mércores, 9 de setembro de 2026

Estamos de volta. Curso 2026/2027

    Estamos nos albores dun novo treito do Orfeón Lucense. 

  O curso 2026/2027 albisca con notables novidades, sen perder de vista o obxectivo de sempre: acompañar musicalmente as solemnidades da Catedral da nosa cidade da maneira máis digna posible, procurando ao mesmo tempo a aprendizaxe e o crecemento musical e persoal dos membros que compoñen o coro.

   Como preparación previa ao primeiro ensaio tivo lugar unha xuntanza o día 8 do presente mes á que asistiron a práctica totalidade dos membros que compoñen esta agrupación para dar a coñecer algunhas normas e aspectos que favorecerán o bo funcionamento durante este período.

   Nesta asemblea xeral, o noso Presidente, Xulio Xiz Ramil, presentou ao novo Director da agrupación coral, Baruk Domínguez Grandío, licenciado en periodismo, guitarrista, trompista, estudante de Canto no Conservatorio Profesional de Música Xoán Montes de Lugo, profesor no Conservatorio Profesional de Música de Vilalba e Director da Asociación Cultural Escola de Música de Vilalba (ESMUVI); quen toma o relevo de Sara Nebra, directora do Orfeón no curso que vén de rematar.

   De seguido, a secretaria, Beatriz Enríquez Parga, fixo a presentación dos compoñentes da Directiva, dos socios e dos novos membros do coro.

  Tres novos cantores súmanse este ano ás nosas voces: Andrés Barragán, Alba Fernández López e Elvia García Rodríguez, esta última incorporada xa nos últimos días do curso pasado. Dámoslles a benvida, esperamos que se sintan ben na nosa compaña e permanezan connosco moito tempo.

  O Vicepresidente, Ricardo Coria Abel, deu a coñecer os datos estatísticos referentes a  ensaios, asistencia e actuacións durante o pasado curso así como outros aspectos de interese ocorridos neste período.

  Pola súa parte, a Tesoureira, Remedios Martínez Rodil, deu conta do informe económico da asociación así como  do estado actual das contas para coñecemento do colectivo.

   Fixáronse como días de ensaio os martes e os xoves, de 19:30 a 21:30 no local parroquial de San Froilán, que nos leva acollendo nos últimos tempos, feito que agradecemos profundamente ao seu párroco, José Manuel Penela Campos.

  Asemade, acordáronse asuntos importantes de loxística e funcionamento interno que terán vixencia no sucesivo e acto seguido foron atendidos os rogos e preguntas dos asistentes, tras o cal se emprazou aos coristas para o primeiro ensaio que será o vindeiro xoves, 10 de setembro.

    Hai moita tarefa por facer e temos devezo por empezar.

    Moito ánimo!!!






Ningún comentario:

Publicar un comentario