luns, 10 de xuño de 2024

Misa da Ofrenda 2024

   O domingo seguinte á celebración do Corpus o alcalde dunha das sete cidades do Antigo Reino de Galicia presenta a ofrenda ao Santísimo na Catedral de Lugo como acto central dunha misa solemne presidida polo prelado dunha das dióceses galegas.

 Os antecedentes da Ofrenda remóntanse ao século XVII. Foi no 1618, no reinado de Filipe III, cando o cabildo catedralicio pediu axuda ao rei para conquerir maior relevancia do culto ao Santísimo na Catedral.

 A esta petición seguiu outra solicitude de axuda económica feita polo coengo maxistral, Juan Velo, á Xunta do Reino de Galicia no 1666 e outra feita ás sete cidades do Antigo Reino no 1668 co mesmo fin.

  No 1669 a Xunta do Antigo Reino fixa unha asignación suficiente para manter acesas catro velas día e noite e fai o encargo de celebrar unha misa con procesión "pola exaltación da fe, saúde das Súas Maxestades e bos feitos e prosperidade do Reino".

 Desde 1925 o alcalde dunha das sete cidades (A Coruña, Lugo, Ourense, Santiago de Compostela, Betanzos e Tui) agasalla un simbólico tributo monetario nun cheque que é entregada ao cabildo. O oferente pronuncia un parlamento que é contestado polo bispo da súa diócese.

  Previamente a cada ofrenda tén lugar unha recepción no Concello, desde onde se trasladan a pé as autoridades ata a Catedral e alí desenvólvese a celebración relixiosa.

 Este ano presidiu a cerimonia o prelado da diócese de Mondoñedo-Ferrol, D. Fernando García Cadiñanos e contou coa asistencia dos bispos galegos e o de Astorga ademais dos  coengos habituais da Catedral, así como das autoridades civis e militares.

 Tras os acordes do Himno do Antigo Reino de Galcia interpretado á gaita por Óscar Pérez e acompañado ao órgano polo Prefecto de Música da sé, D. Luis Varela Castiñeira, deu comezo a misa. 

 Despois da lectura do evanxeo o alcalde de Mondoñedo, Manuel Ángel Otero Legide, presentou a ofrenda ao Santísimo, na que propuxo o diálogo e a paz como medio para conquerir a cohesión social e a memoria colectiva. Respostoulle o bispo da súa diócese que salientou a importancia do vínculo que une as sete cidades galegas, cuxa pluralidade constitúe unha grande riqueza á vez que é símbolo de unidade.

  O Orfeón dirixido por Marcos Fdez. Mosquera e acompañado ao órgano por D. Luís Varela Castiñeira, interpretou nesta ocasión o seguinte repertorio:

  Aledémonos. J. Castiñeira.
  - Señor ten piedade. Misa galega. J. Castiñeira.
  - Gloria. Misa Galega. J. Castiñeira.
  - Amósame, Señor. Salmo. A. Fdez León.
  - Aleluia dos irlandeses. J. P. Lécot.
  - Velaquí, Señor, o viño. F. Diéguez.
  - Santo. Misa Galega. J. Castiñeira.
  - Año de Deus. Misa Galega. J. Castiñeira.
  - Eucaristía. Taizé / Fdez León.
  - Non vou só. I. G. Ramos.
  - Cantemos al Amor. J. I. B de Sagastizábal.% 
  - Pange lingua. Gregoriano.
  - Alabado sea el Santísimo. Tradicional.

 Finalizada a misa tivo lugar a procesión polas rúas máis céntricas do casco histórico.

 Abaixo dúas instantáneas desta celebración tomadas no coro da Catedral.





  

  




Ningún comentario:

Publicar un comentario