domingo, 26 de febreiro de 2023

Ata sempre, Armando

  Había un tempo xa que Armando Polo Rivas nos deixara por vontade propia, porque os compromisos do Orfeón excedían o tempo que el lles podía adicar. Sabíamos da súa incorporación ao Coro Parroquial de San Francisco Javier, tamén dirixido por Marcos Fernández Mosquera, e que nas últimas semanas a súa saúde se vira mermada repentinamente. 

 Lembramos a Armando coa súa bonhomía, o seu bo carácter e o seu sorriso permanente, con bo humor e sempre bo compañeiro, como un tenor entusiasta e responsable, cheo de vitalidade e para quen o Orfeón era unha prioridade. Por iso se nos fixo difícil asimilar a nova do seu pasamento.

 Hoxe cantamos na igrexa da Milagrosa a misa do seu funeral, téndoo presente en todo momento e adicándolle todos e cada un dos cantos como se estivera entre nós, como se se tratase dunha actuación máis, estando el entre nós.

  Para el cantamos este repertorio:

   - Ven, Señor, ás nosas almas. L. de Olano.
   - Misericordia, Señor, hemos pecado. Salmo.
   - Interleccional. J. Castiñeira.
   - Deus do universo. L. de Olano.
   - Santo. Misa Pascual. J. Castiñeira.
   - Cordero de Dios. A. Taulé.
   - Ave Verum. J. P. Lécot.
   - Pescador de hombres. B. Corona.
   - Más cerca, oh Dios. L. Mason.

   O coro amigo da parroquia de San Francisco Javier, no que Armando cantou nos últimos tempos, interpretou o Señor ten piedad.
  
   Ao finalizar a celebración o presidente da nosa agrupación, Xulio Xiz, adicoulle no nome de toda a familia do Orfeón unhas sentidas palabras que reproducimos de seguido. 

   Ata sempre, Armando!

Falando con Armando Polo Rivas. A Milagrosa, 25.02.2023

As voces que acompañaron esta misa vespertina da igrexa parroquial da Milagrosa en Lugo, son as do Orfeón Lucense, coro da Catedral de Lugo, e - no “Señor, ten piedad”, do Coro San Francisco Javier, dirixidos ámbolos dous por Marcos Manuel Fernández Mosquera.

Tiñamos pendiente vir cantar estas cancións, como un conxunto de oracións, desde o pasado mes de decembro, cando se produciu o pasamento de Armando – Armando Polo Rivas -, compañeiro e amigo de todos os compoñentes dos dous coros.

A misa de funeral por Armando, celebrada nesta igrexa, na súa parroquia, non puido ser cantada por Orfeón e Coro por ser día laborable no que, aínda que bastantes dos nosos membros estiveron presentes, faltábannos voces de compañeiros que, por traballo, non puideron asistir. E propuxémonos, de acordo coa familia e coa parroquia, onde sempre todo son facilidades e amizade, vir cantar unha misa pensando en Armando, diante da súa familia, diante dos feligreses milagrosistas, e diante do Señor que Armando tivo presente en todos os momentos da súa vida.

E viñemos hoxe, cando se cumpren 60 días da súa desaparición física, cantar a misa para todos vós tendo presente a Armando. Non vimos a despedilo, senón que quixemos falar con el no idioma que mellor entendía, porque Armando, que profesionalmente podería definirse como un home de números, era para nós, especialmente, un home da canción e da música e como tal viviu connosco moitas aventuras musicais, moitos soños e moitas realidades, moitos sacrificios e moitos aplausos...moita vida e moita música.

E se Armando falaba galego e castelán á perfección con todos nós, no seu idioma musical – compatible con todos os idiomas verbais – era entendido, sintonizado, escoitado, respondido… por todos os amadores da música que somos a inmensa maioría dos seres humanos.

Armando, connosco, entre nós -nos dous coros, unidos pola música e polo director común - foi feliz entregándose ao canto, sacro ou profano, galego ou latino, tristeiro ou ledo… cunha felicidade fraterna, contaxiosa, que era proba da felicidade que vivía con Dolores, con toda a súa familia nas tres xeneracións que Dolores e el viron nacer no seu fogar, dando permanente exemplo de bonhomía, compañeirismo, entrega, entusiasmo… alegría, en fin; alegría de cantar e de vivir.

      Por iso, non viñemos despedir a Armando, senón falar con el cantando, pechando a conversa decíndolle “Ata sempre Armando, amigo”, cantándovos/cantándolle “Más cerca, oh Dios, de ti” de Lowell Mason.