Amosando publicacións coa etiqueta Obituarios. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Obituarios. Amosar todas as publicacións

sábado, 17 de febreiro de 2024

Despedimos a D. Xesús Mato

   O pasado 13 de febreiro finou D. Xesús Mato. Crego, musicólogo, investigador e compilador musical, compositor, director e creador de coros, fundador de Fuxan os Ventos e Auxilia, Medalla Castelao por petición popular... e, por enriba de todo, un home galego bo e xeneroso con todo aquel que se lle cruzaba no camiño.

   Non imos repetir aquí as iniciativas e logros do Padre Mato nin os merecidos recoñecementos que lle foron concedidos, pois figuran perfectamente detallados na ligazón de máis arriba, pero deterémonos un momento como membros do Orfeón Lucense, coro que dirixiu.

   Na vida e desenvolvemento das agrupacións corais hai etapas críticas por diversas razóns. O Orfeón non foi alleo a esta situación e alí estivo D. Xesús para dirixilo durante un tempo e comunicarlle o dinamismo e entusiasmo que sempre o caracterizaron. Na actualidade era o director emérito da coral.

   A cerimonia organizada para despedilo deu comezo coa entrada do cadaleito na igrexa parroquial de San Nicolás de Portomarín aos acordes da Marcha Solemne do Antigo Reino de Galicia interpretada por Xosé Luís Foxo á gaita galega, tras o cal deu comezo a misa de funeral,

   O Orfeón estivo presente nas exequias do seu director emérito, como non podía ser doutro xeito, cantando as seguintes pezas do repertorio:

   - Eu creo en Ti, Señor. L. Mason.

   - Deus do Universo. L. Olano.

   - Santo. Misa Galega. J. Castiñeira-

   - Ven, Señor, ás nosas almas. L. Olano.

   No transcurso da liturxia, presidida polo prelado da diócese e concelebrada por máis dunha trintena de sacerdotes, tomou a palabra o bispo D. Alfonso Carrasco Rouco; o presidente do Orfeón Lucense e amigo do finado, Xulio Xiz Ramil; e Ismael e Eva Mato, sobriños de D. Xesús. Todos eles glosaron a figura do Padre Mato desde a perspectiva que lles dá a relación que mantiveron con el en vida, confluíndo no irrepetible da súa personalidade e bonhomía.

   Ao finalizar a misa o Orfeón saiu ao exterior do templo e situosuse en lugar preferente para adicarlle Compañeira de Xosé Luís Rivas Cruz (Mini) e harmonizacion de Xulio Domínguez, que no seu momento fora cantada por Fuxan os Ventos. De seguido Xosé Luís Foxo interpretou o Himno Galego á gaita, cantado por todos os presentes cun respectuoso e emocionado silencio de fondo mentras era introducido o féretro no furgón fúnebre que o conduciría ao cemiterio parroquial.

   Moitas son as novas que aparecen nos xornais e nas redes aludindo á súa longa, feliz e fructífera vida, plena de amor e servizo aos demais. Os principais medios de comunicación galegos e mesmo de fóra de Galicia fixéronse eco do pasamento de D. Xesús Mato. Enlazamos aquí e agradecemos a compilación que Galicia Dixital/Exeria fixo de todo o aparecido nestes días.

   Foron moitas as persoas que encheron o templo e outras tantas as emocións vividas alí. Como membros do coro que el dirixiu sentimos de maneira especial as palabras do noso presidente e amigo persoal do Padre Mato, Xulio Xiz, que pronunciou visiblemente emocionado e que reproducimos máis abaixo.

 O 11/12/2016 o Orfeón Lucense rendiulle homenaxe en Portomarín ao noso benquerido director emérito e fíxolle entrega da insignia de ouro da agrupación coral.

 Unha imaxe del ocupa un lugar importante no local de ensaio como símbolo da súa presenza entre nós e nos nosos corazóns, así como da admiración, cariño e respecto que lle profesamos xa para sempre.

   Descanse en paz D. Xesús Mato.

 Lectura de Xulio Xiz na Igrexa de San Nicolás de Portomarín o 14/02/2024

   Vou dicir o que pensades os moitísimos amigos (e amigas) deste home feliz, crego e amigo, mestre e compañeiro, entregado home de Deus que nos ensinou a camiñar polo mundo, e facía o ben a mans cheas.

   Naceu o ano 32 en Cabodevila de S. Martiño de Castro, ordenouno mons. Ona de Echave no 58, e nese ano foi para Lalín. Alí, crego na parrroquia das Dores, profesor de Formación relixiosa, asesor relixioso e alma mater na Cope; fundou a Coral Polifónica, e a xente da construción ergueu vivendas gratis para xente humilde porque Mato a conquistou.

   Hai 55 anos veu para Lugo: capelan do Colexio Smo. Sacramento, onde creou o coro de rapazas; asesor relixioso de Radio Popular, e xurdiron as misas pola radio en galego para enfermos; secretario de Medios de Comunicación, e fundou na Diocese de Lugo a asociación internacional Auxilia para persoas que precisaban ser axudadas. E foi feliz traballando cos "minus" que con el fixéronse plenamente válidos.

   Escribiu sobre o divino e o humano no Progreso, na Voz, Galicia Digital, e en Radio Popular fixo programas históricos como "O Anxeliño", "Y mañana, domingo", "Saludo a la madre", e foi feliz na Radio.

   Dirixiu a Escola Cantorum do Seminario, compuxo música e investigou música popular, rescatou "Os reises vellos do Cebreiro", dirixiu o Orfeón Lucense que hoxe canta ao seu Director emérito. Creou Fuxan os Ventos, título dun poema seu ao que puxo música, e o grupo de rapaces que o cantou en Mondoñedo fíxonos entrar aos galegos nun mundo novo. Despois, inspirou A Quenlla. E foi feliz na música.

   Quixo ir á montaña para servir parroquias e xentes, por Louzarela e Padornelo. Foi feliz na montaña, a montaña volcouse na súa homenaxe e hoxe o Progreso publica unha esquela dos seus fregueses de Pedrafita. A Cruz Vermella de Sarria, o Orfeón Lucense, María Castaña ou os Amigos de Moncho Valcárce homenaxeárono. E foi Lucense do Ano, o Concello de Paradela declarouno Fillo Predilecto, os amigos fixémoslle dous libros de homenaxe, e máis de 2.500 persoas e institucións lográronlle a Medalla Castelao, a única ata agora que se conseguíu por petición popular.

   Sempre dixo claramente que todo o que facía, o que conseguira, o que lle fixeran, era por ser cura, porque para el ser cura abarcaba as inmensidades que conquistou. Foi un crego feliz, soñador conquistador de imposibles posibles que nos fixo ser máis galegos, máis sensibles, máis humanos. Na Radio Popular de hai medio século era, dicía o compañeiro Adolfo de Abel, "Aquel cura ao que todos chamabamos Padre".

   Un vello conto noruegués fala do rei que para curar dun grande mal, percorreu o mundo buscando "a camisa dun home feliz", e cando atopou un único home feliz resultou que non tiña camisa. Xesús Mato foi un home feliz, e entendendo a metáfora, cumpría coa historia, porque o deu todo sen gardar nada para si. Foi home feliz que se fixo rico a forza de dar.

   Levounos a dianteira toda a vida. E agora que goza xa da visión do Deus ao que tanto quixo, sabemos que vai seguir mirando por nós. Cando remate esta celebración, xa no exterior, o Orfeón Lucense vaino despedir cantando "Compañeira", e Xosé Luís Foxo fará soar de novo a gaita na súa honra. Remato no nome de todos vós con versos de Darío Xohán Cabana, coma el xa no alén, que se citan na esquela que hoxe a Alcaldesa, o Concello e o pobo de Paradela publican en El Progreso:

   Non sabemos se es un santo
nin se hai santos entre nós,
mais ser es bon entre os bos,
e nós querémosche tanto.


                                  Un momento previo ao inicio do funeral








sábado, 10 de decembro de 2022

Ata sempre, Marcos

 Hoxe é unha desas datas que non queremos volver a vivir. Soubemos do pasamento do noso compañeiro Marcos Rodríguez González hai poucos días.

  Coñecemos a Marcos este curso. Comezou os ensaios con entusiasmo e asiduidade e  foi acadando un sitio nos nosos corazóns pola súa amabilidade e compañeirismo.

  Agradecemos todos os momentos que compartimos xuntos e sentímonos afortunados por iso. Lembramos con agarimo os sorrisos desfrutados na súa compaña ó longo da última xuntanza, quen sabe se foron os seus derradeiros.

 Marcos, déixasnos sumidos nunha fonda tristura! Este Nadal estarás presente, acompañándonos coa túa expresión doce en cada canto que entoemos; en cada rúa que animemos e especialmente nesa 'estrela' que seguen 'Los Reyes'; porque iso te fixo feliz. 

  Ata sempre, Marcos! Descansa en Paz.



martes, 24 de novembro de 2020

Funeral por Dª Visitación Rouco Varela

O Orfeón Lucense participou na Misa de funeral que se celebrou esta tarde na Catedral polo eterno descanso de Dª Visitación Rouco Varela, nai do Excmo. e Rvdmo. Sr. D. Alfonso Carrasco Rouco, bispo de Lugo.

A cerimonia estivo presidida polo prelado da diócese e concelebrada por diferentes autoridades eclesiásticas procedentes de distintos puntos da península, ademais do cabildo catedralicio. 

Actuou como organista o Mestre da Capela da catedral, D. Luís Varela Castiñeira, e o director habitual do Orfeón, D. Marcos Fernández Mosquera. 

O repertorio elixido para esta  liturxia foi o seguinte:

- No he de morir, viviré. Cesáreo Gabaraín.

- Señor ten piedad. Misa Alrededor de tu Mesa. F. Palazón

- Interleccional. X.  Castiñeira

- Santo. Misa Pascual. X. Castiñeira

- Cordero de Dios. Misa Pascual. X. Castiñeira

- Jesu Rex admirabilis. G. P. da Palestrina





venres, 19 de xuño de 2020

Funeral polas vítimas da covid-19

   Con asistencia numerosa e presidida polo prelado da diócese celebrouse o funeral por todas as vítimas da pandemia na Catedral de Santa María.
   O Orfeón non interviu como tal senón que invitou a quen voluntariamente quixera cantar a título individual, actuando como codirectoras Sara Pérez Cruz e Silvia Nadela Villarino, por este orde na primeira e segunda parte da misa, respectivamente.
   Acompañou ó órgano o mestre de capela da basílica, Luís Varela Castiñeira.
   As pezas interpretadas foron as seguintes:
   
   - La muerte no es el final. C. Gabaraín.
   - Señor ten piedad. Misa Alrededor de tu mesa. F. Palazón.
   - El Señor es mi pastor. F. Palazón.
   - Alleluia. Gregoriano.
   - Jesu, Rex, admirabilis. G. P. da Palestrina.
   - Santo. T. Aragües.
   - Cordero de Dios. A. Taulé.
   - Yo soy el pan de vida. S. Toolan.
   - Pange lingua. Gregoriano.
   - Altísimo Señor. Popular.
   - Tantum Ergo. Gregoriano.
   - Cantemos al Amor. J. I. B. De Sagastizábal.

Inserimos o vídeo da celebración, tomado da canle de Youtube da Diócese de Lugo.





luns, 27 de abril de 2020

Adeus a Miguel, amigo

Neste tempo escuro, pechado, temos que decir adeus, de lonxe, ao noso amigo Miguel Soto Camacho, que nos deixou o 26 de abril de 2020.
Estaba casado con Manuela Guardado Méndez, compañeira do Orfeón, que vive a Música con maiúscula, e cando se lle ensancha o corazón canta unhas magníficas “jotas” que a todos nos conmoven.
Tamén Miguel, funcionario da Deputación, ademáis de seguidor entusiasta do Orfeón, viviu a música, e as súas interpretacións á harmónica eran xeniais demostracións de que esta arte é unha das mellores manifestacións vitais do ser humano.
No nome de todos/as que conformamos o ORFEÓN LUCENSE, a lembranza garimosa do amigo, e a aperta fraterna para a nosa benquerida compañeira.
Son as sentidas palabras de despedida que o noso Presidente, Xulio Xiz, adicou en nome de toda a familia do Orfeón Lucense ao amigo que se nos foi.
Descanse en Paz.



venres, 5 de maio de 2017

Luís Vázquez Muñiz



Hoxe, ao Orfeón Lucense (tamén aos queridos compañeiros do Coro de San Francisco Javier), correspóndelle a difícil tarefa de cantar para despedir a un amigo, a un dos nosos, a un querido compañeiro de moitos tempos, moitos traballos, algunhas dificultades e moitas alegrías.

O labor dun colectivo musical é disfrutar do exercicio da voz, de cantar, cumprindo o que aprendemos de pequenos de que rezar é “levantar o corazón a Deus”. Pois nós rezamos cantando, para pedir, pero tamén para darlle gracias ao Altísimo, especialmente cando cantamos en recintos sagros coma este; especialmente cando cantamos en momentos coma este.

Hoxe cantamos rezando para pedir e para dar grazas. Para pedirlle ao Señor que acolla no seu seo ao noso compañeiro Luis, e tamén para darlle grazas por tantos anos de amizade e convivencia co noso amigo Luis.

Primeiro era Luis do Banco Exterior, e así o coñecín hai xa preto de trinta anos… Pero daquela e sempre era xa Luis do Orfeón Lucense, un dos máis veteranos. Un dos procedentes dos tempos afortunados nos que Don José Castiñeira refundou este Orfeón para deixárnolo en herdanza a todos os que iamos tendo algo que ver cun colectivo senlleiro que conforma unha gran familia, que ten por norte elevarnos conxuntamente por medio da harmonía da canción; por medio da expresión colectiva, igualitaria, de erguer os corazóns e deixar que a música nos invada, flúa, e nos transporte a un mundo musical, case perfecto.

Luis era cantor solidario, responsable, serio, amigo… amigo de todos; absolutamente de todos. Nunca lle escoitamos unha palabra discordante… Sempre no seu lugar de home bo, responsable, ao que se podía acudir para falar e para pedir axuda. E consello. E tranquilidade. Durante moitos anos foi o responsable da economía do Orfeón, e nunca como entón tivemos organizadas as sempre precarias finanzas dun colectivo sen ánimo de lucro pero cunha complexa organización e funcionamento.

Hoxe, todos vós sodes testemuña, cantamos por Luis, cantamos a misa de Don José Castiñeira, que tanto lle gustaba, cunha aportación extraordinaria do noso Director, Marcos Fernández Mosquera… xa dixemos que para pedir e para dar as grazas. Quizais porque en vida nunca lle demos as grazas a Luis pola súa constancia, pola súa presencia, pola súa dedicación… E neste momento en que todo parece rematar para Luis, pero en realidade todo comeza, cantamos tendo partido o corazón, pero tendo moi presentes os moitos anos nos que Luis nos aportou a voz e a bonhomía, facéndonos saber que cando cantamos non é a voz o máis importante, senón a alma. 

Cantando, xuntámonos á súa familia –a súa muller, as súas fillas e xenro, o seu neto, seu irmán… e dicísmoslle adeus – en realidade, ata sempre- a Luis, o compañeiro da voz, do corazón, e da alma!.

(Oración por LUIS VÁZQUEZ MUÑIZ o 17 de abril de 2017 na Igrexa de San Francisco Xavier-Lugo. Xulio Xiz é Presidente do Orfeón Lucense)


Publicado o 05. 05. 2017 en Galicia Digital

sábado, 15 de abril de 2017

Adeus

Estamos conmovidos e moi impresionados.
O noso compañeiro Luis Vázquez Muñiz, membro do Orfeón Lucense desde hai máis de 25 anos, faleceu este Venres Santo, no transcurso dunha enfermidade que non deu superado.
Aínda así, o Orfeón cantou onte a Paixón, vai cantar hoxe a Vixilia Pascual, e cantará mañá a Misa de Pascua, porque a vida segue e Luis así o querería.
O funeral será o luns, 17 de abril, ás 5 da tarde na parroquial de San Francisco Xavier.
Desde aquí enviamos á súa esposa, Pilar, e ás súas fillas todo o noso cariño.
Ata sempre, Luis.

xoves, 23 de xullo de 2015

Falecemento de Gaspar Callejo



Nacido o 25/05/1919 en Palencia, onde foi organista do Seminario de Palencia, da parroquia de S. Andrés de Carrión de los Condes (Palencia).
Ordenouse sacerdote o 6 de xuño de 1943.
Estudou música en Madrid e Barcelona e desempeñou a función de Cóengo-Organista 1º da Catedral de Lugo. 
Compuxo dúas Misas a dúas voces, varias cancións relixiosas e folclóricas.
Faleceu o 21 de xullo. Hai un funeral de irmandade na Catedral o venres 24 ás 11h.