Amosando publicacións coa etiqueta Elena Candia. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Elena Candia. Amosar todas as publicacións

luns, 17 de agosto de 2026

Misa de Nosa Señora 2026

    O Orfeón Lucense participou este sábado na misa solemne de Nosa Señora que, baixo a advocación da Virxe dos Ollos Grandes, é a patroa de Lugo. 

  Celebrouse na Catedral e estivo presidida polo prelado da diócese, D. Alfonso Carrasco Rouco, concelebrada por varios cóengos asistidos por ministros auxiliares e contou coa asistencia dos membros da corporación municipal e outras autoridades ademais de numerosos fieis.

  O Orfeón, dirixido por Sara Nebra e acompañado ao órgano por Nemesio Gutiérrez e Andrés Gutiérrez, interpretou o seguinte repertorio:

  • Himno a la Virgen de los Ojos Grandes. Ángel Garrote /Julián Ortiz.
  • Kyrie en Ré Majeur. Jean  Paul Lécot / Paul Décha.
  • Gloria de Lourdes. Jean Paul Lécot.
  • Alléluia. Isauro García Ramos.
  • Nitida stella. Anónimo S. XVIII. Harm. M. Gemmani.
  • Sanctus de Lourdes. Jean Paul Lécot.
  • Agnus Dei de la Messe "Peuples de la Terre". Gioachino Rossini / Jean Paul Lécot.
  • Ave Maria. Tomás Luis de Victoria.
  • Anima Christi. Marco Frisina.

 Ao finalizar a misa, os oficiantes, autoridades e fieis desprazáronse ata o camarín da Virxe dos Ollos Grandes. Alí a nosa compañeira Ángeles Rodríguez Fontela pronunciou unha plegaria á que sucedeu a ofrenda floral presentada pola alcaldesa da cidade, Elena Candia.  Mentras tanto no coro da sé soaba a Cantiga 77 de Afonso X O Sabio de título Da que Deus mamou, na que se narra un milagre sucedido en Lugo: a curación dunha muller tolleita  por mediación da Virxe.

  Sobre a singular beleza e o significado da capela na que se venera á nosa patroa enlazamos aquí, por consideralo de interese, un traballo de Dolores Vila Jato, da Universidade de Santiago, publicado pola Universidade de Valencia baixo o título de La capilla de la Virgen de los Ojos Grandes de la Catedral de Lugo, un espacio de exhaltación mariana.

  Hai que sinalar que nesta actuación tivemos a honra de contar  con dous cantores de excepción: Lidia Basterretxea, soprano profesional e profesora de Canto e Giulio Mercati, organista, compositor, profesor e director artístico do Festival Internacional de Música de Órgano da Diócese de Lugo, ambos residentes en Saronno (Italia), cun amplo desenvolvemento profesional no eido da Música e as artes escénicas en diferentes lugares de Europa. Os dous son amigos da nosa agrupación coral aos que agradecemos a súa presenza.

  Por outra parte, nesta actuación remata unha nova etapa do Orfeón baixo a dirección de Sara Nebra, quen cesa a petición propia por incompatibilidade coa súa actividade profesional como profesora de Canto e a quen agradecemos a súa aportación durante este curso.

   Nas imaxes, en sentido descendente: un momento da celebración, a ofrenda e a lectura da plegaria por Ángeles Rodríguez Fontela e unha imaxe do Orfeón Lucense con Sara Nebra.





venres, 19 de xuño de 2026

Misa da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia 2026




    O domingo seguinte ao Corpus Christi asistimos á misa da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia, que reúne en Lugo aos bispos e representantes civís das sete cidades históricas que conformaron este Reino.

   A tradición da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia data do século XVII, tal como se explicou nun post anterior e foi recoñecida no ano 2025 como  Ben de Interese Cultural do patrimonio inmaterial. 

 Este ano correspondeulle facer a ofrenda a Tui, que neste ano celebra o oitocentos aniversario da consagración da súa catedral, polo que a misa estivo presidida polo prelado da diócese de Tui-Vigo, D. Antonio Valín Valdés, acompañado polos bispos das restantes dióceses: D. Alfonso Carrasco Rouco, bispo de Lugo; D. Francisco José Prieto Fernández, arcebispo de Santiago de Compostela; D. José Leonardo Lemos Montanet, bispo de Ourense; D. Fernando García Cadiñanos, bispo de Mondoñedo-O Ferrol e os bispos eméritos Julián Barrio Barrio e Luís Quinteiro Fiuza.

    Ademais das autoridades eclesiásticas, asistiu o Presidente da Xunta de Galicia, D. Alfonso Rueda, a Alcaldesa de Lugo, Dona Elena Candia, membros da corporación municipal e representantes das demais cidades  galegas que, tras unha recepción no Concello, descenderon en procesión ata a Catedral onde foron recibidos polo cabildo catedralicio. Completaba a asistencia a este acto un público numeroso que enchía as naves da sé, como vén sendo habitual nesta solemnidade.

    Presentou a ofrenda o alcalde de Tui, D. Enrique Cabaleiro, que salientou esta tradición histórica e secular por facilitar e manter a unión dos pobos galegos ó longo das xeracións e pediulle  ao Santísimo protección para os máis desfavorecidos, luz e entendemento para os nosos dirixentes co fin de unir vontades para edificar unha terra cada vez mais acolledora para todos  e de inspirar a todos camiños de esperanza, de solidariedade e de xustiza.

    Respondeulle o prelado de Tui, D. Antonio Valín Valdés, quen defendeu que o rostro de Cristo non só está nos templos, senón nos pescadores que saen ao mar, nos emigrantes que abandoan o seu país para buscar unha vida mellor, na soedade non desexada dos mozos e maiores...,  e avogou por que busquemos sempre a unión na sociedade e na Igrexa, fuxindo de toda polarización, buscando a paz para conquerir en común unha sociedade fraterna e unha Igrexa samaritana que parte o pan e lava os pés dos máis vulnerables.

    O Orfeón Lucense fixo a súa aportación musical dirixido por Sara Nebra e acompañado ao órgano por Nemesio Gutiérrez e o seu fillo Andrés Gutiérrez. O repertorio interpretado foi o seguinte:
    
  • Aledémonos. José Castiñeira.
  • Misa Galega. Señor ten piedade. Gloria. Santo. Año de Deus. José Castiñeira.
  • Alléluia dit irlandais. Fintan O´Carroll / Lucien Deiss.
  • Deus do Universo. Luis de Olano.
  • O pan do ceo. Xesús Portas Ferro / Isauro García Ramos.
  • Non vou só. Miguel Carneiro / Isauro García Ramos.

    O acto contou coa presenza de representantes da Asociación Traxe Tradicional de Tui, a asociación etnográfica Traxandaina, a agrupación tradicional Os Xílgaros e a Escola O Xeito de Lugo, estes tres últimos da nosa cidade, que aportaron música e danza en distintos momentos. 

    Deles, o gaiteiro Óscar Pérez, pertencente a Os Xílgaros, deu inicio á celebración coa interpretación do Himno do Antigo Reino de Galicia acompañado por Andrés Gutiérrez ao órgano. Traxandaina asistiu á cerimonia por primeira vez este ano lucindo indumentaria histórica e poñendo en valor o patrimonio cultural inmaterial galego. Pola súa parte a Escola O xeito de Lugo puxo ritmo e cor na procesión interpretando danzas tradicionais de arcos e castañolas.

    Ao remate da cerimonia litúrxica saiu  a procesión polas rúas do centro histórico seguida das autoridades relixiosas e civís asistentes e de numerosos fieis.

  Adxuntamos imaxes deste día. De arriba a abaixo: un momento da liturxia, a arca da ofrenda, a actuación do Orfeón, a agrupación tradicional Os Xílgaros e dúas  instantánea da procesión, respectivamente. 

   Todas as imaxes están tomadas da web da Diócese de Lugo, imaxes que agradecemos.