luns, 30 de outubro de 2023

Misa 34 cabodano de D. Xosé Castiñeira

   O 31 de outubro de 1989 falecía en Lugo D. Xosé Castiñeira Pardo, Rector do Seminario, coengo e Prefecto de Música da Catedral. 

   Home de ampla formación humana, relixiosa e musical, como pode apreciarse no enlace ao post que no trinta aniversario se publicou neste blog, adicou a súa vida ao estudo e a difusión da Música, tendo entre os seus méritos o de ser pioneiro en levar o galego ás súas composicións relixiosas e profanas para seren interpretadas polos coros que el dirixiu.

   O Orfeón Lucense, refundado por el, non podía ser alleo á celebración desta data, por iso canta anualmente unha misa na súa honra, que este ano vén de ser o domingo pasado na sé.

   A cerimonia foi oficiada por D. Luís Varela Castiñeira, actual Prefecto de Música e sobriño do finado mestre, actuando como salmista Carlos Sánchez Carrera, como organista Xavier de Acosta e como director do Orfeón Marcos Fernández Mosquera.

   O oficiante fixo unha afectuosa semblanza do falecido, destacando o seu carisma e a admiración que sentía por el aos seus oito anos, idade que tiña cando seu tío morreu, ao tempo que deu as grazas pola asistencia a todos os presentes.

   O repertorio coral nesta ocasión estivo constituído na súa maioría por pezas da autoría de D. Xosé e foron as seguintes;

   - Aledémonos. X. Castiñeira.
   - Señor ten piedade. Misa Galega. X. Castiñeira.
   - Gloria. Misa Galega. X. Castiñeira.
   - Yo te amo, Señor. Salmo.
   - Interleccional. X. Castiñeira.
   - C´est toi, Seigneur.J.P.Lécot.
   - Santo. Misa Solemne. X. Castiñeira.
   - Cordero de Dios. Misa Pascual. X. Castiñeira.
   - O salutaris. L. Perosi.

   Antes de finalizar a misa, Xulio Xiz, presidente da nosa entidade coral, pronunciou unhas emotivas palabras lembrando ao ilustre profesor e agradecendo a todos a súa presenza.
   
   Xa no claustro da Catedral, onde repousan os restos de D. Xosé e do seu irmán D. Manuel, tamén coengo desta sé falecido no ano 2019, ao pé das súas sepulturas foron depositados por dúas coristas de recente incorporación ao Orfeón sendos ramos de flores, despois do cal o coro interpretou Reina del Cielo, composición do noso refundador.

  Rematada a celebración relixiosa, familiares e membros da agrupación coral dirixímonos ao busto que o Orfeón lle adicou ao seu mestre na Avenida de Ramón Ferreiro desta cidade, onde se fixo unha ofrenda floral na súa lembranza.

    Por último os membros do coro, irmáns do ilustre musicólogo e amigos que foron invitados, celebramos un xantar de confraternidade co que se puxo fin a esta emotiva xornada.

   A continuación reproducimos o texto pronunciado por Xulio Xiz en lembranza de D. Xosé Castiñeira Pardo:


34º Cabodano de José Castiñeira Pardo, 29.10.2023 

Pasado mañá, cúmprense 34 anos desde o pasamento do creador da Agrupación de amigos cantores que arroupan esta celebración, que levamos o nome de Orfeón Lucense, coro oficial desta S.I.C.B., ao que acompaña o organista da catedral, Xavier de Acosta.

Adóitase conmemorar de xeito especial as efemérides con cifras rotundas: os vinte, os trinta… pero o Orfeón, tendo presente o espíritu, a forza, o legado, e mesmo a presencia do noso Mestre, acordou lembralo ano a ano - e cúmprense 34 -, non só para doernos pola perda senón tamén para glorialo e gloriarnos polo ben que nos fixo ao facernos nacer, polo seu traballo na Igrexa e na música, e pola lembranza garimosa que deixou en todos os que o coñecemos e queremos.

Antes houbera un histórico Orfeón Lucense creado polo xenial Xoán Montes, que sólo era un recordo. E o noso -e voso – Don José quixo volvelo á vida dando ese nombre ao conxunto de voces cantoras dos varios grupos que dirixía. E nacemos de novo, renacemos, hai 41 anos. 


E a estas alturas dun novo século, sentimos que seguimos sendo os mesmos, aínda que lóxicamente poucos quedamos daquel tempo xa  lonxano; que seguimos tendo o mesmo ánimo que el nos insuflou, o mesmo amor á música, a mesma devoción polo canto… Que amamos as mesmas cousas, os mesmos lugares (especialmente esta gran casa, a primeira igrexa da diócese), que a mesma música nos da a mesma vida; que do mesmo xeito que somos fillos duns pais que nos fixeron nacer, todos nós – mesmo os que acaban de incorporarse nos últimos tempos -somos fillos musicais, espirituais, daquel crego tan humano, tan moderno que os rapaces de hai medio século buscabamos polos confesionarios para confiarlle as nosas angueiras.

Por iso estamos aquí, e estaremos todos os anos se Deus o quere, para cantar na súa lembranza e proclamar ata onde chegue a nosa voz que o noso Pai musical está máis vivo ca nunca na súa música, nas nosas partituras, nas nosas voces, no noso ánimo.

E cando a misa remate, iremos con todos os presentes que queirades acompañarnos ao Claustro da Catedral onde está enterrado para deixarlle  unhas flores e outra canción, e tamén deixarlle flores ao seu irmán Don Manuel, que tanto nos ten comprendido e axudado nesta Catedral. 

Se lembrando a D. José as grazas permanentes van implícitas, o Orfeón da as grazas máis expresivas á familia Castiñeira –  Luis, sobriño, oficiante; súa irmá, seu cuñado… - que o P. Castiñeira fixo que sexan tamén da nosa familia, e sempre están connosco. 

E xa que o tempo do alén é a “mellor vida”, felicidades, José Castiñeira, polos 34 anos desa vida mellor.





   

venres, 13 de outubro de 2023

Misa en Latín 2023

   Organizada polos antigos alumnos da Escola de Artes e Oficios Artísticos Ramón Falcón acostuma a celebrarse o día 12 de outubro unha Misa en Latín na catedral  como preludio da Feira Medieval e outras actividades organizadas por este colectivo neste último día das festas do patrón.

  A misa foi celebrada no altar do Bo Xesús por D. Manuel Castro Gay, coengo desta Catedral, asistido por membros do colectivo mencionado máis arriba e contou coa asistencia de numerosos fieis, entre os que se encontraba un certo número de damas e cabaleiros vestidos con atuendos medievais que contribuiron a situarnos na época.

  As diferentes partes da misa foron pronunciadas en Latín, tal como acostumaba a ser antes de 1965, ano no que o papa Pablo VI dixo a primeira misa en italiano, lingua á que se foron engadindo todas as demais. 

 O Orfeón Lucense situouse excepcionalmente na nave dereita da sé, e o  repertorio interpretado nesta ocasión especial baixo a dirección habitual de Marcos Fernández Mosquera  foi o seguinte.

   - Adoramuste, Christe. Th. Dubois.

   - Kyrie. Misa de Angelis. Gregoriano.

   - Alleluia. Gregoriano.

   - O salutaris hostia. P. de la Rue

   - Sanctus. Misa de Angelis. Gregoriano.

   - Agnus Dei. Gregoriano.

   - Da que Deus mamou. Cantiga 77. Afonso X O Sabio.

   - Canticorum Iubilo. G. F. Haendel.


   Na imaxe, momentos previos ao inicio da Misa.


                                     

venres, 6 de outubro de 2023

Misa de San Froilán 2023

   Puntuais á cita anual coa celebración do patrón de Lugo acudimos á Catedral de Santa María para cantar unha misa solemne.

 Estivo presidida polo prelado da diócese, D. Alfonso Carrasco Rouco, foi concelebrada por diferentes membros do cabildo catedralicio e contou coa asistencia da Corporación Municipal encabezada por Dona Lara Méndez, alcaldesa de Lugo, e asimesmo coa presenza doutras autoridades.

  Na parte musical estivo o Orfeón Lucense, dirixido por D. Marcos Fernández Mosquera, acompañado ao órgano polo coengo Prefecto de Música da Catedral, D. Luís Varela Castiñeira.

   A continuación especifícase o repertorio interpretado:

   - Procesional de entrada. J. Molejón.

   - Señor ten piedade. Misa Galega. J. Castiñeira.

   - Gloria. Misa Galega. J. Castiñeira.

   - Amósame, Señor. Salmo.

   - Aleluya. X. R. Estévez.

   - Eiquí están, Señor. L. Sánchez.

   - Santo. Misa Galega. J. Castiñeira.

   - Año de Deus. Misa Galega. J. Castiñeira

   - Eucaristía. Taizé / Fdez. León.

   - Non vou só. I. García Ramos.

   - Himno a San Froilán. J. Molejón.

   Máis abaixo, un momento da celebración do Día do Patrón tomada da web de La Voz de Galicia na que se pode apreciar a numerosa concurrencia, a Corporación Municipal e o Orfeón Lucense no Coro da Catedral.