Amosando publicacións coa etiqueta Nemesio Gutiérrez. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Nemesio Gutiérrez. Amosar todas as publicacións

martes, 27 de outubro de 2026

Misa aniversario de D. José Castiñeira 2026

     O último domingo de outubro o Orfeón Lucense lembra ao seu refundador, D. José Castiñeira Pardo, no aniversario do seu pasamento ocorrido o 31 do mesmo mes de 1989 nesta cidade.

    O Orfeón adoita incluír nos repertorios composicións do seu mestre en numerosas ocasións, pero nesta actuación, con especial querenza. Dirixido polo titular, Baruk Domínguez, e acompañado ao órgano por Nemesio Gutiérrez e Andrés Gutiérrez, interpretou as seguintes obras:

  • Aledémonos. José Castiñeira.
  • Misa Galega: Señor ten piedade. Gloria. Santo. Año de Deus. José Castiñeira.
  • Interleccional. José Castiñeira.
  • Ave verum. Jean Paul Lécot.
  • Anima Christi. Marco Frisina.
  • Más cerca, oh Dios!. Lowell Mason.
 
    Para finalizar esta parte do acto, o Presidente do Orfeón, Xulio Xiz Ramil, dirixiu unhas sentidas palabras ao noso mestre contándolle o quefacer actual da coral que el reconstituiu, verbas que reproducimos ao final deste pòst.

  De seguido desprazámonos ata o claustro da Catedral. Alí Saturnina Saprinho, incorporada recentemente ao coro, fixo unha ofrenda floral en nome de todo o colectivo na tumba do finado profesor.

  O Premio José Castiñeira de Humanidades 2026, instituído polo Orfeón Lucense en colaboración coa Diócese e a Catedral, xa na súa III edición, foi concedido ás Fillas da Caridade de San Vicente Paúl e Sor María Nieves Martínez de Osaba.

    Desde 1879 tén presenza en Lugo esta congregación. Chegan para atender o Hospicio da Beneficencia en momentos críticos da institución e máis tarde ao Hospital Provincial. Engaden reforzos á comunidade  e fanse cargo dunha escola gratuita para nenas sen recursos que sería o inicio do Colexio da Milagrosa. 

    No 1954 asumen o coidado e orientación das nenas orfas acollidas no Fogar de Santa María e en 1972 comezan a atender tamén aos nenos que por careceren dun ambiente familiar axeitado estaban acollidos no Fogar Santo Ángel. Máis perto dos nosos días, no 1978, estenden o seu labor ao Colexio de Xordos e desde 1984 adican todo o seu esforzo á atención, educación e promoción das persoas con discapacidade intelectual no Centro San Vicente e á atención do comedor social San Froilán. Merecido premio para tan amplo e diverso labor desenvolvido por esta congregación.

    A avanzada idade de Sor María Nieves Martínez de Osaba impediulle recoller en persoa o galardón, sendo catro relixiosas da mesma orde as encargadas da súa recepción no Claustro da Catedral


  O Orfeón interpretou Anima Christi, de Marco Frisina, como preliminar da intervención do noso Presidente, Xulio Xiz, quen glosou brevemente a obra da Congregación premiada, tras o cal, un membro da familia Castiñeira entregou unha placa conmemorativa a unha das relixiosas da congregación. Esta respostou expresando a súa sorpresa pola distinción, honra que agradeceu moi emocionada no nome de todas as compoñentes da súa comunidade relixiosa. 

   Para rematar a entrega o Orfeón entoou Reina del Cielo, de D. José Castiñeira, composición especialmente querida polo finado músico.

  Xa na Avenida de Ramón Ferreiro, a nosa compañeira Silvia Nadela Villarino depositou un ramo de flores na estatua que o Orfeón Lucense lle encargou a Juan Puchades no ano 2007 para honrar e lembrar ao refundador da coral.

    O día rematou cun xantar de confraternidade dos membros do coro ao que foron convidados os restantes organizadores do Premio de Humanidades e a congregación  premiada nesta edición.




 A continuación reproducimos as emotivas palabras pronunciadas por Xulio Xiz, Presidente do Orfeón Lucense, ao remate da misa  dirixidas ao seu refundador.

    Nas imaxes, en sentido descendente: busto de D. José Castiñeira, Saturnina Saprinho facendo a ofrenda floral na sepultura, catro relixiosas da congregación das Fillas da Caridade; O Presidente do Orfeón, Xulio Xiz,  con dúas das relixiosas galardoadas, Silvia Nadela trala ofrenda floral e imaxe conxunta do Orfeón xunto ao busto conmemorativo do mestre Castiñeira.

Cabodano de D. José Castiñeira Pardo

    Benquerido D. José Castiñeira Pardo: lembranza especial cando están a punto de cumprirse os 37 anos do seu pasamento. Se agora mesmo seguise físicamente entre nós, tería cumpridos 98 anos, pero no lugar do que agora disfruta seguro que non contan coma nós por anos terrenais.

    Como estamos certos de que sabe o que entre nós, e arredor de nós, se organiza e vive, verá que aquí non teñen cambiado tanto as cousas.

    Oficia a misa Luis Varela Castiñeira, o seu sobriño crego que asumiu a súa mensaxe, seguíu o seu camiño da Igrexa e da música, e como vde. é músico de prestixio, coengo da Catedral, fiel seguidor do seu maxisterio.

    Entre os fieles, membros da súa familia máis directa: Irmá, cuñado…e a lembranza de Manuel, seu irmán, que nos deixou hai xa seis anos.

    Os que cantan son os membros do ORFEON LUCENSE, o seu Orfeón, o coro da Catedral no que aínda quedan membros que cantaron baixo a súa dirección, pero todos seguen – seguimos – as directrices que vostede nos deixou marcadas, e co talante, co espírito que vostede nos inculcou como parte esencial do noso Adn coral.

    Diríxenos un músico mozo, vilalbés, Baruk Domínguez, que no tempo que leva connosco xa ten gañado o respecto e o agarimo de todos nós, pola palabra e o sorriso; pola música e a amizade.

    Xuntámonos para lembrarnos de vostede, daquela seriedade sorrinte, daquela enerxía desbortante, naqueles dar a man que transmitían mundos de familia e de fe, de inquedanzas e seguridades. E cando esta misa remate, iremos ao claustro desta catedral, onde repousan os seus restos, deixar unhas flores e unhas cancións, e entregar o Premio José Castiñeira de Humanidades, que vai pola III edición, e que concebimos para premiar xente que se parecese a vostede. Dos que teñen algo que decir, que o din… pero sobre todo, que o fan en Beneficio dos demais.

    Convocan o premio as tres institucións amigas súas, que formaron parte da súa vida: O Bispado de Lugo, a S.I.C.B., e o seu Orfeón Lucense.

    E este ano premiamos a quen, se o sometésemos a votación pública, sería premiada por aclamación popular: Premiamos o ser e o estar dunha entidade como as FILLAS DA CARIDADE, e dentro dela SOR NIEVES, nonaxenaria a punto do cento de anos, entidade e persoa que dedican as súas vidas a coidar aos máis necesitados dentro dos que precisan axuda.

    Como pode ver, seguimos igual: Xuntándonos cada ano na súa lembranza, rezando e cantando, e – xa que vostede foi para todos nós un ben de Deus, premiando cada ano a alguén que se lle parece. Mandámoslle todos unha forte aperta, e un aplauso.



mércores, 7 de outubro de 2026

Misa de San Froilán 2026

     Cada 5 de outubro a cidade de Lugo sae á rúa para celebrar a festa do seu patrón, San Froilán. O Orfeón acóde puntual á súa cita na misa solemne que se celebra na Catedral de Santa María, para o cal prepara con antelación un repertorio, preferentemente en galego, dada a idiosincrasia dunha das festas tradicionais máis importantes de Galicia.

    Este ano non faltamos á cita e ás 12 do mediodía comezou a celebración presidida polo prelado da diócese, D. Alfonso Carrasco Rouco, concelebrada por diferentes cóengos e presbíteros, asistidos por outras ordes eclesiásticas.

    Entre os asistentes encontrábanse autoridades locais, provinciais, autonómicas, militares, representantes de diferentes asociacións e numerosos fieis que enchían boa parte do templo. 

    A Corporación municipal, que partira desde o Concello, foi recibida polo vicario xeral na porta norte da Sé, como sucede nas solemnidades máis importantes, e conducida ata o coro, onde adoita situarse.

    A nosa agrupación coral, dirixida polo seu titular, Baruk Domínguez, e acompañada ao órgano por Nemesio Gutiérrez, interpretou o seguinte repertorio:

  • Procesional de entrada. José Molejón.
  • Misa Galega. Señor ten piedade. Gloria. Santo. Año de Deus. José Castiñeira.
  • Aleluia. Isauro García Ramos.
  • Deus do Universo. Luís de Olano.
  • Non vou só. Isauro García Ramos.
  • O pan do Ceo. Xesús Portas Ferro/Isauro García Ramos.
  • Himno a San Froilán. José Molejón.
    O oficiante aludiu na homilia ás cualidades do Santo nado no Regueiro dos Hortos como home de fonda espiritualidade e xerador de lugares de paz e de convivencia e invitou aos lucenses a seguir o seu exemplo e a construir sobre a búsqueda do amor e da verdade, principio de toda convivencia e de paz. Rematou pedindo a bendición para a nosa cidade, as nosas autoridades e as nosas casas.

    A alcaldesa fixo unha ofrenda ao Santo no nome do pobo lucense e uns nenos achegaron unha selección de froitas e verduras en sinal de agradecemento polos froitos da terra.

   Nesta celebración contamos por primeira vez cunha intérprete de lingua de signos que, situada no púlpito esquerdo, permitiu seguir a liturxia a aquelas persoas que pola súa discapacidade non poderían facelo.

    Finalizada a misa tivo lugar a veneración da reliquia de San Froilán polos fieis que así o desexaron, dando por rematado o acto litúrxico.

    Nas imaxes, o Orfeón ao finalizar a celebración e a intérprete de lingua de signos nun momento da súa actuación.

    
    

luns, 17 de agosto de 2026

Misa de Nosa Señora 2026

    O Orfeón Lucense participou este sábado na misa solemne de Nosa Señora que, baixo a advocación da Virxe dos Ollos Grandes, é a patroa de Lugo. 

  Celebrouse na Catedral e estivo presidida polo prelado da diócese, D. Alfonso Carrasco Rouco, concelebrada por varios cóengos asistidos por ministros auxiliares e contou coa asistencia dos membros da corporación municipal e outras autoridades ademais de numerosos fieis.

  O Orfeón, dirixido por Sara Nebra e acompañado ao órgano por Nemesio Gutiérrez e Andrés Gutiérrez, interpretou o seguinte repertorio:

  • Himno a la Virgen de los Ojos Grandes. Ángel Garrote /Julián Ortiz.
  • Kyrie en Ré Majeur. Jean  Paul Lécot / Paul Décha.
  • Gloria de Lourdes. Jean Paul Lécot.
  • Alléluia. Isauro García Ramos.
  • Nitida stella. Anónimo S. XVIII. Harm. M. Gemmani.
  • Sanctus de Lourdes. Jean Paul Lécot.
  • Agnus Dei de la Messe "Peuples de la Terre". Gioachino Rossini / Jean Paul Lécot.
  • Ave Maria. Tomás Luis de Victoria.
  • Anima Christi. Marco Frisina.

 Ao finalizar a misa, os oficiantes, autoridades e fieis desprazáronse ata o camarín da Virxe dos Ollos Grandes. Alí a nosa compañeira Ángeles Rodríguez Fontela pronunciou unha plegaria á que sucedeu a ofrenda floral presentada pola alcaldesa da cidade, Elena Candia.  Mentras tanto no coro da sé soaba a Cantiga 77 de Afonso X O Sabio de título Da que Deus mamou, na que se narra un milagre sucedido en Lugo: a curación dunha muller tolleita  por mediación da Virxe.

  Sobre a singular beleza e o significado da capela na que se venera á nosa patroa enlazamos aquí, por consideralo de interese, un traballo de Dolores Vila Jato, da Universidade de Santiago, publicado pola Universidade de Valencia baixo o título de La capilla de la Virgen de los Ojos Grandes de la Catedral de Lugo, un espacio de exhaltación mariana.

  Hai que sinalar que nesta actuación tivemos a honra de contar  con dous cantores de excepción: Lidia Basterretxea, soprano profesional e profesora de Canto e Giulio Mercati, organista, compositor, profesor e director artístico do Festival Internacional de Música de Órgano da Diócese de Lugo, ambos residentes en Saronno (Italia), cun amplo desenvolvemento profesional no eido da Música e as artes escénicas en diferentes lugares de Europa. Os dous son amigos da nosa agrupación coral aos que agradecemos a súa presenza.

  Por outra parte, nesta actuación remata unha nova etapa do Orfeón baixo a dirección de Sara Nebra, quen cesa a petición propia por incompatibilidade coa súa actividade profesional como profesora de Canto e a quen agradecemos a súa aportación durante este curso.

   Nas imaxes, en sentido descendente: un momento da celebración, a ofrenda e a lectura da plegaria por Ángeles Rodríguez Fontela e unha imaxe do Orfeón Lucense con Sara Nebra.





domingo, 21 de xuño de 2026

Misa aniversario da Adoración Nocturna Feminina

    O día 18 do presente mes fomos convidados a cantar a misa do 65 aniversario da Adoración Nocturna Feminina de Lugo. 

    Estivo presidida polo bispo da diócese, D. Alfonso Carrasco Rouco, auxiliado por outros membros do cabildo catedralicio lucense e outros cargos eclesiásticos convidados.

    Nesta ocasión a nosa agrupación foi dirixida pola súa titular, Sara Nebra, e acompañada ao órgano por Nemesio Gutiérrez. O repertorio interpretado foi o seguinte:

  • Nitida stella. Anónimo S. XVIII.
  • Misa de Lécot: Kyrie. Sanctus. Agnus Dei.
  • Alleluia. Isauro García Ramos.
  • Ave generosa. Hildegard von Bingen.
  • O pan do ceo. Xesús Portas Ferro / Isauro García Ramos.
  • Cantemos al Amor. Ignacio Busca de Sagastizábal.
       Na imaxe, a cúpula da Catedral de Sta. María.




    

venres, 19 de xuño de 2026

Misa da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia 2026




    O domingo seguinte ao Corpus Christi asistimos á misa da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia, que reúne en Lugo aos bispos e representantes civís das sete cidades históricas que conformaron este Reino.

   A tradición da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia data do século XVII, tal como se explicou nun post anterior e foi recoñecida no ano 2025 como  Ben de Interese Cultural do patrimonio inmaterial. 

 Este ano correspondeulle facer a ofrenda a Tui, que neste ano celebra o oitocentos aniversario da consagración da súa catedral, polo que a misa estivo presidida polo prelado da diócese de Tui-Vigo, D. Antonio Valín Valdés, acompañado polos bispos das restantes dióceses: D. Alfonso Carrasco Rouco, bispo de Lugo; D. Francisco José Prieto Fernández, arcebispo de Santiago de Compostela; D. José Leonardo Lemos Montanet, bispo de Ourense; D. Fernando García Cadiñanos, bispo de Mondoñedo-O Ferrol e os bispos eméritos Julián Barrio Barrio e Luís Quinteiro Fiuza.

    Ademais das autoridades eclesiásticas, asistiu o Presidente da Xunta de Galicia, D. Alfonso Rueda, a Alcaldesa de Lugo, Dona Elena Candia, membros da corporación municipal e representantes das demais cidades  galegas que, tras unha recepción no Concello, descenderon en procesión ata a Catedral onde foron recibidos polo cabildo catedralicio. Completaba a asistencia a este acto un público numeroso que enchía as naves da sé, como vén sendo habitual nesta solemnidade.

    Presentou a ofrenda o alcalde de Tui, D. Enrique Cabaleiro, que salientou esta tradición histórica e secular por facilitar e manter a unión dos pobos galegos ó longo das xeracións e pediulle  ao Santísimo protección para os máis desfavorecidos, luz e entendemento para os nosos dirixentes co fin de unir vontades para edificar unha terra cada vez mais acolledora para todos  e de inspirar a todos camiños de esperanza, de solidariedade e de xustiza.

    Respondeulle o prelado de Tui, D. Antonio Valín Valdés, quen defendeu que o rostro de Cristo non só está nos templos, senón nos pescadores que saen ao mar, nos emigrantes que abandoan o seu país para buscar unha vida mellor, na soedade non desexada dos mozos e maiores...,  e avogou por que busquemos sempre a unión na sociedade e na Igrexa, fuxindo de toda polarización, buscando a paz para conquerir en común unha sociedade fraterna e unha Igrexa samaritana que parte o pan e lava os pés dos máis vulnerables.

    O Orfeón Lucense fixo a súa aportación musical dirixido por Sara Nebra e acompañado ao órgano por Nemesio Gutiérrez e o seu fillo Andrés Gutiérrez. O repertorio interpretado foi o seguinte:
    
  • Aledémonos. José Castiñeira.
  • Misa Galega. Señor ten piedade. Gloria. Santo. Año de Deus. José Castiñeira.
  • Alléluia dit irlandais. Fintan O´Carroll / Lucien Deiss.
  • Deus do Universo. Luis de Olano.
  • O pan do ceo. Xesús Portas Ferro / Isauro García Ramos.
  • Non vou só. Miguel Carneiro / Isauro García Ramos.

    O acto contou coa presenza de representantes da Asociación Traxe Tradicional de Tui, a asociación etnográfica Traxandaina, a agrupación tradicional Os Xílgaros e a Escola O Xeito de Lugo, estes tres últimos da nosa cidade, que aportaron música e danza en distintos momentos. 

    Deles, o gaiteiro Óscar Pérez, pertencente a Os Xílgaros, deu inicio á celebración coa interpretación do Himno do Antigo Reino de Galicia acompañado por Andrés Gutiérrez ao órgano. Traxandaina asistiu á cerimonia por primeira vez este ano lucindo indumentaria histórica e poñendo en valor o patrimonio cultural inmaterial galego. Pola súa parte a Escola O xeito de Lugo puxo ritmo e cor na procesión interpretando danzas tradicionais de arcos e castañolas.

    Ao remate da cerimonia litúrxica saiu  a procesión polas rúas do centro histórico seguida das autoridades relixiosas e civís asistentes e de numerosos fieis.

  Adxuntamos imaxes deste día. De arriba a abaixo: un momento da liturxia, a arca da ofrenda, a actuación do Orfeón, a agrupación tradicional Os Xílgaros e dúas  instantánea da procesión, respectivamente. 

   Todas as imaxes están tomadas da web da Diócese de Lugo, imaxes que agradecemos.



luns, 6 de abril de 2026

Domingo de Pascua 2026

    Non pasaran moitas horas desde a nosa retirada tras o remate da Vixilia do Sábado Santo, cando volvemos a reunirnos para cantar a misa solemne do Domingo de Pascua na Catedral de Santa María.

  A cerimonia estivo presidida polo prelado da diócese, D. Alfonso Carrasco Rouco, acompañado por varios membros de distintos estamentos eclesiásticos que saíron ata a Praza de Pío XII para recibir a procesión do Santo Encontro procedente do Concello. Ao chegaren, situaron enfrontadas as imaxes de Xesucristo e a Virxe María, momento no que lle quitaron a esta o veo negro que levaba en sinal de loito pola morte do seu fillo.

   Finalizada a procesión deu comezo a misa, na que o Orfeón Lucense, dirixido por Sara Nebra e acompañado ao órgano por Nemesio Gutiérrez González e Andrés Gutiérrez Fernández, interpretou o seguinte repertorio: 

  •  Cantemos al Amor de los amores. Juan Ignacio Busca de Sagastizábal.
  • Misa Pascual. Señor ten piedad. Gloria. Santo. Cordero de Dios. José Castiñeira.
  • Este es el día en que actuó el Señor. Salmo. Miguel Manzano.
  • Cantico dell´Agnello. Marco Frisina.
  • Yo soy el Pan de Vida. Suzanne Toolan. Harm.: A. Medina.
  • Reina del Cielo. José Castiñeira.
    Máis tarde sairía a Procesión de Cristo Resucitado percorrendo as rúas do casco histórico ata chegar á Igrexa de San Froilán, na Praza do Ferrol, poñendo punto final á Semana Santa 2026.

    Adxúntanse tres imaxes do día, xentileza da Diócese de Lugo.

    




    

    

venres, 3 de abril de 2026

Xoves Santo 2026

    Seguindo a tradición eclesiástica, tivo lugar na Catedral de Santa María a vespertina Misa da Cea do Señor, en lembranza da última cea que Xesús celebrara cos seus discípulos antes do seu prendemento. Con ela iníciase o Triduo Pascual que finalizará o Domingo de Resurrección.

    A cerimonia estivo presidida polo prelado da diócese, monseñor Carrasco Rouco, e contou coa asistencia de diferentes membros do clero, acólitos e numerosos fieis.

    O Orfeón, dirixido por Sara Nebra, e acompañado ao órgano por Nemesio Gutiérrez González e Andrés Gutiérrez Fernández interpretou as seguintes composicións:


    Ademais das mensaxes  propias da celebración ás que aludiu o prelado, chama a atención nesta data o ritual do lavatorio de pés que o bispo realiza a doce persoas presentes no acto, simbolizando o amor e servizo de Cristo á humanidade.

  Finalizada a misa, que neste día non tén bendición final, comezou unha procesión para trasladar o Santísimo a un monumento instalado na capela do Bo Xesús, que lucía especialmente fermosa, mentras se entonaba o Pange lingua gregoriano e Cantemos al Amor.

  E para rematar a celebración fixo a saída a Procesión da Santa Cea que percorreu as principais rúas do casco histórico e que foi seguida por un número considerable de persoas. 

    Acompañamos imaxes da celebración por xentileza da Diócese de Lugo.






    
    
    


martes, 31 de marzo de 2026

Domingo de Ramos 2026

    Iniciamos  a participación do Orfeón nesta Semana Santa coa actuación na Misa solemne do Domingo de Ramos que deu comezo despois da bendición das palmas e ramos que habitualmente tén lugar na Praza de Santa María.

  Presidiu a celebración o bispo da diócese, monseñor Carrasco Rouco, auxiliado por membros de distintos estamentos eclesiásticos e con numerosa asistencia de fieis.

   O Orfeón dirixido pola súa titular, Sara Nebra, e acompañado ao órgano por Nemesio Gutiérrez e o seu fillo Andrés Gutiérrez, interpretou o seguinte repertorio:

  • Dios mío, Dios mío. Salmo.
  • Cristo por nosotros. Francisco Palazón.
  • Deus do Universo. Luís Olano.
  • Sanctus-Benedictus. Missa brevis. Jacob de Haan. (arr. Abraham Sánchez Pujante).
  • Agnus Dei. Missa brevis. Jacob de Haan.
  • Eucaristía. A. Fdez. León (Taizé).
  • Ánima Christi. Marco Frisina.

    Debemos facer constar aquí a estrea neste día das novas gradas do coro da Catedral, feito co que a nosa agrupación puido ver cumprida unha das súas peticións desde hai ben tempo.

   Agradecemos infinitamente esta xestión á nosa compañeira Trinidad Vázquez Luaces e á Diócese de Lugo, pois a nova ubicación dos coristas e a directora redunda en beneficio da seguridade e comodidade de todos os membros e, en suma, dunha boa sonoridade e calidade do canto.

      Ao remate da misa, numerosos fieis acompañaron a procesión da Borriquita, que percorreu as principais rúas do casco histórico da cidade neste día solleiro e de bonanza primaveral.

    Así finalizou a grata xornada, da que adxuntamos imaxes tomadas da páxina web da Diócese de Lugo.





    

domingo, 30 de novembro de 2025

Misa de clausura do Curso de Pastoral da Saúde

    Este sábado, 29 de novembro, o Orfeón foi convidado a cantar a misa de clausura do Curso de Pastoral da Saúde organizado por esta diócese.

    A celebración tivo lugar na catedral e estivo presidida por D. Miguel Ángel Fernández Vilariño, Delegado Episcopal de Pastoral da Saúde.
 
  A nosa coral estivo dirixida por Abraham Sánchez Pujante, acompañada ao órgano por Nemesio Gutiérrez e o repertorio interpretado foi o seguinte:

  • Ven Señor ás nosas almas. Luís Olano.
  • Kyrie en Ré Majeur. Jean Paul Lécot.
  • Qué alegría. Salmo.
  • Aleluia. Isauro García Ramos.
  • Ave Verum. Jean Paul Lécot.
  • Sanctus de Lourdes. Jean Paul Lécot.
  • Agnus Dei de la Messe Peuples de la Terre. Gioachino Rossini. Adapt.: Jean Paul Lécot.
  • Anima Christi. Marco Frisina.
                                     
   Nas imaxes, momentos previos ao inicio da misa.




    

mércores, 8 de outubro de 2025

Misa de San Froilán 2025

     Celebramos este domingo a festividade de San Froilán, patrón de Lugo. A Catedral lucense celebra este día cunha misa solemne na que intervén, como de costume, o Orfeón aportando os seus cantos.

    Deu comezo puntualmente ás doce do mediodía presidida polo prelado da Diócese, D. Alfonso Carrasco Rouco, concelebrando con algúns coengos e auxiliado por acólitos e lectores. A introdución á cerimonia e dirección dos cantos dos fieis correu a cargo de D. David Varela, coengo e rector do Seminario da Sagrada Familia e San Lourenzo.

    Monseñor Carrasco Rouco  aludiu na homilía á importancia de San Froilán como "abade e formador de comunidades monásticas que, mediante unha vida de humildade e desprendemento foron xerme de vida nova" destacándoo como exemplo de crecemento humano, de elocuencia e claridade na palabra para transmitir a súa fe.

    Como vén sendo habitual, asistiron á celebración relixiosa do patrón de Lugo o alcalde da cidade, D. Miguel Fernández, a corporación e diversas autoridades civís e militares.

    O Orfeón estivo dirixido pola súa titular, Sara Nebra e acompañado ao órgano por Nemesio Gutiérrez para interpretar o seguinte repertorio:

  • Procesional de entrada. José Molejón.
  • Misa Galega: Señor ten piedade. Gloria. Santo. Año de Deus. José Castiñeira.
  • Aleluya. Isauro García Ramos.
  • Deus do Universo. Luís Olano.
  • Non vou só. Miguel Carneiro / Isauro García.
  • Anima Christi. Marco Frisina.
  • Himno a San Froilán. José Molejón.
    Quero determe brevemente na interpretación de Anima Christi pola aceptación unánime con que o pobo a acolle. Trátase dunha peza que se canta despois da comuñón, de fonda espiritualidade, composta por Marco Frisina, actual mestre de capela da Catedral de Roma e reitor da Basílica de Sta. Cecilia en Trastévere.

   Frisina é director  e compositor de numerosas pezas sacras, entre elas unha Misa na honra do Apóstolo Santiago; así como profanas, entre as que se encontran varias bandas sonoras e algunha ópera. En Anima Christi puxo música  a unha oración de autor descoñecido que data do século XIV e que expresa un profundo desexo de unión con Cristo ao tempo que se lle implora a salvación eterna.

    Mentras soaba o Himno a S. Froilán como despedida da cerimonia relixiosa mostrouse por primeira vez unha reliquia do santo, que foi venerada polos fieis que así o desexaron.

    Como anécdota da celebración lembraremos a indisposición dun asistente ao acto que requeriu a presenza dun facultativo e fixo que a misa tivese que interromperse durante uns minutos para atender a petición de auxilio feita por unha persoa situada entre os fieis.

    Nas imaxes, momentos desta solemnidade, por xentileza da web da Diócese de Lugo.






    


    

sábado, 16 de agosto de 2025

Misa de Nosa Señora 2025

     Este venres o Orfeón Lucense asistiu á celebración da festividade da patroa de Lugo, a Virxe dos Ollos Grandes.

    A cerimonia solemne celebrouse na Catedral de Santa María e estivo presidida polo bispo da diócese, D. Alfonso Carrasco Rouco, acompañado de distintos cargos do estamento eclesiástico. Entre os asistentes estiveron diferentes autoridades, a corporación municipal e numeroso público que enchía en boa parte a sé.

    O Orfeón estivo dirixido pola súa titular, Sara Nebra, acompañado ao órgano por Nemesio Gutiérrez e o seu fillo Andrés Gutiérrez e interpretou o seguinte repertorio:

  • Himno a la Virgen de los Ojos Grandes. Ángel Garrote /Julián Ortiz.
  • Kyrie en Ré Majeur. Jean  Paul Lécot / Paul Décha.
  • Gloria de Lourdes. Jean Paul Lécot.
  • Alléluia dit Irlandais. Fintan O´Caroll / Lucien Deiss.
  • Deus do Universo. Luís Olano.
  • Sanctus de Lourdes. Jean Paul Lécot.
  • Agnus Dei de la Messe "Peuples de la Terre". Gioachino Rossini / Jean Paul Lécot.
  • Hija del pueblo. Alberto Taulé.
  • Ave verum. Jean Paul Lécot.

    Finalizada a misa, celebrantes, coro e público trasladáronse ao camarín da Virxe dos Ollos Grandes onde a representante do Concello fixo unha ofrenda floral á patroa e, tras os rezos e a beizón do prelado, a nosa agrupación entoou a Cantiga nº 77 de Afonso X O Sabio titulada Da que Deus mamou, que narra o milagre da curación dunha muller tolleita sucedido en Lugo e atribuído á nosa patroa.

    Na imaxe superior a miniatura e tradución da Cantiga nº 77 e na inferior a nosa agrupación nun momento posterior á celebración.







    


    

luns, 30 de xuño de 2025

Misa da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia 2025

      O pasado 23 de xuño a Xunta recoñeceu mediante decreto a Ofrenda do Antigo Reino de Galicia como Ben de Interese Cultural do patrimonio inmaterial, noticia que nos aleda profundamente pola posta en valor deste histórico evento que conta con máis de tres séculos de tradición.

    Foi no século XVII, no reinado de Filipe III, cando se iniciou o primeiro trámite desta tradición, pero é desde o ano 1925 cando os alcaldes das sete cidades que conforman o Antigo Reino de Galicia (A Coruña, Lugo, Ourense, Santiago de Compostela, Mondoñedo, Betanzos e Tui) fan por turno rotatorio unha ofrenda o domingo seguinte ao Corpus durante a celebración dunha misa solemne na Catedral de Santa María.

   A Ofrenda tén unha longa historia, xa tratada noutro post deste blog, que enlazamos aquí. Na actualidade é simbólica e consiste nun cheque que o oferente fai entregar ao cabildo catedralicio despois do evanxeo.

    Este ano correspondeulle ofrendar á cidade de Betanzos, representada pola súa alcaldesa María Barral Varela, que expresou con vehemencia e enerxía as súas inquedanzas e peticións ao Santísimo no nome das sete capitais do Reino. Considera unha honra "dar voz a unha Galicia inclusiva, diversa, plural e aberta a todos os idearios" na que os seus homes e mulleres saen para esforzarse e traballar por conquerir un futuro mellor e para os que pide forza e ilusión para continuar e vencer as dificultades. 

    Pediu pola paz no mundo, pola conservación da terra que habitamos, polas mulleres que sofren violencia, terror, medo e humillación, para as que implorou protección e o fin do seu suplicio e desigualdade.

    Lembrou a Paula Alvarellos, a alcaldesa falecida inesperadamente neste ano, á que puxo como exemplo de servizo e compromiso coa súa xente. Finalizou facendo alusión á necesidade de que as administracións traballen xuntas en beneficio dos cidadáns, rebaixando a tensión e deixando a un lado a confrontación.

    Respondeulle o Arcebispo de Santiago de Compostela, D. Francisco Prieto, quen invitou a reavivar a esperanza fronte á violencia, as guerras, as desigualdades e a emigración; a denunciar as circunstancias que van contra a dignidade do home e a recoñecer a Cristo no rostro do irmán, xa que a "Caridade é acompañar, abrir portas, ofrecer posibilidades que permitan vivir con xustiza e dignidade"

    Nesta ocasión o Orfeón estivo dirixido por Marcos Fernández Mosquera e acompañado ao órgano por Nemesio Gutiérrez e Andrés Gutiérrez e xuntos interpretaron o seguinte repertorio:

  • Aledémonos. J. Castiñeira.
  • Señor ten piedade. Misa Galega. J. Castiñeira.
  • Gloria. Misa Galega. J. Castiñeira.
  • Amósame Señor. Salmo.
  • Alleluia dit irlandais. J. P. Lécot.
  • Deus do Universo. L. Olano.
  • Santo. Misa Galega. J. Castiñeira.
  • Año de Deus. Misa Galega. J. Castiñeira.
  • Eucaristía. Taizé / Fdez. León.
  • Non vou só. I. G. Ramos.
    Rematada a misa solemne, a carroza do Santísimo seguida das autoridades civís e eclesiásticas e un bo número de cidadáns saiu en procesión polas rúas do centro histórico. A climatoloxía propiciou o acto cun día ben solleiro, circunstancia que aproveitou o Orfeón para desprazarse sobre a muralla e entoar ao paso da procesión  o himno "Cantemos al Amor", de I. B. Sagastizábal.

    Así rematou esta xornada festiva e histórica, a primeira que se celebra sendo a Ofrenda do Antigo Reino de Galicia un Ben de Interese Cultural do patrimonio inmaterial.

    Adxuntamos unhas imaxes desta data, as dúas primeiras tomadas da páxina web da Diócese de Lugo.