sábado, 17 de febreiro de 2024

Despedimos a D. Xesús Mato

   O pasado 13 de febreiro finou D. Xesús Mato. Crego, musicólogo, investigador e compilador musical, compositor, director e creador de coros, fundador de Fuxan os Ventos e Auxilia, Medalla Castelao por petición popular... e, por enriba de todo, un home galego bo e xeneroso con todo aquel que se lle cruzaba no camiño.

   Non imos repetir aquí as iniciativas e logros do Padre Mato nin os merecidos recoñecementos que lle foron concedidos, pois figuran perfectamente detallados na ligazón de máis arriba, pero deterémonos un momento como membros do Orfeón Lucense, coro que dirixiu.

   Na vida e desenvolvemento das agrupacións corais hai etapas críticas por diversas razóns. O Orfeón non foi alleo a esta situación e alí estivo D. Xesús para dirixilo durante un tempo e comunicarlle o dinamismo e entusiasmo que sempre o caracterizaron. Na actualidade era o director emérito da coral.

   A cerimonia organizada para despedilo deu comezo coa entrada do cadaleito na igrexa parroquial de San Nicolás de Portomarín aos acordes da Marcha Solemne do Antigo Reino de Galicia interpretada por Xosé Luís Foxo á gaita galega, tras o cal deu comezo a misa de funeral,

   O Orfeón estivo presente nas exequias do seu director emérito, como non podía ser doutro xeito, cantando as seguintes pezas do repertorio:

   - Eu creo en Ti, Señor. L. Mason.

   - Deus do Universo. L. Olano.

   - Santo. Misa Galega. J. Castiñeira-

   - Ven, Señor, ás nosas almas. L. Olano.

   No transcurso da liturxia, presidida polo prelado da diócese e concelebrada por máis dunha trintena de sacerdotes, tomou a palabra o bispo D. Alfonso Carrasco Rouco; o presidente do Orfeón Lucense e amigo do finado, Xulio Xiz Ramil; e Ismael e Eva Mato, sobriños de D. Xesús. Todos eles glosaron a figura do Padre Mato desde a perspectiva que lles dá a relación que mantiveron con el en vida, confluíndo no irrepetible da súa personalidade e bonhomía.

   Ao finalizar a misa o Orfeón saiu ao exterior do templo e situosuse en lugar preferente para adicarlle Compañeira de Xosé Luís Rivas Cruz (Mini) e harmonizacion de Xulio Domínguez, que no seu momento fora cantada por Fuxan os Ventos. De seguido Xosé Luís Foxo interpretou o Himno Galego á gaita, cantado por todos os presentes cun respectuoso e emocionado silencio de fondo mentras era introducido o féretro no furgón fúnebre que o conduciría ao cemiterio parroquial.

   Moitas son as novas que aparecen nos xornais e nas redes aludindo á súa longa, feliz e fructífera vida, plena de amor e servizo aos demais. Os principais medios de comunicación galegos e mesmo de fóra de Galicia fixéronse eco do pasamento de D. Xesús Mato. Enlazamos aquí e agradecemos a compilación que Galicia Dixital/Exeria fixo de todo o aparecido nestes días.

   Foron moitas as persoas que encheron o templo e outras tantas as emocións vividas alí. Como membros do coro que el dirixiu sentimos de maneira especial as palabras do noso presidente e amigo persoal do Padre Mato, Xulio Xiz, que pronunciou visiblemente emocionado e que reproducimos máis abaixo.

 O 11/12/2016 o Orfeón Lucense rendiulle homenaxe en Portomarín ao noso benquerido director emérito e fíxolle entrega da insignia de ouro da agrupación coral.

 Unha imaxe del ocupa un lugar importante no local de ensaio como símbolo da súa presenza entre nós e nos nosos corazóns, así como da admiración, cariño e respecto que lle profesamos xa para sempre.

   Descanse en paz D. Xesús Mato.

 Lectura de Xulio Xiz na Igrexa de San Nicolás de Portomarín o 14/02/2024

   Vou dicir o que pensades os moitísimos amigos (e amigas) deste home feliz, crego e amigo, mestre e compañeiro, entregado home de Deus que nos ensinou a camiñar polo mundo, e facía o ben a mans cheas.

   Naceu o ano 32 en Cabodevila de S. Martiño de Castro, ordenouno mons. Ona de Echave no 58, e nese ano foi para Lalín. Alí, crego na parrroquia das Dores, profesor de Formación relixiosa, asesor relixioso e alma mater na Cope; fundou a Coral Polifónica, e a xente da construción ergueu vivendas gratis para xente humilde porque Mato a conquistou.

   Hai 55 anos veu para Lugo: capelan do Colexio Smo. Sacramento, onde creou o coro de rapazas; asesor relixioso de Radio Popular, e xurdiron as misas pola radio en galego para enfermos; secretario de Medios de Comunicación, e fundou na Diocese de Lugo a asociación internacional Auxilia para persoas que precisaban ser axudadas. E foi feliz traballando cos "minus" que con el fixéronse plenamente válidos.

   Escribiu sobre o divino e o humano no Progreso, na Voz, Galicia Digital, e en Radio Popular fixo programas históricos como "O Anxeliño", "Y mañana, domingo", "Saludo a la madre", e foi feliz na Radio.

   Dirixiu a Escola Cantorum do Seminario, compuxo música e investigou música popular, rescatou "Os reises vellos do Cebreiro", dirixiu o Orfeón Lucense que hoxe canta ao seu Director emérito. Creou Fuxan os Ventos, título dun poema seu ao que puxo música, e o grupo de rapaces que o cantou en Mondoñedo fíxonos entrar aos galegos nun mundo novo. Despois, inspirou A Quenlla. E foi feliz na música.

   Quixo ir á montaña para servir parroquias e xentes, por Louzarela e Padornelo. Foi feliz na montaña, a montaña volcouse na súa homenaxe e hoxe o Progreso publica unha esquela dos seus fregueses de Pedrafita. A Cruz Vermella de Sarria, o Orfeón Lucense, María Castaña ou os Amigos de Moncho Valcárce homenaxeárono. E foi Lucense do Ano, o Concello de Paradela declarouno Fillo Predilecto, os amigos fixémoslle dous libros de homenaxe, e máis de 2.500 persoas e institucións lográronlle a Medalla Castelao, a única ata agora que se conseguíu por petición popular.

   Sempre dixo claramente que todo o que facía, o que conseguira, o que lle fixeran, era por ser cura, porque para el ser cura abarcaba as inmensidades que conquistou. Foi un crego feliz, soñador conquistador de imposibles posibles que nos fixo ser máis galegos, máis sensibles, máis humanos. Na Radio Popular de hai medio século era, dicía o compañeiro Adolfo de Abel, "Aquel cura ao que todos chamabamos Padre".

   Un vello conto noruegués fala do rei que para curar dun grande mal, percorreu o mundo buscando "a camisa dun home feliz", e cando atopou un único home feliz resultou que non tiña camisa. Xesús Mato foi un home feliz, e entendendo a metáfora, cumpría coa historia, porque o deu todo sen gardar nada para si. Foi home feliz que se fixo rico a forza de dar.

   Levounos a dianteira toda a vida. E agora que goza xa da visión do Deus ao que tanto quixo, sabemos que vai seguir mirando por nós. Cando remate esta celebración, xa no exterior, o Orfeón Lucense vaino despedir cantando "Compañeira", e Xosé Luís Foxo fará soar de novo a gaita na súa honra. Remato no nome de todos vós con versos de Darío Xohán Cabana, coma el xa no alén, que se citan na esquela que hoxe a Alcaldesa, o Concello e o pobo de Paradela publican en El Progreso:

   Non sabemos se es un santo
nin se hai santos entre nós,
mais ser es bon entre os bos,
e nós querémosche tanto.


                                  Un momento previo ao inicio do funeral