xoves, 27 de setembro de 2012

Pasamento de Enrique Aguiar (Igrexa de San Pedro)

Familia e Amigos de Enrique Aguiar: O Orfeón Lucense vén de cantar e vai seguir cantando na honra de Enrique, un dos seus compoñentes máis veteranos, e un dos que participaba connosco con maior fervor.
Estou, estamos seguros, de que Enrique nontiña moi claro onde remataba a súa familia e onde comezaban os seus amigos. E nós tampouco, porque Enrique era da familia. No decurso dos anos, os compoñentes deste colectivo van entrando nel. E algúns vanse porque as circunstancias o esixen, e outros quedan toda a vida. Enrique era dos de toda a vida. Amaba o canto con todas as súas forzas. E amaba o Orfeón como só se quere á familia, e á propia vida.
Tenme contado que na súa longa vida de traballo viaxeiro programábase para volver a Lugo a tempo dos ensaios do orfeón. E onte a súa familia confiábame que ten cortado as vacacións, aprazado xuntanzas familiares, para cumprir co que consideraba un deber: cantar no Orfeón.
Nesta súa enfermidade ten asistido como espectador a diversos concertos, e todos llo agradecíamos porque sabíamos da súa devoción, e el sabía que contaba co agarimo de todos nós, gañado momento a momento en máis de tres décadas como compañeiro entusiasta.
E este Corpus, no que o Orfeón -como coro da Catedral- cantou nas solemnidades relixiosas, Enrique subiu as empinadas escaleiras do coro da Catedral, e, situándose xunto a nós, púxose a cantar. Non importaba que a súa voz non soase, impedida polas eivas da enfermidade: el era parte imprescindible do Orfeón, e cantaba con el.
E agora correspóndenos o difícil labor de despedir a Enrique, que deixará de estar fisicamente connosco. Pero sabemos que sempre estará aquí... Dunha banda, porque a súa filla María José forma parte vital da nosa agrupación, co entusiasmo de seu pai. Pero de xeito especial porque a xente como Enrique, entusiasta, alegre, compañeira, pode irse co corpo, que o corpo é feble e cansa, pero quédase coa alma, inmortal, viva sempre, que se reflicte en todos os actos da vida, e en Enrique era manifestación permanente de bonhomía, de participación, de ser e de estar, de trascender.
En ocasións coma esta, eu creo que o Orfeón canta mellor ca nunca, porque tamén lle sae da alma. E o que cantamos é para todos vós, pero especialmente para Enrique, que seguro nos acompaña co canto, no sentimento. A Enrique gustáballe especialmente que Marcos, o noso director adxunto -o primeiro director, Xesús Mato, vai oficiar a misa- cantase a Ave María de Schubert. Porque hoxe cantamos para Enrique as súas cancións, as que deixou pedidas, como o Sweet low, que tamén soará. Hoxe cantamos con Enrique, para Enrique. Porque niso somos tremendamente ricos. Cada un dos compoñentes que se vai déixanos marcados, co seu carácter, co seu entusiasmo, coa súa participación. Enriquécenos.
Enrique era do Orfeón; o Orfeón é de Enrique. Cando cantemos, canta Enrique Aguiar. E todos estamos convencidos de que, agora mesmo, cando aplaudamos, aplaudimos tamén a Enrique, e el correspóndenos   -coma sempre- co seu sorriso de home de ben, familiar, amistoso, de todos nós, noso.
Por Enrique Aguiar, compañeiro e amigo!

domingo, 9 de setembro de 2012

O Cebreiro

O curso abriuse para o Orfeón Lucense no Cebreiro. Dirixidos por Marcos Fernández, cantamos na celebración da Misa do Milagre para a multitude de leoneses e galegos que enchían o campo da festa.