domingo, 26 de xaneiro de 2014

Unha descoñecida fotografía de Xoán Montes sae á luz

A imaxe de 1886 pertence ao arquivo de Alvarellos Editora e será exposta en febreiro no Museo de Pontevedra

FRAN P. LORENZO SANTIAGO   | 25.01.2014



 O arquivo gráfico de Alvarellos Editora segue a deparar sorpresas e achados importantes para a reconstrución do legado visual da Galicia do século XIX. O máis recente, unha fotografía do músico Xoán Montes e o seu Orfeón Lucense, datada en 1886. Aínda que non foi posíbel confirmar o lugar exacto no que foi tomada esta imaxe, probabelmente Lugo, a importancia histórica deste retrato inédito xustificará a súa exhibición na mostra Galicia, terra de músicos, que se inaugurará no edificio Sarmiento, do Museo de Pontevedra, o vindeiro 7 de febreiro, comisariada por Milagros Bará e Alejo Amoedo.
A fotografía chegou a mans de Enrique Alvarellos Iglesias (1931-2004) en 1990, cedida polo organista da Catedral de Lugo José Molejón Rañón. Naquela data, Alvarellos Iglesias preparaba unha publicación sobre conxuntos polifónios de Galicia, traballo que non chegou a concluír. O editor e xornalista Henrique Alvarellos volveu recuperala agora do arquivo deste selo editorial.