xoves, 18 de maio de 2023

Letras Galegas 2023

  Un ano máis os coros de Lugo festexamos o Día das Letras Galegas, nesta ocasión adicado a Francisco Fernández del Riego, animando cos nosos cantos as rúas da cidade. Cada agrupación ocupou un lugar dentro do recinto histórico e á hora convida deu un pequeno concerto de dúas pezas con letra dun autor xa homenaxeado en tal día.

 O Orfeón interpretou dúas pezas de Rosalía de Castro e Manuel Curros Enríquez, respectivamente, ambas harmonizadas para coro por Xosé Alfredo Oliveira:
   
   - Soia.
   - A nena na fonte

 Rematadas estas actuacións, Coral Ecos do Miño Astelu, Orfeón Xoán Montes, Schola Gregoriana Lucensis, Coral Xolda Polifónica, Sólo Voces, Conjunto Vocal Lugh, Cantar Delas, Coral do Hospital de Lugo, Coral Amigos do Camiño e Orfeón Lucense reuníronse nas escaleiras do fondo da Praza Maior para entonar xuntos a Negra Sombra e o Himno Galego e así dar remate a este emotivo acto.

  Na imaxe, o programa desta edición.







domingo, 14 de maio de 2023

Ata sempre, César

  Vimos de enterarnos do pasamento do noso compañeiro César. Hai persoas con tal carisma que semella sempre nos acompañarán, pero o devir da vida devólvenos á realidade, e iso é o que estamos a vivir neste momento.

  César José Gómez formou parte da familia do Orfeón durante máis de corenta anos e foi un dos promotores do Coro Parroquial de San Francisco Xavier. A súa paixón pola música queda fóra de toda dúbida, tanto nos momentos oficiais como nos de lecer, nos que adoitaba arrancar a súa serie de cancións favoritas, entre as que estaba Don Facundo; cancións ás que nos sumábamos gustosos.

  Filósofo, home de leis e de fe, líder natural, gran conversador, intelixente, sabio, dotado dunha simpatía espontánea; pero sobre todo, unha persoa chea dunha gran bondade que espallaba en calquera sitio que estivera, facendo gala dun humor limpo e chispeante.

  Na seguridade de que el nos estaría acompañando, dirixidos por Marcos Fernández Mosquera, cantamos unha misa este domingo en San Francisco Xavier na que puxemos todo o noso sentimento. Este foi o repertorio:

   -  Más cerca, oh Dios. L. Mason.

   - Señor ten piedad. Misa Alrededor de tu mesa. F. Palazón.

   - Aleluya de los irlandeses. J. P. Lécot.

   - Deus do universo. L. Olano.

   - Santo. Misa Alrededor de tu mesa. F. Palazón.

   - Cordero de Dios. Misa Alrededor de tu mesa. F. Palazón.

   - Jesu, Rex admirabilis. G. P. da Palestrina.

   - Anima Christi. M. Frisina. 


 O seu baixo profundo estará formando parte do mellor coro alí onde estea e  quedará para sempre resoando nos nosos ouvidos. Ata sempre César.

  A continuación inserimos as palabras que o noso Presidente, Xulio Xiz, escribiu para César, ás que nos sumamos, que foron lidas  ao final do acto pola nosa compañeira Ángeles Rodríguez Fontela, por ausencia do seu autor.


Lembrando a César José Gómez Fernández, 14.05.2023
Uns días despois do seu pasamento, os que con el vivimos cantando, temos que decirlle “ata sempre” a César, lembrando os momentos felices que pasamos á súa beira, cantando e falando, razonando, filosofando… porque César era falador, razonador, filósofo… e cantor.
Estamos aquí hoxe dous colectivos dos que que César formou parte; dous colectivos cantores que César levou sempre na alma e no corazón: os amigos do coro San Francisco Javier (el foi un dos promotores deste coro), e os membros do Orfeón Lucense, coro da Catedral de Lugo. Todos os membros doas dous coros sabémonos, somos, irmáns de César, o noso especial compañeiro e amigo.
Nas dúas agrupacións, era o máis veterano. Xa por iso, por experiencia, correspondíalle ser o máis sabio… Pero era o máis sabio, non só por antigüidade, senón por intelixencia, esforzo, tesón… e por fe. 
Dereito e filosofía foron os marcos intelectuais nos que se foi encadrando o seu pensamento e a súa vida. A súa especial intelixencia, unida a unha forza de vontade sen límites, logrou a especial sabiduría existencial da que todos fomos partícipes e beneficiarios.
No Orfeón Lucense foi un especial referente e formaba parte do grupo dos “históricos” que participaron con D José Castiñeira en 1982 na refundación do mítico “Orfeón” que fundara Xoan Montes, e así recibiu homenaxe en 2007 polo cuarto de século cantando na nosa Agrupación.
Esta misa e estes cantos lembran e renden homenaxe ao noso César, que agora seguro nos está a contemplar con agarimo en compañía de Mercedes Álvarez, Julia Iglesias, Enrique Aguiar, Eugenio Corral, Manuel Jacob, José Ángel Núñez e Luís Vázquez, compañeiros que temos xa no alén, animándonos e inspirándonos.
No nome das agrupacións musicais nas que César vivíu a música, queremos agradecer á súa familia telo compartido connosco tan longo e  fructífero tempo, e desexarlles a Rosa, a súa viuva, e aos seus fillos César, Maripaz e Rosa, e a toda a súa familia, que a dor da ausencia quede mitigada polo agarimo que César ten colleitado entre nós, na seguridade de que César tería un “Sursum corda”, “Arriba os corazóns!”, especial para eles, e para todos nós, para animarnos a seguir cos nosos cantos que el sabía moi ben que ao fin resulta ser unha especial oración.
Descanse en paz o amigo-irmán César José Gómez Fernández e que, nesa nova vida, sexa alomenos tan feliz como foi entre nós, e nos fixo ser a todos os que con el vivimos.











  

luns, 1 de maio de 2023

Misa na Catedral de Astorga

  Chegou o día esperado. Tras unha moi agradable viaxe propiciada por Marcial, un condutor sereo e eficaz, pisamos Astorga nunha mañá soleada e coa temperatura xusta para estar cómodos. 

  Esperábanos a Catedral ateigada de visitantes e fieis, igual que a cidade, que bulía especialmente con motivo dunhas xornadas gastronómicas que estaban tendo lugar alí.

  Admiramos o fermoso templo de estilo gótico tardío, barroco e renacentista; con numerosas vidreiras, abundante imaxinería e unha disposición do coro e do órgano un tanto chocantes para nós, tanto polo seu acceso, moi angosto, como pola súa colocación: enfrontados ambos entre si e situados perpendicularmente aos oíntes e ao altar. Disposición que non impediu aos fieis apreciar e valorar a sonoridade dos nosos cantos.

  Tras un ensaio xeral coa organista, comezou a misa presidida por D. Jesús Fernández González, prelado da diócese, na que o Orfeón Lucense, dirixido por Marcos Fernández Mosquera, interpretou o seguinte repertorio:
 
  - Hoy proclamamos. L. Burgeoise.
  - Señor ten piedad. Misa Alrededor de tu mesa. F. Palazón.
  - Gloria. Misa Alrededor de tu mesa. F. Palazón.
  - Aleluya de los irlandeses. J. P. Lécot.
  - O salutaris. L. Perosi.
  - Santo. Misa Alrededor de tu mesa. F. Palazón.
  - Anima Christi. M. Frisina.
  - Reina del Cielo. J. Castiñeira.

  Ao remate da celebración esperábannos o prelado e o salmista da Catedral para agradecernos a visita e felicitarnos pola actuación, así como para ofrecernos a posibilidade de volver cando o desexemos.

  De seguido, unha pequena parada para visitar a cidade e un xantar de confraternidade en Castrillo de los Polvazares puxeron fin a unha xornada que nos permitiu gozar da beleza de Astorga e a súa contorna e, ao mesmo tempo, convivir doutra maneira entre nós. Un especial agradecemento á nosa compañeira Remedios Martínez Rodil pola perfecta organización e loxística nesta viaxe.

  Na imaxe o Orfeón diante da Catedral de Astorga.