luns, 30 de xuño de 2025

Misa da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia 2025

      O pasado 23 de xuño a Xunta recoñeceu mediante decreto a Ofrenda do Antigo Reino de Galicia como Ben de Interese Cultural do patrimonio inmaterial, noticia que nos aleda profundamente pola posta en valor deste histórico evento que conta con máis de tres séculos de tradición.

    Foi no século XVII, no reinado de Filipe III, cando se iniciou o primeiro trámite desta tradición, pero é desde o ano 1925 cando os alcaldes das sete cidades que conforman o Antigo Reino de Galicia (A Coruña, Lugo, Ourense, Santiago de Compostela, Mondoñedo, Betanzos e Tui) fan por turno rotatorio unha ofrenda o domingo seguinte ao Corpus durante a celebración dunha misa solemne na Catedral de Santa María.

   A Ofrenda tén unha longa historia, xa tratada noutro post deste blog, que enlazamos aquí. Na actualidade é simbólica e consiste nun cheque que o oferente fai entregar ao cabildo catedralicio despois do evanxeo.

    Este ano correspondeulle ofrendar á cidade de Betanzos, representada pola súa alcaldesa María Barral Varela, que expresou con vehemencia e enerxía as súas inquedanzas e peticións ao Santísimo no nome das sete capitais do Reino. Considera unha honra "dar voz a unha Galicia inclusiva, diversa, plural e aberta a todos os idearios" na que os seus homes e mulleres saen para esforzarse e traballar por conquerir un futuro mellor e para os que pide forza e ilusión para continuar e vencer as dificultades. 

    Pediu pola paz no mundo, pola conservación da terra que habitamos, polas mulleres que sofren violencia, terror, medo e humillación, para as que implorou protección e o fin do seu suplicio e desigualdade.

    Lembrou a Paula Alvarellos, a alcaldesa falecida inesperadamente neste ano, á que puxo como exemplo de servizo e compromiso coa súa xente. Finalizou facendo alusión á necesidade de que as administracións traballen xuntas en beneficio dos cidadáns, rebaixando a tensión e deixando a un lado a confrontación.

    Respondeulle o Arcebispo de Santiago de Compostela, D. Francisco Prieto, quen invitou a reavivar a esperanza fronte á violencia, as guerras, as desigualdades e a emigración; a denunciar as circunstancias que van contra a dignidade do home e a recoñecer a Cristo no rostro do irmán, xa que a "Caridade é acompañar, abrir portas, ofrecer posibilidades que permitan vivir con xustiza e dignidade"

    Nesta ocasión o Orfeón estivo dirixido por Marcos Fernández Mosquera e acompañado ao órgano por Nemesio Gutiérrez e Andrés Gutiérrez e xuntos interpretaron o seguinte repertorio:

  • Aledémonos. J. Castiñeira.
  • Señor ten piedade. Misa Galega. J. Castiñeira.
  • Gloria. Misa Galega. J. Castiñeira.
  • Amósame Señor. Salmo.
  • Alleluia dit irlandais. J. P. Lécot.
  • Deus do Universo. L. Olano.
  • Santo. Misa Galega. J. Castiñeira.
  • Año de Deus. Misa Galega. J. Castiñeira.
  • Eucaristía. Taizé / Fdez. León.
  • Non vou só. I. G. Ramos.
    Rematada a misa solemne, a carroza do Santísimo seguida das autoridades civís e eclesiásticas e un bo número de cidadáns saiu en procesión polas rúas do centro histórico. A climatoloxía propiciou o acto cun día ben solleiro, circunstancia que aproveitou o Orfeón para desprazarse sobre a muralla e entoar ao paso da procesión  o himno "Cantemos al Amor", de I. B. Sagastizábal.

    Así rematou esta xornada festiva e histórica, a primeira que se celebra sendo a Ofrenda do Antigo Reino de Galicia un Ben de Interese Cultural do patrimonio inmaterial.

    Adxuntamos unhas imaxes desta data, as dúas primeiras tomadas da páxina web da Diócese de Lugo.








    


    

    

    

Ningún comentario:

Publicar un comentario