Amosando publicacións coa etiqueta D. Xosé Castiñeira Pardo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta D. Xosé Castiñeira Pardo. Amosar todas as publicacións

martes, 28 de outubro de 2025

Misa cabodano e Entrega do II Premio José Castiñeira de Humanidades

    Cada último domingo do mes de outubro o Orfeón Lucense, a Catedral de Santa María e o Bispado de Lugo celebran a misa aniversario do pasamento de D. José Castiñeira e a entrega do Premio de Humanidades que leva o seu nome.

  Para versar a vida e obra do admirado músico refundador da nosa coral remitímonos a un post anterior deste blog que enlazamos para non caer na reiteración.

    A celebración tivo lugar no altar maior, presidida por D. Luís Varela Castiñeira, sobriño de D. José, e contou coa colaboración de D. Mario Carballo e D. José Lebón; actuando como acólito o noso compañeiro Carlos Sánchez e contou coa  asistencia da familia do extinto profesor, entre outras personalidades. 

   O oficiante salientou na homilía as cualidades humanas e profesionais do mestre, entre as que destacou a humildade e a cercanía.

    O Orfeón situado no coro, como é habitual, estivo dirixido pola súa titular, Sara Nebra, acompañado ao órgano por Nemesio Gutiérrez, interpretando un repertorio formado en boa parte por composicións do mestre Castiñeira na súa honra. Dito repertorio foi o seguinte;

  • Aledémonos. Xosé Castiñeira.
  • Misa Galega: Señor ten piedade, Gloria, Santo, Año de Deus. José Castiñeira.
  • Aleluia. Isauro Garcia Ramos.
  • Deus do Universo. Luís Olano.
  • Non vou só. Miguel Carneiro / Isauro Grrcía Ramos.
  • O pan do ceo. Xesús Portas Ferro / Isauro garcía Ramos.
  • Cantemos al Amor de los Amores. Ignacio Busca de Sagastizábal.

    Finalizada a misa, coro e asistentes desprazámonos ao claustro da catedral onde Ana Manuela de Acebedo, contralto da nosa agrupación, depositou en nome do Orfeón unha ofrenda floral na sepultura do finado.

    Acto seguido tivo lugar a entrega do II Premio de Humanidades José Castiñeira, que este ano recaeu no avogado lucense Alejandro Fernández Pumariño pola súa dedicación social e labor solidario, na que destacan o seu traballo en Cáritas como presidente durante dezasete anos, catro anos membro do Consello de Cáritas Española, e Presidente da Fundación "Preescolar na Casa", que propiciou a formación preescolar no rural para nenos, preparando aos seus pais para dar solución a esta carencia formativa nunha etapa vital tan importante. 

     En primeiro lugar tomou a palabra o noso presidente, Xulio Xiz, quen fixo unha breve aproximación á figura de D. José  e xustificou  a concesión da distinción ao premiado polo paralelismo existente entre os seus valores e os do finado profesor, palabras que reproducimos máis abaixo. 

    Contestou Alejandro Pumariño loando  a D. José Castiñeira, de quen foi alumno nos doce anos da súa estancia no seminario, por ser quen lle inculcou o amor pola  Música ao admitilo na Schola Cantorum e animalo a tocar o violín, afección que continúa na actualidade formando parte dun coro. Lembrou que sempre conseguía de cada un dos seus pupilos unha disciplina como se fosen notas  dunha obra musical. Deu as grazas a todos os que o acompañaron en Cáritas, en Preescolar na casa e na Asociación de Apoio ao Drogodependente, entidades que presidiu ou coas que colaborou ao longo da súa vida. Rematou deixando no aire a idea que, seguro, orientou a súa traxectoria vital e profesional: a solidariedade fainos ser mellores persoas.

  A continuación a nosa agrupación interpretou na honra do finado profesor Anima Christi, de Marco Frisina, e Más cerca, ¡oh Dios! de Ti, de Lowell Mason co que se deu por finalizado o acto na catedral. De seguido camiñamos ata o busto conmemorativo que Juan Puchades realizou de D. José Castiñeira para poñer ao seu pé un ramo de flores como tributo na rúa ao ilustre lucense.

    Finalizou a xornada cun xantar de confraternidade ao que foron convidados,  ademais dos membros do Orfeón, a familia  Castiñeira, o premiado e a súa familia e o párroco de San Froilán, onde o Orfeón realiza a metade dos ensaios.

    Nas imaxes, distintos momentos deste día de celebración.








    Reproducimos aquí as palabras pronunciads polo noso presidente Xulio Xiz na entrega do II Premio de Humanidades José Castiñeira:

    Lembramos con esta misa, e a culminación do Certame que leva o seu nombre, que se cumpren 36 anos do pasamento de José Castiñeira Pardo, fundador do Orfeón Lucense, e as voces do Orfeón sóan na súa honra nesta celebración que oficia Luis Varela Castiñeira, o seu sobriño que segue o percorrido vital do crego, profesor, músico e musicólogo que deixou tan forte pegada en todos os que tivemos a honra de coñecelo e tratalo.

    A conmemoración do pasamento hai xa tanto tempo de Don José Castiñeira,  no altar maior da catedral lucense, a súa casa tan querida, engloba con toda lóxica a seu irmán, Manuel, co que o Orfeón mantivo sempre unha amizade estreita, no común agarimo por José, que nos deixou tan cedo, e polo vencello que a nosa agrupación ten coa  Familia Castiñeira, aos que consideramos – e non só musicalmente – como familia de noso.

    Desde o pasado ano, á celebración do cabodano, que sempre ten conmemoración relixiosa, ofrenda floral na tumba e no monumento que o lembra na Praza do Seminario e ofrenda musical nesta misa e no claustro diante da sua tumba, únese a culminación do Certame de Humanidades que leva o seu nome. Este ano, por segunda vez, convocamos o premio o Orfeón Lucense, a Catedral Basilica que nos acolle, e o Bispado de Lugo.

    É un Certame que pretende premiar a persoas que no talante, dedicación, traballo, se parezan a José Castiñeira Pardo, defendan os mesmos valores, e traballen a prol da sociedade dun xeito construtivo, pola convivencia social e a mellora das relacións humanas, de maneira que o premio de humanidades podería ser tamén Premio de Humanidade, tal é o singular perfil humano que buscamos e atopamos no noso premiado. Nun tarxetón que temos repartido, e quen estea sen el poderemos entregarllo ao final, publicamos pinceladas da singular biografía de Alejandro Fernández Pumariño, o premiado nesta segunda edición.

    Pero nuns datos biográficos, aínda que se dan pistas importantes dos camiños que Fernández Pumariño leva percorridos na súa vida activa e mesmo agora que descargou na súa filla unha herdanza de prestixio e seriedade, non poden reflexarse o seu prestixio persoal e profesional, a entrega a causas sociais, a súa vocación de servizo, mesmo a súa cercanía a José Castiñeira Pardo.

    A entrega do premio efctuarase no Claustro da Catedral, ao remate desta celebración, á que rogamos a todos que nos acompañen para – honrando a Alejandro Fernández Pumariño, acreditar que a memoria e legado de José Castiñeira seguen vivos, e seguirán mentras haxa entre nós persoas lque se parezan a el. 



    

luns, 29 de setembro de 2025

II edición do Premio José Castiñeira de Humanidades

    Facémonos eco da convocatoria da II edición do Premio José Castiñeira de Humanidades feita polo Orfeón Lucense, a Diócese de Lugo e a Catedral Lucense para "premiar persoas ou institucións que pola súa traxectoria, disposición e entrega se distingan no seu labor humanístico, nas Artes ou nas Letras a prol da convivencia social e na mellora das relacións humanas, seguindo o exemplo de traballo e entrega do musicólogo, crego e profesor do que leva o nome".

    Enlazamos de seguido o texto íntegro da convocatoria:


Convocada a II edición do Premio José Castiñeira de Humanidades

O Orfeón Lucense, xunto coa Diocese de Lugo e a Catedral Lucense, veñen de convocar a II edición do PREMIO JOSÉ CASTIÑEIRA DE HUMANIDADES, para premiar persoas ou institucións que, pola súa traxectoria, disposición e entrega, se distingan no seu labor humanístico, nas artes ou nas letras, a prol da convivencia social e na mellora das relacións humanas, seguindo o exemplo do traballo e entrega do musicólogo, crego e profesor do que leva o nome.

O premio, sen dotación económica, consistirá nunha placa que deixe constancia do nomeamento, e será entregado nun acto público e solemne, a celebrar o último domingo de outubro no Claustro da Catedral de Lugo, inmediatamente despois da celebración relixiosa do cabodano do P. Castiñeira, e antes da ofrenda floral que tradicionalmente se celebra diante da súa tumba.

O xurado estará formado por representantes das tres institucións convocantes, podendo incorporar a persoas de recoñecido prestixio da sociedade lucense e galega.

A este premio poden presentar propostas, con exposición razoada dos méritos de cada candidato/a, as asociacións culturais, entidades oficiais ou privadas, os particulares que o desexen, e os membros do xurado, ata o próximo 16 de outubro, enviándoas ao correo info@orfeonlucense.com, ou entregándoas persoalmente no Pazo Bispal de Lugo.


    

luns, 30 de outubro de 2023

Misa 34 cabodano de D. Xosé Castiñeira

   O 31 de outubro de 1989 falecía en Lugo D. Xosé Castiñeira Pardo, Rector do Seminario, coengo e Prefecto de Música da Catedral. 

   Home de ampla formación humana, relixiosa e musical, como pode apreciarse no enlace ao post que no trinta aniversario se publicou neste blog, adicou a súa vida ao estudo e a difusión da Música, tendo entre os seus méritos o de ser pioneiro en levar o galego ás súas composicións relixiosas e profanas para seren interpretadas polos coros que el dirixiu.

   O Orfeón Lucense, refundado por el, non podía ser alleo á celebración desta data, por iso canta anualmente unha misa na súa honra, que este ano vén de ser o domingo pasado na sé.

   A cerimonia foi oficiada por D. Luís Varela Castiñeira, actual Prefecto de Música e sobriño do finado mestre, actuando como salmista Carlos Sánchez Carrera, como organista Xavier de Acosta e como director do Orfeón Marcos Fernández Mosquera.

   O oficiante fixo unha afectuosa semblanza do falecido, destacando o seu carisma e a admiración que sentía por el aos seus oito anos, idade que tiña cando seu tío morreu, ao tempo que deu as grazas pola asistencia a todos os presentes.

   O repertorio coral nesta ocasión estivo constituído na súa maioría por pezas da autoría de D. Xosé e foron as seguintes;

   - Aledémonos. X. Castiñeira.
   - Señor ten piedade. Misa Galega. X. Castiñeira.
   - Gloria. Misa Galega. X. Castiñeira.
   - Yo te amo, Señor. Salmo.
   - Interleccional. X. Castiñeira.
   - C´est toi, Seigneur.J.P.Lécot.
   - Santo. Misa Solemne. X. Castiñeira.
   - Cordero de Dios. Misa Pascual. X. Castiñeira.
   - O salutaris. L. Perosi.

   Antes de finalizar a misa, Xulio Xiz, presidente da nosa entidade coral, pronunciou unhas emotivas palabras lembrando ao ilustre profesor e agradecendo a todos a súa presenza.
   
   Xa no claustro da Catedral, onde repousan os restos de D. Xosé e do seu irmán D. Manuel, tamén coengo desta sé falecido no ano 2019, ao pé das súas sepulturas foron depositados por dúas coristas de recente incorporación ao Orfeón sendos ramos de flores, despois do cal o coro interpretou Reina del Cielo, composición do noso refundador.

  Rematada a celebración relixiosa, familiares e membros da agrupación coral dirixímonos ao busto que o Orfeón lle adicou ao seu mestre na Avenida de Ramón Ferreiro desta cidade, onde se fixo unha ofrenda floral na súa lembranza.

    Por último os membros do coro, irmáns do ilustre musicólogo e amigos que foron invitados, celebramos un xantar de confraternidade co que se puxo fin a esta emotiva xornada.

   A continuación reproducimos o texto pronunciado por Xulio Xiz en lembranza de D. Xosé Castiñeira Pardo:


34º Cabodano de José Castiñeira Pardo, 29.10.2023 

Pasado mañá, cúmprense 34 anos desde o pasamento do creador da Agrupación de amigos cantores que arroupan esta celebración, que levamos o nome de Orfeón Lucense, coro oficial desta S.I.C.B., ao que acompaña o organista da catedral, Xavier de Acosta.

Adóitase conmemorar de xeito especial as efemérides con cifras rotundas: os vinte, os trinta… pero o Orfeón, tendo presente o espíritu, a forza, o legado, e mesmo a presencia do noso Mestre, acordou lembralo ano a ano - e cúmprense 34 -, non só para doernos pola perda senón tamén para glorialo e gloriarnos polo ben que nos fixo ao facernos nacer, polo seu traballo na Igrexa e na música, e pola lembranza garimosa que deixou en todos os que o coñecemos e queremos.

Antes houbera un histórico Orfeón Lucense creado polo xenial Xoán Montes, que sólo era un recordo. E o noso -e voso – Don José quixo volvelo á vida dando ese nombre ao conxunto de voces cantoras dos varios grupos que dirixía. E nacemos de novo, renacemos, hai 41 anos. 


E a estas alturas dun novo século, sentimos que seguimos sendo os mesmos, aínda que lóxicamente poucos quedamos daquel tempo xa  lonxano; que seguimos tendo o mesmo ánimo que el nos insuflou, o mesmo amor á música, a mesma devoción polo canto… Que amamos as mesmas cousas, os mesmos lugares (especialmente esta gran casa, a primeira igrexa da diócese), que a mesma música nos da a mesma vida; que do mesmo xeito que somos fillos duns pais que nos fixeron nacer, todos nós – mesmo os que acaban de incorporarse nos últimos tempos -somos fillos musicais, espirituais, daquel crego tan humano, tan moderno que os rapaces de hai medio século buscabamos polos confesionarios para confiarlle as nosas angueiras.

Por iso estamos aquí, e estaremos todos os anos se Deus o quere, para cantar na súa lembranza e proclamar ata onde chegue a nosa voz que o noso Pai musical está máis vivo ca nunca na súa música, nas nosas partituras, nas nosas voces, no noso ánimo.

E cando a misa remate, iremos con todos os presentes que queirades acompañarnos ao Claustro da Catedral onde está enterrado para deixarlle  unhas flores e outra canción, e tamén deixarlle flores ao seu irmán Don Manuel, que tanto nos ten comprendido e axudado nesta Catedral. 

Se lembrando a D. José as grazas permanentes van implícitas, o Orfeón da as grazas máis expresivas á familia Castiñeira –  Luis, sobriño, oficiante; súa irmá, seu cuñado… - que o P. Castiñeira fixo que sexan tamén da nosa familia, e sempre están connosco. 

E xa que o tempo do alén é a “mellor vida”, felicidades, José Castiñeira, polos 34 anos desa vida mellor.





   

luns, 31 de outubro de 2022

Misa na honra de D. José Castiñeira

  O día 31 de outubro fará 33 anos do pasamento de D. José Castiñeira Pardo, coengo, mestre de capela da catedral, compositor, profesor de Música, gran dinamizador da vida cultural de Lugo e refundador do Orfeón Lucense hai 40 anos.
   
   Comezou a xornada de celebración cunha misa na seo oficiada por D. Luís Varela Castiñeira, prefecto de Música e sobriño do homenaxeado, e concelebrada por D. Xesús Mato, exdirector do Orfeón.

   A nosa coral, dirixida por Marcos Fernández Mosquera e acompañada ó órgano por Xavier de Acosta, interpretou un repertorio do mestre case na súa totalidade:
   
    - Aledémonos. J. Castiñeira.
    - Señor ten piedade. Misa Galega. J. Castiñeira.
    - Gloria. Misa Galega. J. Castiñeira.
    - Interleccional. J. Castiñeira.
    - Santo. Misa Pascual. J. Castiñeira.
    - Cordero de Dios. Misa Pascual. J. Castiñeira.
    - O salutaris Hostia. L. Perosi.
    - Reina del cielo. J. Castiñeira.

   Antes da beizón o noso presidente, Xulio Xiz, pronunciou unhas sentidas palabras glosando a figura do ilustre compositor que reproducimos máis abaixo.

   Finalizada a liturxia, trasladámonos á sepultura de D. José onde os membros máis antigos do Orfeón, contemporáneos del, fixeron unha ofrenda floral e a nosa compañeira Nuria Fernández Álvarez interpretou á viola a composición arreglada por L. Manson Más cerca, Oh, Dios, ante uns asistentes respectuosos e uns familiares emocionados.

  O Orfeón cantou para rematar os actos na catedral a peza que leva por título Noite boa, do insigne profesor.

  Coa colocación dun ramo de flores ó pé do busto que o Orfeón adicou a D. José Castiñeira na Praza Horta do Seminario e cun xantar de confraternidade demos término a esta xornada festiva de conmemoración do 33 cabodano do seu pasamento e 40 da refundación da nosa agrupación coral.


                                    Ofrenda do Orfeón ante o busto de D. José Castiñeira


  Texto de Xulio Xiz

Presencia de Don José Castiñeira. Catedral de Lugo, 30.10.2022
Mañá, luns, fará 33 anos do pasamento de Don José Castiñeira Pardo, prefecto de música da Catedral de Lugo, compositor, director de agrupacións corais, profesor de música, destacado avivecedor cultural da capital lucense e unha magnífica persoa. Era un mozo de 61 anos que se nos foi moi cedo, pero deixounos na memoria e no corazón o amor pola música, que el tiña desbordante… e deixounos a nós como parte viva da agrupación que el creou fusionando varios coros que dirixía, dándonos o nome do coro que fundara Xoan Montes a finais do século XIX. Nominalmente, connosco, volvía á vida o histórico ORFEÓN LUCENSE.
Nunha celebración coma esta, lembrando ao noso fundador, temos que ter tamén na memoria ao seu irmán Don Manuel, que dedicou a súa vida como sacerdote, como persoa, ao culto neste templo catedralicio, e que foi para nós sempre un mentor, un exemplo, un amigo. E naturalmente ao resto da súa familia máis directa que sempre nos acompaña: súa irmá, seu cuñado, seu sobriño Luis - que oficia esta celebración, xunto co noso Director emérito Xesús Mato – que son para nós familia propia, non só por selo do noso fundador, senón tamén por ter sempre neles compañía, comprensión, ánimo, amizade…
A razón de iniciar este ano o que pretendemos sexa anual recordo, ben pode ser porque se cumpren 33 anos da morte física de Don José, esa cifra simbólica, que sempre tomamos como referencia ao referirnos aos anos de vida de Xesús de Nazaret,  e porque tamén este ano se cumpren os 40 de que Don José crease este Orfeón con todos os coros que dirixía.
Don José foi un exemplo de dedicación á Igrexa e á música, que el coido entendía como consustanciais, tendo a Igrexa, a fe, as persoas, a Deus como fin primeiro e último, e tendo a música como vieiro, como expresión, como universal idioma de paz para enterderse entre as persoas, e en base a ese entendemento como linguaxe única para trascender, para elevar os nosos actos e as nosas palabras e facelas chegar a quen mellor pode comprendernos; para mellor conectar coa Luz… Como dixo Don Ramón Cabanillas: “Irmáns! En pé, sereos, / a limpa frente erguida, / envoltos na brancura / da luz que cai de riba”. Don José irradiaba luz.
Castiñeira ensinounos o xeito de falar coa Luz.E por iso lembrámolo, agradecidos, 33 anos despois, con palabras, cancións, música e fe. E ímolo facer, tamén despois da misa, no claustro, con flores, e de novo música, e invitámosvos a que nos acompañedes para lembrar – coñecéradelo ou non – aquel home xeneroso, bo, sorriso franco, man firme apretando mans, que era todo corazón, todo bondade, todo amor e ¡todo música!.
   

sábado, 31 de outubro de 2020

A Don Xosé Castiñeira

Tal día como hoxe en 1989 falecía en Lugo Don Xosé Castiñeira Pardo, un dos nosos músicos senlleiros á vez que home ilustrado, de ampla formación musical e humanística.

Non detallaremos aquí a súa completísima biografía, pois pode consultarse no enlace ao post que este blog lle adicou no trinta aniversario do seu pasamento. Nesta data queremos rememorar á quen refundou o Orfeón Lucense no ano 1982, ao compositor, director, divulgador e posiblemente ao máis salientable pedagogo musical lucense do século XX.

Don Xosé sempre é a figura de referencia para o Orfeón. A súa imaxe preside no local todos os ensaios. As súas composicións están presentes en case todas as celebracións litúrxicas e demais actuacións.

Unha lembranza agarimosa da persoa que, segundo refiren os compoñentes máis  veteranos do coro, coidaba con esmero á vez que con enerxía e carácter cada detalle e cada compoñente ata conseguir un grupo humano que harmonizase no musical e tamén no persoal. D.E.P.

Inserimos  a continuación o vídeo dunha das súas composicións interpretada pola nosa formación coral: Noite boa.