Celebramos este domingo a festividade de San Froilán, patrón de Lugo. A Catedral lucense celebra este día cunha misa solemne na que intervén, como de costume, o Orfeón aportando os seus cantos.
Deu comezo puntualmente ás doce do mediodía presidida polo prelado da Diócese, D. Alfonso Carrasco Rouco, concelebrando con algúns coengos e auxiliado por acólitos e lectores. A introdución á cerimonia e dirección dos cantos dos fieis correu a cargo de D. David Varela, coengo e rector do Seminario da Sagrada Familia e San Lourenzo.
Monseñor Carrasco Rouco aludiu na homilía á importancia de San Froilán como "abade e formador de comunidades monásticas que, mediante unha vida de humildade e desprendemento foron xerme de vida nova" destacándoo como exemplo de crecemento humano, de elocuencia e claridade na palabra para transmitir a súa fe.
Como vén sendo habitual, asistiron á celebración relixiosa do patrón de Lugo o alcalde da cidade, D. Miguel Fernández, a corporación e diversas autoridades civís e militares.
O Orfeón estivo dirixido pola súa titular, Sara Nebra e acompañado ao órgano por Nemesio Gutiérrez para interpretar o seguinte repertorio:
- Procesional de entrada. José Molejón.
- Misa Galega: Señor ten piedade. Gloria. Santo. Año de Deus. José Castiñeira.
- Aleluya. Isauro García Ramos.
- Deus do Universo. Luís Olano.
- Non vou só. Miguel Carneiro / Isauro García.
- Anima Christi. Marco Frisina.
- Himno a San Froilán. José Molejón.



Ningún comentario:
Publicar un comentario