O pasado sábado, día 4 de xullo, celebramos a VIII Noite Coral Lucense, un circuito itinerante de concertos de música sacra que se leva a cabo en templos emblemáticos do centro histórico da cidade e que o Departamento de Música Litúrxica da Diócese de Lugo vén organizando con gran acerto e éxito.
O Orfeón estivo dirixido pola súa titular, Sara Nebra, acompañado ao órgano positivo por Andrés Gutiérrez Fernández e o repertorio interpretado foi o seguinte:
- Anónimo do s. XVIII. Nitida stella.
- Tomás Luís de Victoria (1548 - 1611). Ave María.
- Jouzas Naujalis (1869 - 1964). In Monte Oliveti.
- Esteban Tozzi (1962). Pater noster.
- Karl Kempter (1819 - 1871). Gloria. Pastoralmesse.
Dada a duración total do acto, limitouse o tempo de actuación de cada agrupación para permitir que os seareiros puideran asistir a todas elas sen sobrepasar os límites da súa atención. Así, cada 30 minutos comezou un recital, dando tempo para os desprazamentos dun lugar ao outro.Como en cada edición, o final foi na Catedral, reunindo a todos os cantores para interpretar a Historia di Jephte de Giacomo Carissimi, unha obra pertencente ao barroco que recolle un relato do Libro dos Xuices no cal se pón de manifesto a integridade, a valentía dos protagonistas e tamén a imprudencia de facer votos de maneira impulsiva sen calibrar as consecuencias.
Esta última obra estivo dirixida por Giulio Mercati e acompañada polo
Concentus instrumentalis Lucensis, cuxos compoñentes, así como os solistas e directores de todas as agrupacións especifícanse no programa que se adxunta na imaxe.
Nas imaxes, de arriba abaixo, o programa da velada musical, un momento da actuación da nosa agrupación coral, o banner publicitario do Orfeón Lucense, dous momentos da entrega de agasallos e unha instantánea do concerto final na Catedral.




