Amosando publicacións coa etiqueta Aniversario. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Aniversario. Amosar todas as publicacións

luns, 28 de setembro de 2026

Convocado o III Premio de Humanidades José Castiñeira

    En poucas semanas estaremos no último domingo de outubro, data na que lembramos ao refundador do Orfeón Lucense, D. José Castiñeira Pardo, cunha misa de aniversario conmemorativa do seu pasamento e coa entrega do III Premio de Humanidades que leva o seu nome; ambos actos na Catedral de Lugo.

    Reproducimos aquí a convocatoria de dito premio e emprazamos a quen queira  presentar candidaturas segundo as bases da mesma.


    O ORFEÓN LUCENSE, en colaboración coa Diócese de Lugo, a Catedral lucense e a familia do seu fundador, José Castiñeira Pardo, convoca a III edición do PREMIO “JOSÉ CASTIÑEIRA” de Humanidades, para honrar a personas ou institucións que, pola súa traxectoria, disposición e entrega, se distingan no seu labor humanístico, nas artes ou nas letras, a prol da convivencia social e na mellora das relacións humanas, seguindo o exemplo de traballo e entrega do musicólogo, crego e profesor do que leva o nome.

    O premio, sen dotación económica, consistirá nunha placa que deixe constancia do nomeamento, e será entregado nun acto público e solemne, no claustro da Catedral de Lugo, o último domingo do mes de outubro, inmediatamente despois da celebración relixiosa do cabodano do P. Castiñeira, e antes da ofrenda que tradicionalmente se celebrá na súa tumba.

    O xurado que concederá o premio estará formado por representantes da entidade convocante, da familia Castiñeira, da S.I.C.B. e da Diocese de Lugo, podendo incorporar persoas de recoñecido prestixio da sociedade lucense e galega.

    A este premio poden presentar propostas as asociacións culturais, entidades oficiais ou privadas, os particulares que o desexen, e os mesmos membros do xurado, con exposición razoada dos méritos de cada candidato/a proposto/a, ata o próximo 16 de outubro, enviándoas ao correo info@orfeonlucense.com, ou entregándoas persoalmente nas oficinas do Pazo bispal de Lugo. 

domingo, 5 de decembro de 2021

O Orfeón no Belén de Begonte

  O sábado pasado inaugurouse por quincuaxésima vez o Belén de Begonte. En 1972 Xosé Domínguez Guizán e Xosé Rodríguez Varela empezaron a traballar na idea de construir un belén coas peculiaridades dunha aldea do interior de Galicia. A idea fructificou, engadíndolle cada ano novos elementos ata o que coñecemos na actualidade, cincuenta anos despois.

  Deu comezo o acto coa presentación a cargo do noso Presidente e membro do Colectivo Egeria, Xulio Xiz, que salientou a particularidade  de dita celebración e fixo unha semblanza da historia do Belén.

   Por ser unha celebración especial e por ser o primeiro ano do seu mandato como prelado da diócese, Fernando García Cadiñanos, bispo de Mondoñedo - O Ferrol, foi o pregoeiro do nadal begontino. 

  O ilustre pregoeiro convidou aos presentes a ver o 'pequeno milagre' que é o belén cos ollos dun neno e adicoulle ao Neno que nace un poema de Manuel Regal titulado Que ben que viñeses, Xesús como acollida ao seu nacemento.

 O Orfeón dirixido por Marcos Fernández Mosquera e a banda Sons e Soños por Armando Morales puxeron o acompañamento musical ao evento, en ocasións conxuntamente.

 A nosa agrupación coral acompañou a misa  e ao final ofreceu un pequeno concerto. O repertorio foi o seguinte:

   Misa:
     - El tamborilero. K. K. Davis.  (Acomp. pola banda Sons e Soños).
     - Señor ten piedad. Misa Alrededor de tu Mesa. F. Palazón.
     - Aleluya. I. García Ramos.
     - Santo. Misa Pascual. X. Castiñeira.
     - Cordero de Dios. A. Taulé.
     - Noche de Paz. F. X. Gruber. Arr. X. Castiñeira. (Acomp. pola banda Sons e Soños)

   Concerto:
      - En una choza. M. Praetorius.
      - Linda noite. Popular do Algarve.
      - La vieja. Trad. española. Harm. A. Parker e R.Shaw.






   

   

venres, 20 de setembro de 2019

Aniversario

O vindeiro domingo, 22 de setembro, celebrarase unha misa na catedral por cumprirse o primeiro aniversario de que a Xunta de Galicia proclamara a Semana Santa Lucense como festa de interese turístico galego. 
O Orfeón congratúlase e espera que o recoñecemento sexa pronto a nivel nacional.

O repertorio que interpretará nesta ocasión é o seguinte:
- Entrada: Alrededor de tu mesa. F. Palazón
- Señor ten piedad, Gloria, Cordero de Dios. F. Palazón
- Salmo: Alabad al Señor que alza al pobre. Elizalde
- Aleluya. I, García Ramos
- Comuñón: Pan de vida nueva. M. Frisina
                   Jesu!, Rex admirabilis. G.P. da Palestrina.












venres, 1 de agosto de 2008

A festa do Orfeón Lucense, por Xulio Xiz

Efectivamente, fixemos festa os compoñentes do Orfeón Lucense, agrupación que me honro en presidir.

Coidamos que a ocasión o merecía, se temos en conta que se cumpriron cento vinteoito anos desde a fundación do primeiro Orfeón por Xoán Montes, e vintecinco desde a refundación polo lembrado José Castiñeira Pardo, crego e músico, mestre de música da Catedral, o que tamén nos ten convertido desde este “re-nacemento” no coro oficial da Catedral lucense.

Por pouco non somos o primeiro de Galicia, pero aínda que Xoán Montes é un dos músicos galegos máis destacados, gañoulle pola man por pouco Pascual Veiga, tamén desta terra, tamén inspirado compositor, que tivo no seu haber a creación e dirección de destacadas agrupacións musicais.

Xa que había que celebrar esta doble efeméride, miramos hacia atrás escribindo a nosa historia –a longa e a máis curta- do que se encargaron o musicólogo Juan Bautista Varela de Vega (lucense, académico en Valladolid, prestixioso investigador) e a profesora Ruth Fernández Fernández (escritora, investigadora e membro do Orfeón).

Premiamos a lucenses que fixeron e fan historia no mundo da música, entre os que están Mini e Mero (fundadores da mítica “Fuxan os Ventos”), o crego investigador Xesús Mato, o director Indalecio Fernández Groba, o compositor Alejandro Besteiro Silva, o organizador José García Gesto, o organista José Molejón, as cantantes Pilocha e Noemí Mazoy, e a título póstumo Enrique Alvarellos e Francisco Méndez. Así mesmo foron distinguidos os socios do Orfeón que levan participando desde a súa fundación, e a título póstumo Mercedes Álvarez Maristany.

Fixemos dous encontros de música sacra con este motivo, editamos unha medalla de Sargadelos, lembramos a figura do noso fundador e erguemos un monumento á súa memoria na nova Praza do Seminario, obra do escultor mindoniense Juan Puchades Quilis.

Un cuarto de século

Certo que houbo diversos actos relacionados con Lugo, a música, os cantores lucenses e o Orfeón, que rexistraron unha destacada asistencia por parte dos simpatizantes desta agrupación, de antigos membros, de lucenses que gostan da música, e non sabería dicir cal deles foi o máis entrañable ou digno de lembranza, pero o certo que unha vez rematadas as celebracións quédanos un regustiño satisfactorio por ter cumprido coa obriga que marcaba este aniversario. Porque cumprir vintecinco anos nunha agrupación cultural é moi importante, máis se arredor de nós temos moitos dos fundadores que ou seguen participando, ou –retirados da vida cantora activa – ven con simpatía e apoian moralmente a marcha da nosa colectividade.

Honramos ó fundador e ós que levan vintecinco anos como cantores mozos –a música fai novos ós que a practican-, publicamos un libro sobre douscentos anos de música na Catedral de Lugo, obra de Juan Bautista Varela de Vega, e inauguramos oficialmente local propio que, con traballo pero tamén con infinita satisfacción, temos aberto ós lucenses no número cinco da rúa Cruzamento.

Superada esta proba que nos impuxemos, haberá que buscar novas metas que nos marquen traxectoria e introduzan na nosa vida colectiva de ensaiar-cantar, marcada pola satisfacción permanente de facer o que nos gosta, ese punto de aventura que sempre convén nunha agrupación que só rexistra o peso da historia para camiñar repousada polos vieiros da música, e a responsabilidade do nome que levamos para saber que –por denominación, e tendo sempre moi en conta o resto das agrupacións lucenses- onde cheguemos queda moi clara a nosa procedencia e pertenza a unha cidade bimilenaria que –por antiga e por culta- sabe de música e de celebracións.
Futuro

Ninguén sabe o que o futuro lle depara. Pero estamos abertos a el. Queremos seguir disfrutando da música, de toda a música. Queremos seguir cantando, na Catedral e fóra dela. Se hai xa dezaoito anos representamos a zarzuela “Non chores, Sabeliña”, como homenaxe a Trapero Pardo aínda en vida; se creamos un “Concerto galego comentado” que seguimos a interpretar onde nos chaman; se levamos nove edicións de concertos internacionais de música sacra, non podemos deixar que as celebracións pasadas nos permitan recrearnos satisfactoriamente no realizado. Quédanos moito que facer, e estamos collendo carreira para seguir traballando pola música e por Lugo.

Galicia digital (1.08.2008)