luns, 23 de xuño de 2025

Misa de Corpus Christi 2025

    O pasado domingo, día 22 de xuño, celebrouse na Catedral de Santa María a solemnidade do Corpus Christi. 

  Como vén sendo habitual nos últimos anos esta cerimonia, ademais da relevancia relioxiosa propia da data, adquire unha especial notoriedade e vistosidade, pois o Orfeón Lucense dirixido por Marcos Fernández Mosquera, comparte o acompañamento musical da misa coa Banda Filarmónica, dirixida por Iván Martínez Sabio; cos órganos catedralicios, con D. Luís Varela Castiñeira como organista e Mestre de Capela da Catedral e coa agrupación folklórica Os Xílgaros e o seu gaiteiro Óscar Pérez.

  A celebración deu comezo ás 11:00 cunha interpretación de dito gaiteiro que acompañou a entrada das autoridades eclesiásticas no altar maior, tras a cal se iniciaron os solemnes oficios presididos polo bispo da diócese, D. Alfonso Carrasco Rouco e conducidos por D. David Varela.

  O prelado na homilía, despois de exhortar aos fieis á reafirmación na fe e no amor, salientou a necesidade de contrapoñer a Paz ao ambiente de guerra e egoísmo imperante na actualidade; Paz, segundo dixo, á que podemos contribuir cada un de nós individualmente comezando na nosa contorna.    

  O repertorio interpretado polo Orfeón nesta ocasión foi o seguinte:

  • O pan do ceo. X. Portas Ferro / Isauro G. Ramos. (1)
  • Señor ten piedad. Misa Alrededor de tu Mesa. F. Palazón. (2)
  • Gloria. Misa Alrededor de tu Mesa. F. Palazón. (2)
  • Alleluia dit irlandais. L. Deiss. (1)
  • Ave verum. J. P. Lécot. (1)
  • Santo. Misa Alrededor de tu Mesa. F. Palazón. (2)
  • Cordero de Dios. Misa Alrededor de tu Mesa. F. Palazón. (2)
  • Pescador de hombres. C. Gabaráin / B. Corona. (1)
  • Jesus bleivet meine Freude. J. S. Bach. (2)
  • Virxe dos Ollos Grandes. I. Martínez Sabio. (2)
(1) Acompañados ao órgano por Luís V. Castiñeira.
(2) Acompañados pola Banda Filarmónica dirixida por Iván M. Sabio.

  Por último tivo lugar a procesión do Santísimo que se iniciou no interior da sé aos acordes dunha marcha composta polo director da Banda Filarmónica, Iván Martínez Sabio, titulada Virxe dos Ollos Grandes, que o Orfeón estreou neste acto.

  Despois do percorrido polo centro histórico nun día climatoloxicamente soleado, que favoreceu a asistencia de fieis, regresou a comitiva á Catedral; e cos últimos cantos de adoración ao Santísimo deuse por concluída esta solemne xornada.

 A continuación acompañamos imaxes deste acto, tomadas da páxina web da  Diócese de Lugo.








    


    

mércores, 18 de xuño de 2025

Actuación en el Festival Internacional de Órgano del Corpus Christi 2025

    O pasado luns, 16 de xuño, tivemos a honra de actuar no segundo concerto do Festival de Órgano do Corpus Christi, protagonizado por Stanislav Surin, organista da Catedral de Bratislava.

 Preparamos con especial adicación e meticulosidade esta actuación pola  complexidade vocal dalgunhas das obras interpretadas e polo privilexio que supón ser acompañados por un organista de talla internacional como é o caso do mestre Surin.

   Tras os exercicios previos e cunha numerosa asistencia de público, ás 21:00 situámonos no coro da Catedral coa emoción  propia dun estreo, dispostos a ser conducidos por Marcos Fernández Mosquera, director habitual do Orfeón Lucense.

  O programa, variado e atractivo, estivo composto por obras vocais e instrumentais de compositores pertencentes aos séculos XVI ao XXI, cunha pequena homenaxe a Giovanni Pierluigi da Palestrina no  cincocentos aniversario do seu nacemento.

    O repertorio interpretado pola nosa agrupación coral foi o seguinte:

    - Jesu, Rex admirabilis. G. P. da Palestrina.

    - Ave Maria. T. L. de Victoria.

    - Quaerite primun regnum. W. A. Mozart.

    - Ave verum corpus. W. A. Mozart.

    - Miserere. G. Donizatti:
            Domine labia mea.
            Sacrificium Deo.
            Tunc acceptabis.

    - Nunc dimittis. C. Villiers Stanford. 
       Dirección: Lupe Enríquez.

    - Ave Maria. S. Surin.
       Soprano: Sara Pérez Cruz.

    - Sicut lilium inter spinas. M. Raczynski.

    - Cantate Domino. A. Gretchaninov.

    Rematado o recital, organista e coro desprazámonos ata o altar do Bo Xesús para agradecer os aplausos do público que seguiu o concerto desde dito lugar.

    A continuación pode verse o programa completo deste acto. 




    



        



    

    

domingo, 8 de xuño de 2025

Preparados para o XI Festival Internacional de Órgano

    Falta ben pouco para que dé comezo o XI Festival Internacional de Órgano do Corpus Christi que xa é unha respectada e celebrada tradición na cidade de Lugo, na que se trata de salientar a beleza e grandiosidade da música para este instrumento e a gran calidade sonora dos órganos da nosa Catedral.

    O Orfeón Lucense aceptou a invitación e participará ofrecendo un repertorio complexo e fermoso que brindaremos encantados aos nosos seareiros o vindeiro luns, 16 de xuño, na Catedral de Sta. María, compartindo o concerto que protagonizará Stanislav Surin, organista da catedral de Bratislava (Eslovaquia).

    Estamos moi ledos por formar parte deste evento e convidamos aos lucenses a asistir a todos os magníficos concertos desta edición.

    Na imaxe unha reseña do xornal El Progreso do 5/06/2025 na que aparece Stanislav Surin ao órgano xunto co resumo das actuacións que conformarán  o Festival deste ano.