sábado, 31 de outubro de 2020

A Don Xosé Castiñeira

Tal día como hoxe en 1989 falecía en Lugo Don Xosé Castiñeira Pardo, un dos nosos músicos senlleiros á vez que home ilustrado, de ampla formación musical e humanística.

Non detallaremos aquí a súa completísima biografía, pois pode consultarse no enlace ao post que este blog lle adicou no trinta aniversario do seu pasamento. Nesta data queremos rememorar á quen refundou o Orfeón Lucense no ano 1982, ao compositor, director, divulgador e posiblemente ao máis salientable pedagogo musical lucense do século XX.

Don Xosé sempre é a figura de referencia para o Orfeón. A súa imaxe preside no local todos os ensaios. As súas composicións están presentes en case todas as celebracións litúrxicas e demais actuacións.

Unha lembranza agarimosa da persoa que, segundo refiren os compoñentes máis  veteranos do coro, coidaba con esmero á vez que con enerxía e carácter cada detalle e cada compoñente ata conseguir un grupo humano que harmonizase no musical e tamén no persoal. D.E.P.

Inserimos  a continuación o vídeo dunha das súas composicións interpretada pola nosa formación coral: Noite boa.






 

martes, 6 de outubro de 2020

Misa de San Froilán 2020



De forma atípica, debido ás circunstancias sociosanitarias, tivo lugar este ano a misa de San Froilán na catedral de Santa María. 

A liturxia do día do patrón da cidade estivo presidida polo prelado da diócese, Monseñor Alfonso Carrasco Rouco e o Orfeón Lucense dirixido por Marcos Fernández Mosquera cumpriu o compromiso adquirido facendo a súa aportación habitual. 

A parte musical foi acompañada polo Mestre de Capela da sé, Ilmo. Sr. Luis Varela Castiñeira e o repertorio foi o seguinte:

- Procesional de entrada. X. Molejón Rañón.

- Señor ten piedade. Misa Galega. X. Castiñeira.

- Gloria. Misa Galega. X. Castiñeira.

- Amósame, Señor, os teus camiños. X. R. Estévez.

- Aleluia. X. R. Estévez.

- Santo. Misa Galega. X. Castiñeira.

- Año de Deus. Misa Galega. X. Castiñeira.

- Quédate, Señor, connosco. M. Feixoó.

- Más cerca, oh Dios, de Ti. L. Mason.

- Himno a San Froilán. J. Molejón Rañón.