xoves, 18 de maio de 2017

Voces masculinas de 8 coros cantarán juntos la Alborada de Veiga

Enlace coa páxina de La Voz de Galicia, aquí.



domingo, 14 de maio de 2017

domingo, 7 de maio de 2017

Concerto "Mans Unidas"

O domingo 14 de maio ás 20h no Círculo das Artes de Lugo terá lugar o Concerto solidario que xa vén sendo tradicional nos últimos anos.
Da Escola Municipal de Música de Lugo, actuarán o Grupo de pandeiretas (dirixe Mercedes Autram), o Coro Moderno (dirixe: Noelia González) e a Big Band (dirixe: Adrián Lage).
E tamén intervirá o Orfeón Lucense (dirixe: Marcos Fernández Mosquera).
As entradas (5 euros) poden recollerse anticipadamente no mercado solidario da rúa San Pedro ou na sede da Delegación (r/ Cruz, 1 B de 11 a 13h).



venres, 5 de maio de 2017

Luís Vázquez Muñiz



Hoxe, ao Orfeón Lucense (tamén aos queridos compañeiros do Coro de San Francisco Javier), correspóndelle a difícil tarefa de cantar para despedir a un amigo, a un dos nosos, a un querido compañeiro de moitos tempos, moitos traballos, algunhas dificultades e moitas alegrías.

O labor dun colectivo musical é disfrutar do exercicio da voz, de cantar, cumprindo o que aprendemos de pequenos de que rezar é “levantar o corazón a Deus”. Pois nós rezamos cantando, para pedir, pero tamén para darlle gracias ao Altísimo, especialmente cando cantamos en recintos sagros coma este; especialmente cando cantamos en momentos coma este.

Hoxe cantamos rezando para pedir e para dar grazas. Para pedirlle ao Señor que acolla no seu seo ao noso compañeiro Luis, e tamén para darlle grazas por tantos anos de amizade e convivencia co noso amigo Luis.

Primeiro era Luis do Banco Exterior, e así o coñecín hai xa preto de trinta anos… Pero daquela e sempre era xa Luis do Orfeón Lucense, un dos máis veteranos. Un dos procedentes dos tempos afortunados nos que Don José Castiñeira refundou este Orfeón para deixárnolo en herdanza a todos os que iamos tendo algo que ver cun colectivo senlleiro que conforma unha gran familia, que ten por norte elevarnos conxuntamente por medio da harmonía da canción; por medio da expresión colectiva, igualitaria, de erguer os corazóns e deixar que a música nos invada, flúa, e nos transporte a un mundo musical, case perfecto.

Luis era cantor solidario, responsable, serio, amigo… amigo de todos; absolutamente de todos. Nunca lle escoitamos unha palabra discordante… Sempre no seu lugar de home bo, responsable, ao que se podía acudir para falar e para pedir axuda. E consello. E tranquilidade. Durante moitos anos foi o responsable da economía do Orfeón, e nunca como entón tivemos organizadas as sempre precarias finanzas dun colectivo sen ánimo de lucro pero cunha complexa organización e funcionamento.

Hoxe, todos vós sodes testemuña, cantamos por Luis, cantamos a misa de Don José Castiñeira, que tanto lle gustaba, cunha aportación extraordinaria do noso Director, Marcos Fernández Mosquera… xa dixemos que para pedir e para dar as grazas. Quizais porque en vida nunca lle demos as grazas a Luis pola súa constancia, pola súa presencia, pola súa dedicación… E neste momento en que todo parece rematar para Luis, pero en realidade todo comeza, cantamos tendo partido o corazón, pero tendo moi presentes os moitos anos nos que Luis nos aportou a voz e a bonhomía, facéndonos saber que cando cantamos non é a voz o máis importante, senón a alma. 

Cantando, xuntámonos á súa familia –a súa muller, as súas fillas e xenro, o seu neto, seu irmán… e dicísmoslle adeus – en realidade, ata sempre- a Luis, o compañeiro da voz, do corazón, e da alma!.

(Oración por LUIS VÁZQUEZ MUÑIZ o 17 de abril de 2017 na Igrexa de San Francisco Xavier-Lugo. Xulio Xiz é Presidente do Orfeón Lucense)


Publicado o 05. 05. 2017 en Galicia Digital