Amosando publicacións coa etiqueta Abraham Sánchez Pujante. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Abraham Sánchez Pujante. Amosar todas as publicacións

luns, 15 de xuño de 2026

Vésperas da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia 2026

    O sábado anterior ao domingo da Oitava do Corpus Christi celébranse na Catedral de Santa María as Solemnes Vésperas da Oitava do Corpus Christi á que asisten as autoridades civís e eclesiásticas que toman parte na celebración do día seguinte e numerosos fieis seguidores.

    Este ano o Orfeón Lucense tamén acompañou cos seus cantos este acto. Comezou este ás oito do serán presidido polo prelado da sé, D. Alfonso Carrasco Rouco e foi concelebrado polos bispos das dióceses das sete cidades do Antigo Reino de Galicia, co auxilio doutras ordes eclesiásticas. 

    A nosa agrupación coral, dirixida por Abraham Sánchez Pujante, Director de Música Litúrxica da Diócese, interpretou, dialogando co celebrante, as Solemnes Vésperas da Oitava do Corpus Christi e a continuación tivo lugar a misa, na que o repertorio foi o seguinte:

  • Kyrie en Re Majeur. Jean Paul Lécot.
  • Gloria de Lourdes. Jean Paul Lécot.
  • Aleluia. Isauro García Ramos.
  • Ave verum. Jean Paul Lécot.
  • Sanctus de Lourdes. Jean Paul Lécot.
  • Agnus Dei de la Messe Peuples de la Terre. Jean Paul Lécot.
  • Anima Christi. Marco Frisina.

    Na imaxe, vista norte da Catedral. Tomada da web da Diócese de Lugo.

    


luns, 8 de xuño de 2026

Misa de Corpus Christi 2026

    O domingo, 7 de  de xuño, foi a solemnidade do Corpus Christi. Na Catedral de Lugo sempre é unha das festividades de maior realce que nesta ocasión tamén estivo presidida polo prelado da diócese, D. Alfonso Carrasco Rouco, acompañado por membros da curia catedralicia e ordes auxiliares.

    Desde hai anos xa é tradición que na Catedral de Lugo, se o tempo o permite, se celebre unha misa na Praza de Santa María para darlle maior brillo e visibilidade. Así foi tamén nesta ocasión. 

   Desde a primeira hora da mañá estaba instalado un altar diante do Pazo Episcopal e adornadas as escaleiras con alfombras e flores. A praza lucía ben luminosa, chea de sillas brancas que serían ocupadas despois por un bo número de fieis, músicos e coristas. 

   Na parte dereita da praza, mirando ao altar, situáronse os  encargados da  parte musical da liturxia, que correu a cargo do Coro do Hospital e o Orfeón Lucense acompañados pola Banda Filarmónica, dirixidos por Sara Nebra e Iván Martínez Sabio e actuando nas partes solistas Abraham Sánchez Pujante. 

 

    O repertorio interpretado por coros e banda foi o seguinte:

  • Con ledicia vimos. Antón Fdez León.
  • Missa brevis. Kyrie. Jacob de Haan.
  • Gloria de Lourdes. Jean Paul Lécot.
  • Aleluia. Isauro García Ramos.
  • Ave verum. Wolfgang Amadeus Mozart.
  • Sanctus-Benedictus. Missa brevis. Jacob de Haan. Arr. Abraham Sánchez Pujante.
  • Agnus Dei. Missa brevis. Jacob de Haan.
  • Pescador de hombres. Cesáreo Gabaráin.
  • Cantemos al Amor. Ignacio Busca de Sagastizábal. 

    Finalizada a misa, saiu a procesión acompañada polo grupo tradicional Os Xílgaros e a Banda Filarmónica seguida das autoridades e o público que percorreron as rúas do centro histórico. Ao pasar pola Ronda á altura das oficinas do Concello, a comitiva detívose brevemente para escoitar de novo aos dous coros, previamente situados alí, para interpretar Cantemos al Amor, o himno de Ignacio Busca de Sagastizábal.

    Rematou esta festividade tan relevante da mellor forma, xa que a nosa agrupación celebrou o seu xantar anual de fin de curso.

   Nas imaxes, momentos do día. Agradecemos á Diócese de Lugo poder compartilas.


domingo, 30 de novembro de 2025

Misa de clausura do Curso de Pastoral da Saúde

    Este sábado, 29 de novembro, o Orfeón foi convidado a cantar a misa de clausura do Curso de Pastoral da Saúde organizado por esta diócese.

    A celebración tivo lugar na catedral e estivo presidida por D. Miguel Ángel Fernández Vilariño, Delegado Episcopal de Pastoral da Saúde.
 
  A nosa coral estivo dirixida por Abraham Sánchez Pujante, acompañada ao órgano por Nemesio Gutiérrez e o repertorio interpretado foi o seguinte:

  • Ven Señor ás nosas almas. Luís Olano.
  • Kyrie en Ré Majeur. Jean Paul Lécot.
  • Qué alegría. Salmo.
  • Aleluia. Isauro García Ramos.
  • Ave Verum. Jean Paul Lécot.
  • Sanctus de Lourdes. Jean Paul Lécot.
  • Agnus Dei de la Messe Peuples de la Terre. Gioachino Rossini. Adapt.: Jean Paul Lécot.
  • Anima Christi. Marco Frisina.
                                     
   Nas imaxes, momentos previos ao inicio da misa.




    

venres, 7 de novembro de 2025

Actuación na homenaxe a Francisco Cacharro Pardo

     O pasado día 5 de novembro o Orfeón foi convidado por medio do seu Presidente, a participar na homenaxe a Francisco Cacharro Pardo con motivo dos dez anos do seu pasamento.

    O acto tivo lugar no salón de actos da Facultade de Veterinaria desta cidade conducido polo noso Presidente, Xulio Xiz, coa asistencia da familia, numerosas autoridades, entre elas, o Presidente da Xunta de Galicia, gran número de alcaldes, simpatizantes e amigos do finado.

    A actuación da nosa coral estivo dirixa por Abraham Sánchez Pujante e o repertorio interpretado foi o seguinte:

    Nesta última peza fomos acompañados polo gaiteiro Sergio del Río, da agrupación Bágoas da Terra, de Viveiro, quen tamén iniciou o acto interpretando o Himno do Antigo Reino de Galicia.

    No transcurso do acto comunicouse por parte de Xulio Xiz e Antonio Giz a existencia dunha exposición itinerante, unha páxina web e un libro da autoría de ambos, con numerosas colaboracións, que versan sobre a figura do homenaxeado; libro repartido gratuitamente ao concluír a xuntanza.

    Na fotografía que segue recóllese un momento da celebración.

    



martes, 8 de xullo de 2025

VII Noite Coral Lucense

    Este sábado, 5 de xullo, tivo lugar un dos eventos esperados polas agrupacións corais que nel veñen participando desde hai anos nestas datas. É a Noite Coral Lucense que xa acada este ano a súa sétima edición.

    Trátase dun itinerario musical que percorre os principais templos do centro histórico levando a música sacra á súa expresión máis elevada nun marco artístico relevante como é o das igrexas da nosa cidade, para acabar cunha interpretación final conxunta de todos os participantes na Catedral de Sta. María.

    Comezou esta vez na Igrexa de S. Pedro coa actuación do Orfeón Lucense dirixido por Marcos Fernández Mosquera, co seguinte repertorio:

  • Jesu, Rex admirabilis. G. P. da Palestrina. Jesu dulcis memoria. Gregoriano.
  • Miserere. G. Donizetti. 
    • Versetto 16. Domine labia mea
    • Versetto 18. Sacrificium Deo
    • Versetto 20. Tunc acceptabis
  • Nunc dimittis. Sir Ch. Villiers Stanford.
        Contrabaixo: Miguel Ángel Marín Calderón       
        Harmonio: Andrés Gutiérrez Fernández
        Dirección: Lupe Enríquez Parga   
  • Sicut lilium inter spinas. M. Raczynski.
  • Cantate Domino. A. Gretchaninoff.
    A esta actuación seguiron a do Gruppo Vocale San Bernardo na Igrexa de San Froilán, de Carminis Habitus na Igrexa da Nova, e de Solo Voces na Igrexa dos Franciscanos; das que se adxuntan os programas na imaxe que enlazamos máis abaixo. Finalmemte confluíron todos os coros na Catedral de Santa María para entoar o Gloria en Re M. de Antonio Vivaldi acompañados do Concentus Instrumentalis Lucensis baixo a dirección de Giulio Mercati.

  Numerosos seareiros da Noite Coral completaron o circuito de recitais nesta velada, moitos dos cales xa nos son caras familiares; sendo a asistencia especialmente numerosa no concerto final, ao que tamén acudiron as autoridades eclesiásticas.

  Foi verdadeiramete emocionante participar neste acontecemento musical que enche de son e arte a noite lucense e na que se dan cita algunhas das  mellores voces da cidade apoiadas por cantantes e instrumentistas profesionais.

  É de agradecer a Luís Varela Castiñeira, que tomou a iniciativa desta actividade; a Abraham Sánchez Pujante, e a Giulio Mercati, director artístico do Festival Internacional de Órgano e da Noite Coral, toda a actividade que vén desenvolvéndose desde hai uns anos na contorna da Catedral para poñer en valor a Música Sacra, os instrumentos valiosos que albergan os nosos templos e os templos en si mesmos; feitos que contribúen a elevar o nivel cultural desta cidade.

  Este concerto marca para o Orfeón Lucense un cambio na súa dirección. O ata agora director titular, Marcos Fernández Mosquera, cesa como tal a petición propia por motivos persoais e toma o relevo Sara Pérez Cruz, Sara Nebra, soprano que está na nosa agrupación desde o tempo en que existía a Escolanía anexa ao Orfeón. Formarán parte do seu equipo Abraham Sánchez Pujante, Director do Departamento de Música Litúrxica da Diócese e Lupe Enríquez Parga.

  É de xustiza agradecer a Marcos Fernández Mosquera a súa adicación ao coro durante máis de trinta anos, primeiro como cantor e nos doce últimos como director. Nesta etapa de crecemento transmitiunos a súa paixón e gusto pola música vocal, tanto profana como sacra, elevando as interpretacións do Orfeón a un moi bo nivel para un coro non profesional. Alegrámonos de seguir contando con el como cantor e como compañeiro ao tempo que lle desexamos felicidade e desfrute nesta nova andadura. 

  Acompañamos o programa completo que se interpretou nesta VII edición da Noite Coral.




mércores, 12 de marzo de 2025

Funeral por Paula Alvarellos, exalcaldesa de Lugo

     Este luns. día 10 de marzo, o Orfeón Lucense estivo presente cos seus cantos no funeral institucional de Paula Alvarellos, que foi alcaldesa de Lugo ata a súa prematura e inesperada morte o día 1 deste mes.

   A misa estivo oficiada polo prelado da diócese, D. Alfonso Carrasco Rouco, e concelebrada por varios coengos. Actuou como condutor da cerimonia D. David Varela, Rector do Seminario, e contou coa presenza da familia da exalcaldesa en lugar preferente, da Corporación Municipal, autoridades civís, militares e eclesiásticas, así como numeroso público que enchía o templo en boa parte.

    O oficiante durante a homilía lembrou á finada que en tantas ocasións estivera presente nos oficios da catedral con motivo de distintas celebracións e festividades como persoa afable e entregada á súa cidade.

    O Orfeón, dirixido por Abraham Sánchez Pujante, director do departamento de Música Litúrxica da Diócese e acompañado ao órgano polo prefecto de Música, Luís Varela Castiñeira; interpretou o seguinte repertorio:

  • Kyrie en Re Majeur. J. P. Lécot.
  • El Señor es mi pastor. Salmo.
  • Interleccional. J. Castiñeira.
  • O salutaris. L. Perosi.
  • Santo de Lourdes. J. P. Lécot.
  • Agnus Dei. Messe peuples de la Terre. J. P. Lécot.
  • Yo soy el pan de vida. S. Toolan.
  • Más cerca, oh Dios. L. Mason.
    Nas imaxes, dúas instantáneas do acto tomadas das redes sociais do Concello de Lugo.