martes, 28 de outubro de 2025

Misa cabodano e Entrega do II Premio José Castiñeira de Humanidades

    Cada último domingo do mes de outubro o Orfeón Lucense, a Catedral de Santa María e o Bispado de Lugo celebran a misa aniversario do pasamento de D. José Castiñeira e a entrega do Premio de Humanidades que leva o seu nome.

  Para versar a vida e obra do admirado músico refundador da nosa coral remitímonos a un post anterior deste blog que enlazamos para non caer na reiteración.

    A celebración tivo lugar no altar maior, presidida por D. Luís Varela Castiñeira, sobriño de D. José, e contou coa colaboración de D. Mario Carballo e D. José Lebón; actuando como acólito o noso compañeiro Carlos Sánchez e contou coa  asistencia da familia do extinto profesor, entre outras personalidades. 

   O oficiante salientou na homilía as cualidades humanas e profesionais do mestre, entre as que destacou a humildade e a cercanía.

    O Orfeón situado no coro, como é habitual, estivo dirixido pola súa titular, Sara Nebra, acompañado ao órgano por Nemesio Gutiérrez, interpretando un repertorio formado en boa parte por composicións do mestre Castiñeira na súa honra. Dito repertorio foi o seguinte;

  • Aledémonos. Xosé Castiñeira.
  • Misa Galega: Señor ten piedade, Gloria, Santo, Año de Deus. José Castiñeira.
  • Aleluia. Isauro Garcia Ramos.
  • Deus do Universo. Luís Olano.
  • Non vou só. Miguel Carneiro / Isauro Grrcía Ramos.
  • O pan do ceo. Xesús Portas Ferro / Isauro garcía Ramos.
  • Cantemos al Amor de los Amores. Ignacio Busca de Sagastizábal.

    Finalizada a misa, coro e asistentes desprazámonos ao claustro da catedral onde Ana Manuela de Acebedo, contralto da nosa agrupación, depositou en nome do Orfeón unha ofrenda floral na sepultura do finado.

    Acto seguido tivo lugar a entrega do II Premio de Humanidades José Castiñeira, que este ano recaeu no avogado lucense Alejandro Fernández Pumariño pola súa dedicación social e labor solidario, na que destacan o seu traballo en Cáritas como presidente durante dezasete anos, catro anos membro do Consello de Cáritas Española, e Presidente da Fundación "Preescolar na Casa", que propiciou a formación preescolar no rural para nenos, preparando aos seus pais para dar solución a esta carencia formativa nunha etapa vital tan importante. 

     En primeiro lugar tomou a palabra o noso presidente, Xulio Xiz, quen fixo unha breve aproximación á figura de D. José  e xustificou  a concesión da distinción ao premiado polo paralelismo existente entre os seus valores e os do finado profesor, palabras que reproducimos máis abaixo. 

    Contestou Alejandro Pumariño loando  a D. José Castiñeira, de quen foi alumno nos doce anos da súa estancia no seminario, por ser quen lle inculcou o amor pola  Música ao admitilo na Schola Cantorum e animalo a tocar o violín, afección que continúa na actualidade formando parte dun coro. Lembrou que sempre conseguía de cada un dos seus pupilos unha disciplina como se fosen notas  dunha obra musical. Deu as grazas a todos os que o acompañaron en Cáritas, en Preescolar na casa e na Asociación de Apoio ao Drogodependente, entidades que presidiu ou coas que colaborou ao longo da súa vida. Rematou deixando no aire a idea que, seguro, orientou a súa traxectoria vital e profesional: a solidariedade fainos ser mellores persoas.

  A continuación a nosa agrupación interpretou na honra do finado profesor Anima Christi, de Marco Frisina, e Más cerca, ¡oh Dios! de Ti, de Lowell Mason co que se deu por finalizado o acto na catedral. De seguido camiñamos ata o busto conmemorativo que Juan Puchades realizou de D. José Castiñeira para poñer ao seu pé un ramo de flores como tributo na rúa ao ilustre lucense.

    Finalizou a xornada cun xantar de confraternidade ao que foron convidados,  ademais dos membros do Orfeón, a familia  Castiñeira, o premiado e a súa familia e o párroco de San Froilán, onde o Orfeón realiza a metade dos ensaios.

    Nas imaxes, distintos momentos deste día de celebración.








    Reproducimos aquí as palabras pronunciads polo noso presidente Xulio Xiz na entrega do II Premio de Humanidades José Castiñeira:

    Lembramos con esta misa, e a culminación do Certame que leva o seu nombre, que se cumpren 36 anos do pasamento de José Castiñeira Pardo, fundador do Orfeón Lucense, e as voces do Orfeón sóan na súa honra nesta celebración que oficia Luis Varela Castiñeira, o seu sobriño que segue o percorrido vital do crego, profesor, músico e musicólogo que deixou tan forte pegada en todos os que tivemos a honra de coñecelo e tratalo.

    A conmemoración do pasamento hai xa tanto tempo de Don José Castiñeira,  no altar maior da catedral lucense, a súa casa tan querida, engloba con toda lóxica a seu irmán, Manuel, co que o Orfeón mantivo sempre unha amizade estreita, no común agarimo por José, que nos deixou tan cedo, e polo vencello que a nosa agrupación ten coa  Familia Castiñeira, aos que consideramos – e non só musicalmente – como familia de noso.

    Desde o pasado ano, á celebración do cabodano, que sempre ten conmemoración relixiosa, ofrenda floral na tumba e no monumento que o lembra na Praza do Seminario e ofrenda musical nesta misa e no claustro diante da sua tumba, únese a culminación do Certame de Humanidades que leva o seu nome. Este ano, por segunda vez, convocamos o premio o Orfeón Lucense, a Catedral Basilica que nos acolle, e o Bispado de Lugo.

    É un Certame que pretende premiar a persoas que no talante, dedicación, traballo, se parezan a José Castiñeira Pardo, defendan os mesmos valores, e traballen a prol da sociedade dun xeito construtivo, pola convivencia social e a mellora das relacións humanas, de maneira que o premio de humanidades podería ser tamén Premio de Humanidade, tal é o singular perfil humano que buscamos e atopamos no noso premiado. Nun tarxetón que temos repartido, e quen estea sen el poderemos entregarllo ao final, publicamos pinceladas da singular biografía de Alejandro Fernández Pumariño, o premiado nesta segunda edición.

    Pero nuns datos biográficos, aínda que se dan pistas importantes dos camiños que Fernández Pumariño leva percorridos na súa vida activa e mesmo agora que descargou na súa filla unha herdanza de prestixio e seriedade, non poden reflexarse o seu prestixio persoal e profesional, a entrega a causas sociais, a súa vocación de servizo, mesmo a súa cercanía a José Castiñeira Pardo.

    A entrega do premio efctuarase no Claustro da Catedral, ao remate desta celebración, á que rogamos a todos que nos acompañen para – honrando a Alejandro Fernández Pumariño, acreditar que a memoria e legado de José Castiñeira seguen vivos, e seguirán mentras haxa entre nós persoas lque se parezan a el. 



    

Ningún comentario:

Publicar un comentario