xoves, 18 de abril de 2024

Adeus, amigo Santi

   De maneira sorpresiva tivemos que despedir a Santiago Rodríguez López, destacado biólogo, investigador, catedrático, escritor e querido amigo do Orfeón que faleceu en Bristol (Reino Unido), onde residía e en cuxa universidade traballaba; pasamento que ocurriu despois dunha breve e fatal enfermidade.

 A amizade con Santiago vén de vello, cando a través do noso presidente coñecemos a Carlos Rodríguez Otero, fillo do finado, que por aquel tempo estudaba violín e piano no Reino Unido e que enseguida se fixo acompañante habitual do Orfeón nos concertos de Nadal, cando viñan de vacacións á súa terra. Santi era o noso cámara de maneira desinteresada neses eventos e tanto el como Mary, a súa dona, foron membros de feito da coral en concertos e celebracións sempre que estaban aquí.

 Así sucedeu tamén no mes de decembro pasado, data na que compartimos concerto sen saber que un mes máis tarde coñeceríamos a noticia do estado de saúde que o levaría ao final da súa vida.

 O Orfeón quixo acompañar a Santi e á súa familia nestes momentos de dor asistindo á misa de funeral e ao acto de entrega por parte da alcaldesa do recoñecemento como Fillo Adoptivo de Paradela a título póstumo á súa viúva e fillo, actos que tiveron lugar no Centro Multiusos da localidade; así como ó soterramento das súas cinsas no cemiterio de dita vila.

 A misa foi oficiada por D. Luís Varela Castiñeira, Coengo Prefecto de Música da Catedral e concelebrada polo Vicario Xeral da Diócese e os párrocos de Paradela e Portomarín

 O repertorio que interpretou o Orfeón dirixido por Marcos Fernández Mosquera  foi o seguinte:

   - Hacia Ti, Morada Santa. K. Argüello.
   - Kyrie. Misa de Angelis. Gregoriano.
   - Alléluia dit Irlandais. L. Deiss.
   - Más cerca, oh Dios. L. Mason.
   - Sanctus. Misa de Angelis. Gregoriano.
   - O salutaris. L. Perosi.
   - Yo soy el pan de vida. S. Toolan.

 Durante o acto membros da Banda Municipal de Paradela interpretaron en distintos momentos diferentes melodías solemnes, así como tamén os nosos compañeiros David Ocón Ruiz e Abraham Sánchez Pujante fixeron as súas aportacións musicais acompañados da guitarra.

 Rematada a cerimonia relixiosa deu comezo a civil, na que interviron o anterior alcalde de Paradela, José Manuel Mato; o noso presidente, Xulio Xiz e a alcaldesa da vila, Mª Montserrat Mulet Sar. Todos eles salientaron a personalidade e a valía profesional de Santiago Rodríguez e lamentaron a prematura desaparición do eminente científico e da gran persoa cuxa pegada permanecerá para sempre na memoria de todos. Estas palabras foron contestadas por Carlos Rodríguez Otero, fillo do finado, quen fixo unha emotiva semblanza de seu pai, agradeceu as intervencións anteriores e a numerosa asistencia de veciños e amigos.

  A continuación partiu unha comitiva a pé ata o cemiterio encabezada polos familiares de Santi portando as súas cinsas seguidos de todos os asistentes no medio dun respectuoso silencio.

  No momento de ser soterrado, o Orfeón cantou o Salve Regina gregoriano como despedida definitiva do noso amigo, tras o cal un grupo de gaiteiros de Paradela interpretaron o Himno Galego na súa honra. 

  Descansa en Paz, benquerido Santi.

  Na imaxe un momento da contestación de Carlos Rodríguez Otero.




Ningún comentario:

Publicar un comentario