Amosando publicacións coa etiqueta Corpus Christi. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Corpus Christi. Amosar todas as publicacións

luns, 23 de xuño de 2025

Misa de Corpus Christi 2025

    O pasado domingo, día 22 de xuño, celebrouse na Catedral de Santa María a solemnidade do Corpus Christi. 

  Como vén sendo habitual nos últimos anos esta cerimonia, ademais da relevancia relioxiosa propia da data, adquire unha especial notoriedade e vistosidade, pois o Orfeón Lucense dirixido por Marcos Fernández Mosquera, comparte o acompañamento musical da misa coa Banda Filarmónica, dirixida por Iván Martínez Sabio; cos órganos catedralicios, con D. Luís Varela Castiñeira como organista e Mestre de Capela da Catedral e coa agrupación folklórica Os Xílgaros e o seu gaiteiro Óscar Pérez.

  A celebración deu comezo ás 11:00 cunha interpretación de dito gaiteiro que acompañou a entrada das autoridades eclesiásticas no altar maior, tras a cal se iniciaron os solemnes oficios presididos polo bispo da diócese, D. Alfonso Carrasco Rouco e conducidos por D. David Varela.

  O prelado na homilía, despois de exhortar aos fieis á reafirmación na fe e no amor, salientou a necesidade de contrapoñer a Paz ao ambiente de guerra e egoísmo imperante na actualidade; Paz, segundo dixo, á que podemos contribuir cada un de nós individualmente comezando na nosa contorna.    

  O repertorio interpretado polo Orfeón nesta ocasión foi o seguinte:

  • O pan do ceo. X. Portas Ferro / Isauro G. Ramos. (1)
  • Señor ten piedad. Misa Alrededor de tu Mesa. F. Palazón. (2)
  • Gloria. Misa Alrededor de tu Mesa. F. Palazón. (2)
  • Alleluia dit irlandais. L. Deiss. (1)
  • Ave verum. J. P. Lécot. (1)
  • Santo. Misa Alrededor de tu Mesa. F. Palazón. (2)
  • Cordero de Dios. Misa Alrededor de tu Mesa. F. Palazón. (2)
  • Pescador de hombres. C. Gabaráin / B. Corona. (1)
  • Jesus bleivet meine Freude. J. S. Bach. (2)
  • Virxe dos Ollos Grandes. I. Martínez Sabio. (2)
(1) Acompañados ao órgano por Luís V. Castiñeira.
(2) Acompañados pola Banda Filarmónica dirixida por Iván M. Sabio.

  Por último tivo lugar a procesión do Santísimo que se iniciou no interior da sé aos acordes dunha marcha composta polo director da Banda Filarmónica, Iván Martínez Sabio, titulada Virxe dos Ollos Grandes, que o Orfeón estreou neste acto.

  Despois do percorrido polo centro histórico nun día climatoloxicamente soleado, que favoreceu a asistencia de fieis, regresou a comitiva á Catedral; e cos últimos cantos de adoración ao Santísimo deuse por concluída esta solemne xornada.

 A continuación acompañamos imaxes deste acto, tomadas da páxina web da  Diócese de Lugo.








    


    

luns, 3 de xuño de 2024

Misa de Corpus Christi 2024

   O tempo permitiu que puidéramos congregarnos na Praza de Santa María para celebrar o Corpus Christi. 

  Alí ás once da mañá, coa praza lastrada de sillas e paraugas brancos para guarecerse do calor, foron dándose cita fieis, nenos de primeira comuñón, músicos cos seus instrumentos e cantores, cadaquén nos seus lugares de emprazamento.

   Despois dun ensaio breve para ensinar aos asistentes algunhas das melodías nas que irían participar, deu comezo a cerimonia presidida polo prelado da diócese, D. Alfonso Carrasco Rouco, e concelebrada por varios sacerdotes.

   Situados na parte dereita da praza, mirando cara ao Pazo Episcopal, ubicouse o Coro do Hospital, o Orfeón Lucense dirixidos por Fernando Gómez Jácome e Abraham Sánchez Pujante, respectivamente  e a Banda Filarmónica dirixida por Iván Martínez Sabio; que conxunta ou individualmente interpretaron o seguinte repertorio:

   - Con Ledicia vimos. A. Fdez León.

   - Señor, ten piedad. Misa Solemne. J. Castiñeira. Arr. U. Domínguez.

   - Gloria. Misa Solemne. J. Castiñeira. Arr. U. Domínguez.

   - El cáliz que bendecimos. Salmo.

   - Alleluia. I. G. Ramos.

   - Santo. Misa Solemne. J. Castiñeira. Arr. U. Domínguez.

   - Cordero de Dios. Misa Solemne. J. Castiñeira. Arr. U. Domínguez.

   - Pescador de hombres. B. Corona.

   - Eucaristía. Taizé/ Fdez. León.

   Rematada a misa saiu a procesión polas rúas máis céntricas do casco histórico acompañada pola Banda Filarmónica e co fondo dun intenso repenique das campás da Catedral.

   Xa de volta na praza, tiveron lugar os últimos rezos e deuse por finalizada a celebración.

   Na imaxe unha instantánea deste acto.






   

luns, 12 de xuño de 2023

Misa de Corpus Christi 2023

 A Praza de Sta. María un ano máis engalanouse para a celebración do Corpus Christi. Desde ben cedo dispúxose un altar rodeado de flores, distintivos eucarísticos nos balcóns do Pazo Episcopal e moreas de sillas brancas que acollerían os numerosos fieis congregados alí máis tarde.

  A celebración estivo presidida polo prelado da diócese, D. Alfonso Carrasco Rouco, acompañado de distintos membros do cabildo e coa presenza das autoridades locais.

 A climatoloxía benigna favoreceu a brillantez do acto, á que contribuiu a actuación da Banda Filarmónica, dirixida por Iván Martínez Sabio; o Coro do Hospital de Lugo, dirixido por Fernando Gómez Jácome; o Orfeón Lucense, dirixido por Marcos Fernández Mosquera e o acompañamento de órgano por Xavier de Acosta.

  O repertorio interpretado foi o seguinte:

- O pan do ceo. X. Portas Ferro / I. G. Ramos.

- Señor ten piedad. Misa Solemne. J. Castiñeira.

- Gloria. Misa Solemne. J. Castiñeira.

- Glorifica al Señor. Salmo.

- Aleluya de los irlandeses. J. P. Lécot.

- Santo. Misa Solemne. J. Castiñeira.

- Cordero de Dios. Misa Solemne. J. Castiñeira.

- Pescador de hombres. C. Gabarain / B. Corona.

- Pange lingua. Gregoriano.

- Ave Verum. W. A. Mozart.

- Alabado sea el Santísimo. Tradicional.

- Tantum ergo. Gregoriano.

- Cantemos al Amor. J. I. B. de Sagastizábal.

 Desfrutamos ademais da presenza do grupo tradicional Os Xílgaros que actuaron durante a procesión que tivo lugar polas rúas do casco histórico, como é costume.

 Á recollida da procesión, que fora iniciada cun potente repique de campás, entoáronse os últimos cantos e rezos e pouco a pouco a praza foi volvendo ao seu ritmo habitual.

  Na imaxe un momento previo á celebración.

   






domingo, 19 de xuño de 2022

Corpus Christi 2022

  Con ameaza de treboada na Praza de Santa María, a Banda Filarmónica, o Coro do Hospital e o Orfeón Lucense, colocámonos na entrada norte da Catedral ao abrigo do pórtico para protexernos das probables chuvieiras que puideran caer. Presididos  polo espléndido pantocrator, agardamos o inicio da liturxia do día.

 A cerimonia do Corpus Christi estivo rexida por Monseñor Carrasco Rouco, contou coa asistencia das autoridades e de numerosos fieis.

 A agrupación de música tradicional Os Xílgaros e unha agrupación de vento tamén formaron parte activa no acompañamento musical do acto.

 A Banda Filarmónica e as dúas corais estiveron dirixidas por Iván Martínez Sabio coa intervención de Marcos Fernández Mosquera nalgunhas pezas e o acompañamento de D. Luís Varela Castiñeira ao órgano.  Os intervintes na parte musical tivemos a honra de estrear unha Misa Solemne escrita por D. Xosé Castiñeira e harmonizada para banda por Uxío Domínguez Darriba, sobriño neto do compositor.

 Ademais das pezas instrumentais as agrupacións ofreceron o seguinte repertorio vocal:

   - Hoy proclamamos firmemente. L. Burgeoise.
   - Señor ten piedad. Misa Solemne. X. Castiñeira.
   - Gloria. Misa Solemne. X. Castiñeira.
   - Salmo: Tú eres sacerdote eterno.
   - Alléluia dit Irlandais. F. O'Caroll e L. Deiss
   - Santo. Misa Solemne. X. Castiñeira.
   - Cordero de Dios. Misa Solemne. X. Castiñeira.
   - Pescador de hombres. C. Gabaráin. Harm.: B. Corona.
   - Jesus bleivet meine feude. J. S. Bach.

   Nas imaxes, dous momentos da celebración:






luns, 14 de xuño de 2021

Vésperas da Oitava de Corpus

Retomamos a celebración das Vésperas da Oitava do Corpus. Despois de máis dun ano voltamos a cantar desde o Coro e a desfrutar da maxestuosa vista da catedral desde alí.

O Orfeón cantou dirixido por Marcos Fernández Mosquera e acompañado ao órgano por Xavier de Acosta. O repertorio foi o seguinte:

- O salutaris. L. Perosi.

- Antífonas e salmos. Gregoriano.

- Magnificat. Gregoriano.

- Ave Verum. W. A. Mozart.




luns, 7 de xuño de 2021

Corpus Christi 2021

Foi para nós un pracer poder celebrar este ano a solemnidade do Corpus despois da interrupción do ano pasado a causa do confinamento, e con maior motivo por cantar  cos amigos do Coro do Hospital de Lugo.

A liturxia celebrouse na Praza de Santa María, dada a bonanza meteorolóxica, observando todas as medidas hixienicosanitarias e con algúns cambios respecto doutros anos, impostos pola situación de pandemia que aínda vimos padecendo.

O Coro do Hospital e o Orfeón Lucense compartimos a parte musical dos oficios, dirixidos por Fernando Gómez Jácome e Marcos Fernández Mosquera, acompañados ó órgano por Luís Varela Castiñeira, Mestre de Capela da Catedral de Lugo; ademais da Agrupación de Música Tradicional Os Xílgaros e a intervención de Rosa e a súa familia.

O repertorio coral foi o seguinte:

- Con ledicia vimos. A. Fernández León.
- Señor ten piedad. Misa Solemne. X. Castiñeira Pardo.
- Gloria. J. P. Lécot.
- Aleluya. Isauro G. Ramos.
- Santo. Misa Solemne. X. Castiñeira Pardo.
- Cordero de Dios. Misa alrededor de tu Mesa. F. Palazón.v
- Yo soy el pan de vida. S. Toole.
- O salutaris. L. Perosi



martes, 18 de maio de 2021

Retomando a vida

Comezamos a ensaiar no Claustro da Catedral para as solemnidades do Corpus Christi e para a Noite Coral 2021. Cantamos en grupo reducido e cumprindo estrictamente as medidas propostas polas autoridades. Alédanos poder albiscar de novo a vida!!

Nas imaxes distintos momentos dun ensaio da Noite Coral.