luns, 29 de setembro de 2025

II edición do Premio José Castiñeira de Humanidades

    Facémonos eco da convocatoria da II edición do Premio José Castiñeira de Humanidades feita polo Orfeón Lucense, a Diócese de Lugo e a Catedral Lucense para "premiar persoas ou institucións que pola súa traxectoria, disposición e entrega se distingan no seu labor humanístico, nas Artes ou nas Letras a prol da convivencia social e na mellora das relacións humanas, seguindo o exemplo de traballo e entrega do musicólogo, crego e profesor do que leva o nome".

    Enlazamos de seguido o texto íntegro da convocatoria:


Convocada a II edición do Premio José Castiñeira de Humanidades

O Orfeón Lucense, xunto coa Diocese de Lugo e a Catedral Lucense, veñen de convocar a II edición do PREMIO JOSÉ CASTIÑEIRA DE HUMANIDADES, para premiar persoas ou institucións que, pola súa traxectoria, disposición e entrega, se distingan no seu labor humanístico, nas artes ou nas letras, a prol da convivencia social e na mellora das relacións humanas, seguindo o exemplo do traballo e entrega do musicólogo, crego e profesor do que leva o nome.

O premio, sen dotación económica, consistirá nunha placa que deixe constancia do nomeamento, e será entregado nun acto público e solemne, a celebrar o último domingo de outubro no Claustro da Catedral de Lugo, inmediatamente despois da celebración relixiosa do cabodano do P. Castiñeira, e antes da ofrenda floral que tradicionalmente se celebra diante da súa tumba.

O xurado estará formado por representantes das tres institucións convocantes, podendo incorporar a persoas de recoñecido prestixio da sociedade lucense e galega.

A este premio poden presentar propostas, con exposición razoada dos méritos de cada candidato/a, as asociacións culturais, entidades oficiais ou privadas, os particulares que o desexen, e os membros do xurado, ata o próximo 16 de outubro, enviándoas ao correo info@orfeonlucense.com, ou entregándoas persoalmente no Pazo Bispal de Lugo.


    

Ningún comentario:

Publicar un comentario