luns, 6 de abril de 2026

Domingo de Pascua 2026

    Non pasaran moitas horas desde a nosa retirada tras o remate da Vixilia do Sábado Santo, cando volvemos a reunirnos para cantar a misa solemne do Domingo de Pascua na Catedral de Santa María.

  A cerimonia estivo presidida polo prelado da diócese, D. Alfonso Carrasco Rouco, acompañado por varios membros de distintos estamentos eclesiásticos que saíron ata a Praza de Pío XII para recibir a procesión do Santo Encontro procedente do Concello. Ao chegaren, situaron enfrontadas as imaxes de Xesucristo e a Virxe María, momento no que lle quitaron a esta o veo negro que levaba en sinal de loito pola morte do seu fillo.

   Finalizada a procesión deu comezo a misa, na que o Orfeón Lucense, dirixido por Sara Nebra e acompañado ao órgano por Nemesio Gutiérrez González e Andrés Gutiérrez Fernández, interpretou o seguinte repertorio: 

  •  Cantemos al Amor de los amores. Juan Ignacio Busca de Sagastizábal.
  • Misa Pascual. Señor ten piedad. Gloria. Santo. Cordero de Dios. José Castiñeira.
  • Este es el día en que actuó el Señor. Salmo. Miguel Manzano.
  • Cantico dell´Agnello. Marco Frisina.
  • Yo soy el Pan de Vida. Suzanne Toolan. Harm.: A. Medina.
  • Reina del Cielo. José Castiñeira.
    Máis tarde sairía a Procesión de Cristo Resucitado percorrendo as rúas do casco histórico ata chegar á Igrexa de San Froilán, na Praza do Ferrol, poñendo punto final á Semana Santa 2026.

    Adxúntanse tres imaxes do día, xentileza da Diócese de Lugo.

    




    

    

domingo, 5 de abril de 2026

Vixilia Pascual. Sábado Santo 2026

     Cando chegamos á Catedral para facer os exercicios de quecemento vocal e dar os últimos retoques ao noso traballo, xa estaban iniciados no atrio os preparativos para os rituais iniciais da Vixilia Pascual.

   Partindo da escuridade total no interior do templo, os oficiantes desprazáronse ao exterior para bendecir o lume, no que se prendeu o cirio pascual. Os asistentes foron acendendo as súas velas nel e, en procesión, chegaron o altar maior dando luz progresivamente a todas as estancias ata a total iluminación habitual. Mentras sucedía isto o Orfeón contestaba aos salmos da procesión e aos que se alternaron coas lecturas, tras o cal se proclamou o Pregón Pascual.

   Despois de varias lecturas e salmos responsoriais continuou a misa o seu curso ata despois da homilía, momento no que tivo lugar a bendición da auga e o bautismo dun neófito, tras o cal se completou a cerimonia na forma habitual.

   A nosa agrupación coral, dirixida por Sara Nebra e acompañada ao órgano por Luís Varela Castiñeira, prefecto de Música da Catedral, interpretou o seguinte repertorio:

  • Envía tu Espíritu, Señor. Salmo.
  • Protégeme, Dios mío. Salmo
  • Cantemos al Señor. Salmo.
  • Sacaréis aguas con gozo. Salmo.
  • Misa de Lécot. Gloria, Sanctus, Agnus Dei. Jean Paul Lécot.
  • Aleluia. Isauro García Ramos.
  • Jesu! Rex Admirabilis / Jesu, dulcis memoria. Giovanni Pierluigi da Palestrina / San Bernardo di Chiaravalle.
  • Cantico del Agnello. Marco Frisina.
  • Yo soy el Pan de Vida. Suzanne Toolan. Arm.: A. Medina.
  • Regina Caeli. Gregoriano.
  Unha vez rematada a celebración fomos convidados todos os asistentes a compartir unha rosca de Pascua con chocolate na sancristía da Catedral, momento que aproveitamos para felicitarnos. 

    Acompañamos dúas imaxes do coro previas ao inicio da vixilia e unha do momento do lucernario.














    

    

    

    

    

    

    

sábado, 4 de abril de 2026

Venres Santo 2026

    Despois dunhas breves palabras de introdución e benvida por parte do monitor litúrxico, deu comezo ás 18.00 h. a liturxia do Venres Santo na Catedral de Santa María.

  Á entrada en silencio dos celebrantes, presididos polo prelado da diócese, monseñor Carrasco Rouco, e a postración no altar maior durante breves minutos, seguiron as lecturas da liturxia da Palabra e a adoración da Cruz.

    O Orfeón Lucense estivo dirixido pola súa titular, Sara Nebra, e interpretou a capela o repertorio seguinte:

  • Padre, a tus manos. Salmo. M. Manzano.
  • Cristo por nosotros. Francisco Palazón.
  • Pasión de Nuestro Señor Jesucristo según San Juan. José Castiñeira. Arr.: Abraham Sánchez Pujante.
  • Victoria, tú reinarás. André Losay. Arr.: David Julien.
  • Pueblo mío. Ricardo Cantalapiedra.
  • Comiendo del mismo pan. Joaquín Madurga.
  • In Monte Oliveti. Jouzas Naujalis.

  Tivemos a sorte de contar como corista na corda dos Baixos con un dos nosos organistas habituais e antigo director do Orfeón, Nemesio Gutiérrez González, xa que en Venres Santo non debe soar o órgano nin ningún outro instrumento.


 Rematada a celebración, as distintas confrarías organizaron a saída en procesión de todos os pasos que percorreron as rúas lucenses durante toda a semana, procesión que estaba sendo esperada no exterior por numerosos fieis nunha tarde que lucía luminosa e temperada.

    Acompañamos unha imaxe do interior da catedral e unha do exterior tomadas ambas da páxina web da Diócese de Lugo neste día. Agradecidos por compartilas.





    

    

venres, 3 de abril de 2026

Xoves Santo 2026

    Seguindo a tradición eclesiástica, tivo lugar na Catedral de Santa María a vespertina Misa da Cea do Señor, en lembranza da última cea que Xesús celebrara cos seus discípulos antes do seu prendemento. Con ela iníciase o Triduo Pascual que finalizará o Domingo de Resurrección.

    A cerimonia estivo presidida polo prelado da diócese, monseñor Carrasco Rouco, e contou coa asistencia de diferentes membros do clero, acólitos e numerosos fieis.

    O Orfeón, dirixido por Sara Nebra, e acompañado ao órgano por Nemesio Gutiérrez González e Andrés Gutiérrez Fernández interpretou as seguintes composicións:


    Ademais das mensaxes  propias da celebración ás que aludiu o prelado, chama a atención nesta data o ritual do lavatorio de pés que o bispo realiza a doce persoas presentes no acto, simbolizando o amor e servizo de Cristo á humanidade.

  Finalizada a misa, que neste día non tén bendición final, comezou unha procesión para trasladar o Santísimo a un monumento instalado na capela do Bo Xesús, que lucía especialmente fermosa, mentras se entonaba o Pange lingua gregoriano e Cantemos al Amor.

  E para rematar a celebración fixo a saída a Procesión da Santa Cea que percorreu as principais rúas do casco histórico e que foi seguida por un número considerable de persoas. 

    Acompañamos imaxes da celebración por xentileza da Diócese de Lugo.