecidos polo seu traballo. Un pracer.








domingo, 5 de abril de 2020

Semana Santa 2020. Domingo de Ramos

Dada a excepcionalidade da situación de confinamento na que estamos, esta Semana Santa reviste un carácter singular e nunca vivido polos membros que formamos o Orfeón Lucense. Todas as celebracións e oficios litúrxicos teñen lugar sen a asistencia de fieis e polo tanto tamén sen a nosa presenza no coro da catedral.
A Diócese de Lugo quere levar aos fogares a Semana Santa valéndose dos medios tecnolóxicos e transmite os actos a través da súa canle de Youtube. 


A aportación da nosa formación coral é tamén telemática: estreamos Ubi caritas (Ola, Gjeilo), que soa na cabeceira e en 1:06:52 do vídeo da retransmisión en directo da Misa do Domingo de Ramos que enlazamos a continuación.


venres, 27 de marzo de 2020

Música na corentena II

Por seguir cantando, que é o que nos gusta, un fermoso terceto pertencente á ópera Cosi fan tutte de Mozart. Nel os protagonistas Fiordiligio, Dorabella e D. Alfonso ven partir nun barco, supostamente á guerra, aos prometidos das donas, Ferrando e Guglielmo, mentras entonan unha despedida temporal.

Os nosos compañeiros Sara Pérez Cruz, Silvia Nadela Villarino e Marcos Fernández Mosquera interpretan Soave sia il vento.



mércores, 25 de marzo de 2020

Música na corentena I

Mentras esperamos a que veñan tempos mellores, traballamos desde as nosas casas nun proxecto proposto polas queridas compañeiras e codirectoras, Silvia Nadela e Sara Cruz: Ubi caritas   (Ola Gjeilo).
 Encantounos!!!



venres, 13 de marzo de 2020

Quedamos na casa!!!

Ante a pandemia causante de que o goberno decretara o estado de alarma, o Orfeón Lucense acata as normas dictadas polas autoridades e suspende todas as actuacións, ensaios e actos de toda natureza.

A Música segue uníndonos!!


sábado, 1 de febreiro de 2020

Próximos obxectivos

Despois do tempo de Nadal cómpre cambiar de rexistro. Apuntamos agora cara a dous proxectos que nos ilusionan: 
 - O Concerto pro restauración dos órganos catedralicios, no que interpretaremos cinco cantatas xunto ao Grupo Vocal Sólo Voces e ao organista italiano Giulio Mercati.
 - A celebración da Semana Santa na Catedral de Santa María, como vén sendo habitual, na que o Orfeón Lucense acompañará cos seus cantos os actos  principais deste tempo litúrxico.
Estamos comezando. Quédanos moita tarefa!!





venres, 31 de xaneiro de 2020

Codirectoras

Finalizado o primeiro trimestre prodúcese un cambio na dirección do Orfeón Lucense. Por motivos persoais e de forma temporal deixa de exercer esta función Marcos Manuel Fernández Mosquera e toman o relevo Silvia Nadela Villarino e Sara Pérez Cruz, ambas compoñentes desta formación. 
Moita sorte e acerto nesta etapa!!!







domingo, 12 de xaneiro de 2020

Convidados ao XXXIV Festival de Polifonía e Panxoliñas

Onte tivemos a honra de actuar no Auditorio Carmen Estévez de Vilalba invitados pola Coral Polifónica Vilalbesa e en compañía da Coral Polifónica Luar con motivo da celebración do XXXIV Festival de Polifonía e Panxoliñas.

A Coral Polifónica Vilalbesa, a Coral Polifónica Luar e o Orfeón Lucense, dirixidos por Uxío García Amor, José Miguel Díaz Coira e Marcos Manuel Fernández Mosquera respectivamente, ofreceron ao público unha selección musical composta por panxoliñas, cantos tradicionais e modernos.

O repertorio interpretado polo Orfeón foi o seguinte:

- Drop, drop slow tears. O. Gibbons.
- Linda noie. Popular do Algarve.
- Gabriel's oboe. E. Morricone. Arr. P. Rowlands.
- Canto de berce para unha princesa negra. A. R. Sabanés. Arr. D. Antolí i Plaza.
- O meu amor mariñeiro. X. L. Rivas. Arr. Bieito Blanco.

A alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro,  agradeceu a participantes e ouvintes a súa presenza. O concerto rematou coa entrega de obsequios a representantes das tres corais e para concluir a xuntanza degustamos unha cea de confraternidade. 

O Orfeón agradece a acollida e o trato dispensado polos anfitrións, cos que esperamos volver a coincidir pronto. Foi un pracer compartir música, escea e mantel con estas agrupacións corais, xa amigas.



    Cartel do XXXIV Festival de Polifonía e Panxoliñas


Un momento da actuación en Vilalba

venres, 10 de xaneiro de 2020

Lembramos a Carmen López Rodríguez

O pasado xoves, 9 de xaneiro, arroupamos á familia de Carmen López Rodríguez, irmá da nosa compañeira Eva, na misa funeral que se celebrou na capela de San Roque da nosa cidade.

Carmen foi soprano no Orfeón Lucense ata a súa enfermidade e posterior falecemento hai uns meses. Ao longo da celebración escoitamos sentidas testemuñas de afecto e gratitude para ela de parte de familiares e amigos. Unímonos a elas e desexamos que a terra lle sexa leve.

O repertorio interpretado neste acto foi o seguinte:

- Más cerca, oh Dios. L. Mason.
- Señor ten piedad. F. Palazón.
- O salutaris. L. Perosi.
- Zum Sanctus. F. Schubert.
- Cordero de Dios. F. Palazón.
- Ave María. T. L. de Victoria.
- Ven Señor ás nosas almas. L. Olano.

sábado, 4 de xaneiro de 2020

Nadal 2019 na rúa

Esta agrupación coral participou, como vén sendo habitual, na animación das rúas lucenses neste nadal interpretando os seus cantos. Foi durante os días 2 e 3 do presente mes de xaneiro.

Ofrecemos unha selección de panxoliñas de diferentes culturas e cantos tradicionais aos ouvintes, a quen agradecemos a súa presenza, a súa participación e o agarimo de sempre.

As pezas interpretadas nestes recitais foron as seguintes:

- Linda noite. Popular do Algarve.
- Na noite máis fermosa. Popular bretón. Arr. V. R. Abeijón.
- Gabriel, el Ángel. Tradicional vasca. Arr. E. Pettman.
- Drop, drop slow tears. O. Gibbons.
- Canto de berce para unha princesa negra. A. R. Sabanés. Arr. D. Antolí i Plaza.
- Noite de Deus. F. X. Gruber. Arr. X. Castiñeira.
- Noite boa. X. Castiñeira.
- La vieja. Tradicional española. Arr. A. Parker e R. Shaw.
- Ó rama, ó que linda rama. Popular portuguesa. Arr. A. Martins.
- O voso galo comadre. M. Groba.
- Cando vexas. Popular galega. Arr. X. Castiñeira.



         Cantando na Praza Maior