Amosando publicacións coa etiqueta Noite coral. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Noite coral. Amosar todas as publicacións

mércores, 8 de xullo de 2026

VIII Noite Coral Lucense

   O pasado sábado, día 4 de xullo, celebramos a VIII Noite Coral Lucense, un circuito itinerante de concertos de música sacra que se leva a cabo en templos emblemáticos do centro histórico da cidade e que o Departamento de Música Litúrxica da Diócese de Lugo vén organizando con gran acerto e éxito.

   Esta edición comezou ás 20:30 coa actuación do Orfeón Lucense na igrexa de S. Pedro, á que seguiron o Gruppo Vocale San Bernardo na igrexa de S. Froilán, Carminis Habitus na igrexa da Nova e Solo Voces na igrexa dos Franciscanos; seguindo o programa que se adxunta na imaxe.

   O Orfeón estivo dirixido pola súa titular, Sara Nebra, acompañado ao órgano positivo por Andrés Gutiérrez Fernández e o repertorio interpretado foi o seguinte:

  • Anónimo do s. XVIII. Nitida stella.

  • Tomás Luís de Victoria (1548 - 1611). Ave María.
  • Jouzas Naujalis (1869 - 1964). In Monte Oliveti.
  • Esteban Tozzi (1962). Pater noster.
  • Karl Kempter (1819 - 1871). Gloria. Pastoralmesse.

      Actuaron como solistas en Nitida stella, Pater noster e Gloria:

      Sara Nebra, soprano

      Beatriz Enríquez Parga, alto

      Lupe Enríquez Parga, alto

      Abraham Sánchez Pujante, tenor

      Marcos Fernández Mosquera, baixo

      David Ocón Ruiz, baixo

   Dada a duración total do acto, limitouse o tempo de actuación de cada agrupación para permitir que os seareiros puideran asistir a todas elas sen sobrepasar os límites da súa atención. Así, cada 30 minutos comezou un recital, dando tempo para os desprazamentos dun lugar ao outro. 

    Como en cada edición, o final foi na Catedral, reunindo a todos os cantores para interpretar a Historia di Jephte de Giacomo Carissimi, unha obra pertencente ao barroco que recolle un relato do Libro dos Xuices no cal se pón de manifesto a integridade, a valentía dos protagonistas e tamén a imprudencia de facer votos de maneira impulsiva sen calibrar as consecuencias.

   Esta última obra estivo dirixida por Giulio Mercati e acompañada polo
Concentus instrumentalis Lucensis
, cuxos compoñentes, así como os solistas e directores de todas as agrupacións especifícanse no programa que se adxunta na imaxe.

    A oitava edición da Noite Coral foi ocasión dunha dobre estrea para o Orfeón: Por  primeira vez fixemos a gravación íntegra dun concerto noso con cámara propia e os aditamentos correspondentes e tamén por primeira vez anunciamos ao público quen somos mediante un rollup no que figura a imaxe da coral diante da Catedral de Santa María, da que somos o coro titular. A este soporte publicitario adherimos un código QR co enlace ao programa de cada actuación.

    Finalizada a actuación e unha vez que o público ía xa camiño da igrexa de San Froilán para o seguinte concerto, fóronlle entregados polo Presidente da agrupación, Xulio Xiz Ramil, sendos agasallos aos directores que conduciron o Orfeón nos últimos anos: Marcos Fernández Mosquera, (2012 - 2025), Sara Nebra no presente curso, Abraham Sánchez Pujante e Lupe Enríquez Parga, que formaron parte do equipo de dirección no período que agora finaliza. Neste momento a actual directora, Sara Nebra, aproveitou para comunicar a todos os membros a súa decisión de non continuar no cargo por motivos persoais de incompatibilidade co seu traballo actual de profesora de Canto nunha escola de música de A Coruña.

   Nas imaxes, en sentido descendente, o programa da velada musical, un momento da actuación da nosa agrupación coral, o banner  publicitario do Orfeón Lucense, dous momentos da entrega de agasallos e unha instantánea do concerto final na Catedral.









   

      

martes, 8 de xullo de 2025

VII Noite Coral Lucense

    Este sábado, 5 de xullo, tivo lugar un dos eventos esperados polas agrupacións corais que nel veñen participando desde hai anos nestas datas. É a Noite Coral Lucense que xa acada este ano a súa sétima edición.

    Trátase dun itinerario musical que percorre os principais templos do centro histórico levando a música sacra á súa expresión máis elevada nun marco artístico relevante como é o das igrexas da nosa cidade, para acabar cunha interpretación final conxunta de todos os participantes na Catedral de Sta. María.

    Comezou esta vez na Igrexa de S. Pedro coa actuación do Orfeón Lucense dirixido por Marcos Fernández Mosquera, co seguinte repertorio:

  • Jesu, Rex admirabilis. G. P. da Palestrina. Jesu dulcis memoria. Gregoriano.
  • Miserere. G. Donizetti. 
    • Versetto 16. Domine labia mea
    • Versetto 18. Sacrificium Deo
    • Versetto 20. Tunc acceptabis
  • Nunc dimittis. Sir Ch. Villiers Stanford.
        Contrabaixo: Miguel Ángel Marín Calderón       
        Harmonio: Andrés Gutiérrez Fernández
        Dirección: Lupe Enríquez Parga   
  • Sicut lilium inter spinas. M. Raczynski.
  • Cantate Domino. A. Gretchaninoff.
    A esta actuación seguiron a do Gruppo Vocale San Bernardo na Igrexa de San Froilán, de Carminis Habitus na Igrexa da Nova, e de Solo Voces na Igrexa dos Franciscanos; das que se adxuntan os programas na imaxe que enlazamos máis abaixo. Finalmemte confluíron todos os coros na Catedral de Santa María para entoar o Gloria en Re M. de Antonio Vivaldi acompañados do Concentus Instrumentalis Lucensis baixo a dirección de Giulio Mercati.

  Numerosos seareiros da Noite Coral completaron o circuito de recitais nesta velada, moitos dos cales xa nos son caras familiares; sendo a asistencia especialmente numerosa no concerto final, ao que tamén acudiron as autoridades eclesiásticas.

  Foi verdadeiramete emocionante participar neste acontecemento musical que enche de son e arte a noite lucense e na que se dan cita algunhas das  mellores voces da cidade apoiadas por cantantes e instrumentistas profesionais.

  É de agradecer a Luís Varela Castiñeira, que tomou a iniciativa desta actividade; a Abraham Sánchez Pujante, e a Giulio Mercati, director artístico do Festival Internacional de Órgano e da Noite Coral, toda a actividade que vén desenvolvéndose desde hai uns anos na contorna da Catedral para poñer en valor a Música Sacra, os instrumentos valiosos que albergan os nosos templos e os templos en si mesmos; feitos que contribúen a elevar o nivel cultural desta cidade.

  Este concerto marca para o Orfeón Lucense un cambio na súa dirección. O ata agora director titular, Marcos Fernández Mosquera, cesa como tal a petición propia por motivos persoais e toma o relevo Sara Pérez Cruz, Sara Nebra, soprano que está na nosa agrupación desde o tempo en que existía a Escolanía anexa ao Orfeón. Formarán parte do seu equipo Abraham Sánchez Pujante, Director do Departamento de Música Litúrxica da Diócese e Lupe Enríquez Parga.

  É de xustiza agradecer a Marcos Fernández Mosquera a súa adicación ao coro durante máis de trinta anos, primeiro como cantor e nos doce últimos como director. Nesta etapa de crecemento transmitiunos a súa paixón e gusto pola música vocal, tanto profana como sacra, elevando as interpretacións do Orfeón a un moi bo nivel para un coro non profesional. Alegrámonos de seguir contando con el como cantor e como compañeiro ao tempo que lle desexamos felicidade e desfrute nesta nova andadura. 

  Acompañamos o programa completo que se interpretou nesta VII edición da Noite Coral.




domingo, 30 de xuño de 2024

Preparando a VI Noite Coral

   Falta unha semana para que por sexta vez os lugares máis emblemáticos do casco histórico vibren cos cantos dos coros de Lugo.

  A VI Noite Coral Lucense está en preparación desde hai un tempo e será o domingo, día 7 de xullo, cando se poña en escea. 

  Por este orde, Orfeón Lucense, Sólo Voces, Carminis Habitus e Concentus Lucensis  actuarán na Igrexa de San Pedro, San Froilán, Santiago a Nova e Círculo das Artes; respectivamente. A eles unirase o Gruppo Vocale San Bernardo para interpretar na Catedral o Magnificat en Sib Maior de Francesco Durante (1684-1755) acompañados polo Concentus Instrumentalis Lucensis. 

   Merece a pena adicar esta velada a escoitar todo o circuito de concertos sucesivos que comezará ás 20:30 na Igrexa de San Pedro e finalizará na Sé de Santa María.

   Agardamos a vosa presenza! 

   Pica aquí aquí para ver o programa completo.





   


domingo, 9 de xullo de 2023

V Noite Coral Lucense

  Comezou este ano o circuito de concertos na noite lucense coa actuación do Orfeón na Igrexa de San Pedro, dirixido oor Marcos Fernández Mosquera, acompañado á viola por Nuria Fernández Álvarez e ao órgano por Luís Varela Castiñeira interpretando o seguinte repertorio:

- O salutaris. P. de la Rue.
- Giesù sommo conforto. Anónimo.
- Vero Amor e Gesù. Anónimo.
- Ecce novum gaudium. Anónimo.
- Qui presso a te. W. A. Mozart (atr.)
- Requiem. G. Puccini.
- Reina del cielo. J. Castiñeira.

  A continuación actuou o Grupo Vocal Sólo Voces na igrexa de San Froilán, seguido de Son de Corda na igrexa de Santiago A Nova e do Gruppo Vocale San Bernardo nos Franciscanos.

 Finalmente todos os coros reunidos no altar do Bo Xesús da Catedral, interpretamos a Missa Brevis nº 7 de J. Haydn, dirixidos por Fernando Gómez Jácome e acompañados polo Concentus Instrumentalis Lucensis, actuando como solista no Benedictus Esperanza Iglesias Méndez.

  Esta iniciativa da Diócese de Lugo e do Lucense Eucharisticum Centrum sempre resulta gratificante para todos os participantes, músicos e ouvintes, tanto pola música, sempre selecta, como polo marco no que é interpretada,  os templos do casco histórico lucense, fermosos en si mesmos. A todo iso hai que engadir a beleza dunha noite de verán, noites que na actualidade son cada vez máis benignas.

  A continuación enlazamos o audio do Requiem de Puccini interpretado no noso concerto.


sábado, 1 de xullo de 2023

Preparando a V Noite Coral

  Faltan moi poucos días para que voces procedentes de lugares ben distantes no mapa poidamos encher de son a noite lucense. 

 O Gruppo Vocale San Bernardo, Sólo Voces, Son de corda e o Orfeón Lucense levamos un tempo preparando cadanseu recital individual e un concerto final conxunto na Catedral, acompañados polo Concentus Instrumentalis Lucensis, co que obsequiaremos a todo aquel que queira desfrutar de boa música coral. Merece a pena!!!

  Eis a imaxe do cartel. Picando nela accédese ao programa.






domingo, 10 de xullo de 2022

IV. Noite Coral. As voces da Cidade

 Recuperamos o formato da Noite Coral, sen restricións, tal como foi concebido antes da pandemia e nunha noite espléndida, mesmo impropia destas latitudes, iniciamos a serie de concertos que compoñen este circuito artístico e espiritual polos templos da cidade e o Círculo das Artes.

  Orfeón Lucense, Sólo Voces, Coro do Hospital e Gruppo vocale San Bernardo interpretaron concertos sucesivos en San Pedro, San Froilán, A Nova e Círculo das Artes, respectivamente, dando tempo aos seus seareiros a trasladarse dun lugar ao outro.

   O repertorio interpretado polo Orfeón foi o seguinte:

   - O salutaris ostia. Pierre de la Rue.

   - Cristo al morir tendea. Fra Marc'Antonio da San Germano.

   - Gabriel, el Ángel. Trad. vasca. Harm. E. Pettman. Trad. Carlos Rodríguez.

   - Adoramus te, Christe. Theodore Dubois.

   - Virgo Gloriosa. Johan August Söderman.

   - Cantico dell'Agnello. Marco Frisina.


   Tras os concertos de cada agrupación, ás corais anteriores uníronse o Quartetto di Brescia aos trombóns e Nicolás Varela ao órgano, e todos dirixidos por Giulio Mercati interpretamos tres pezas de polifonía renacentista a 12 voces no altar do Bo Xesús da Catedral:


   - Sapientiam omnium. Jacob Handl.

   - Super flumina Babylonis. Luca Marenzio.

   - Tota pulchra es, amica mea. Hieronymus Praetorius.


  Foi unha experiencia intensa e emocionante que compensou todo o traballo e esforzo que supón a preparación dun evento destas características con persoas que, nalgúns casos, vivimos a miles de kilómetros de distancia.

   Durante unhas horas a cidade encheuse de harmonías diversas e marabillosas que os afeccionados á música sacra coral e os intervintes no acto puidemos desfrutar, ao tempo que un percorrido polo casco histórico nun solpor fermosísimo de verán completou unha xornada de música e convivencia cuxos ecos perdurarán nos nosos ouvidos por moito tempo.

   Na imaxe dous momentos da Noite Coral: Concerto do Orfeón e concerto final.







luns, 4 de xullo de 2022

Preparando a IV NOITE CORAL

 Despois dun tempo de ensaios en cada coro intervinte neste evento por separado, chegamos á fase de probar como artellamos as diferentes pezas deste complicado puzle que é un concerto a doce voces mixtas.

 Esperámosvos o sábado, día 9. Será un magnífico paseo sonoro polas igrexas do casco histórico, o Círculo das Artes e a Catedral. O programa completo pode verse neste enlace e promete un desfrute intenso para calquera amante da boa música coral. 

 Nas imaxes, momentos previos ao inicio do ensaio conxunto do Coro do Hospital, Sólo Voces e Orfeón Lucense na parroquia do Bo Pastor.





   

domingo, 11 de xullo de 2021

III Noite Coral

   Vén sendo tradición que nos primeiros días do mes de xullo as voces da cidade de Lugo fagan un circuito de concertos por distintas igrexas do centro como remate do Festival Internacional de Órgano do Corpus Christi. 

  Nesta ocasión Orfeón Lucense, Sólo Voces e Coro do Hospital actuaron nas igrexas de San Froilán, A Nova e Franciscanos respectivamente, para un público reducido por mor da pandemia, pero fiel a este evento que xa suma a súa terceira edición.

   O repertorio interpretado polo Orfeón foi o seguinte:

- Jesu, Rex Admirabilis. G. P. da Palestrina.

- Alma Redemptoris Mater. G. P. da Palestrina.

- Drop, drop, slow tears. Orlando Gibbons.

- Dulcis Christe. Michelangelo Grancini.

- Ave Verum. W. A. Mozart.

- Non Nobis, Domine. Reuben Burrows.

   Finalizou a Noite no claustro da catedral, artísticamente iluminado, coa actuación do Concentus Lucensis entonando polifonía renacentista a sete voces mixtas.

   Enlazamos a continuación un momento da actuación do Orfeón. Ave Verum. W. A. Mozart.

   


sábado, 10 de xullo de 2021

Chegou a Noite Coral

   Hoxe é o Día. Hoxe é a Noite, a III Noite Coral. As Voces da Cidade ofrecerán concertos sucesivos en distintas igrexas, conformando este evento musical que xa vén sendo tradición.

   Orfeón Lucense, Sólo Voces e Coro do Hospital cantarán en San Froilán, Igrexa da Nova e Franciscanos respectiva e sucesivamente a partires das 21 horas. Poñerá punto final a actuación do Concentus Lucensis na Catedral ás 21 horas. Eis o cartel:




martes, 18 de maio de 2021

Retomando a vida

Comezamos a ensaiar no Claustro da Catedral para as solemnidades do Corpus Christi e para a Noite Coral 2021. Cantamos en grupo reducido e cumprindo estrictamente as medidas propostas polas autoridades. Alédanos poder albiscar de novo a vida!!

Nas imaxes distintos momentos dun ensaio da Noite Coral.






luns, 8 de xullo de 2019

Noite policoral

Ás 21:00 comezaba a II Noite Coral.
Despois da actuación de Solo voces, Coral do Hospital Xeral Calde e Gruppo Vocale San Bernardo (Saronno, Italia) & Mascoulisse Quartet,  foi o turno do Orfeón que interpretou o seguinte repertorio:

- Cristo al morir tendea. Marc'Antonio da San Germano
- Stabat Mater. Zoltan Kodaly
- Pater noster. Esteban Tozzi
- I see the power of God. Larry Sue

Finalmente todos os coros e solistas entonaron no Bon Xesús, baixo a dirección de Giulio Mercati, a seguinte selección de pezas renacentistas a 12 voces:
- Sapientiam omnium. Jacob Handl
- Superflumina babylonis. Luca Marenzio
- Tota pulchra es, amica mea. Hyeronimus Praetorius.

Inserimos o vídeo da interpretación conxunta desta última composición.




venres, 5 de xullo de 2019

Mañá, II Noite Coral

Como colofón ao Curso de Música Litúrxica Lucense, mañá terá lugar a II Noite Coral. Como xa se dixo no post anterior, é un circuito de concertos interpretados polas voces da nosa cidade que se desenvolverá no seguinte orde:


CONCERTO I: 
Capela de San Roque, 21.00-21.20 h. Grupo Vocal Solo Voces. Dirixido por Fernando G. Jácome
CONCERTO II: 
Igrexa Parroquial de Santiago a Nova, 21.30-21.50 h. Coral do Hospital Xeral Calde. Dirixido por Fernando G. Jácome.
CONCERTO III: 
Igrexa Parroquial de San Froilán, 22.00-22.20 h. Gruppo Vocale San Bernardo (Saronno, Italia) & Mascoulisse Quartet. Dirixido por Giulio Mercati.
CONCERTO IV: 
Igrexa Parroquial de San Pedro, 22.30-22.50 h. Orfeón Lucense. Dirixido por Marcos Manuel Fernández Mosquera
CONCERTO FINAL: Catedral de Lugo, 23.00-23.30 h. Participan todos os grupos anteriores e ademais, Mattia Marelli (órgano). Dirixido por Giulio Mercati.
Esta actividade, fermosa tanto en si mesma como polo feito de reunir aos cantores de diversas procedencias, está organizada polo Centro Eucarístico Lucense, que tén o mérito de facerse visible por iniciativas tan encomiables como a que teremos ocasión de presenciar mañá.
 Quedan todos convidados.




mércores, 3 de xullo de 2019

Preparando a II Noite Coral

Despois do éxito acadado na edición anterior, o vindeiro sábado, 6 de xullo, terá lugar a II Noite Coral
Trátase dun circuito de concertos de diferentes coros da nosa cidade que entonarán música sacra en varios templos de forma sucesiva para facilitar a asistencia a todos eles.
Para rematar, todos os participantes ofrecerán un concerto conxunto no claustro da catedral interpretando polifonía renacentista a 12 voces, dirixidos por Giulio Mercati.
Recomendamos a todos non perder esta fermosa iniciativa.

Adxuntamos o cartel.
   


    

venres, 6 de xullo de 2018

I Noite Coral Lucense

 Este ano o III Curso de Música Litúrxica do Corpus Christi de Lugo organiza para o 7 de xullo entre as 21h e as 23.30 h. un circuíto nocturno de concertos por templos da cidade, concluíndo cun concerto final na Praza de Santa María. É un acto programado polo Centro Eucarístico Lucense e a Delegación Diocesana de Liturxia en colaboración co Concello de Lugo.
 PARTICIPANTES 
- Coral do Hospital Xeral-Calde, Lugo. Fernando G. Jácome, director. 
- Gruppo Vocale S. Bernardo, Saronno (Italia). Pietro Tagliaferri, saxofón soprano. Giulio Mercati, director. 
- Orfeón Lucense, Lugo. Marcos Fernández Mosquera, director. 
- Solo Voces, Lugo. Fernando G. Jácome, director. - Noemí Mazoy, soprano. 
- Grupo de Cámara da Banda Filarmónica, Lugo. Iván Martínez Sabio, director.
 CONCERTO I: Capela de San Roque, 21.00-21.20 h. Gruppo Vocale S. Bernardo.
Programa:
Guillaume Dufay (c.1397-1474): Ave, Regina caelorum
Josquin des Prez (1450-1521): Tu solus qui facis mirabilia 
Tomás Luis de Victoria (1548-1611): Vexilla regis

CONCERTO II: Igrexa de Santiago a Nova, 21.30-21.50 h. Orfeón Lucense.
Programa: 
Giovanni Luigi da Palestrina (1525-1594): Sicut cervus.
 Tomás Luis de Victoria (1548-1611): Ave Maria.
 Michelangelo Grancini (1609-1669): Dulcis Christe.
 Jauzas Naujalis (1869-1934): In monte Oliveti.
 Gabriel Fauré (1845-1924): Cantique de Jean Racine.
 Reuben A. Burrows: Non nobis Domine.

CONCERTO III: Igrexa de San Froilán, 22.00-22.20 h. Solo Voces.
 Programa:
Anónimo: Magnificat I toni
Manuel Méndez (1750 ca. - 1817): Salmo 143 (Benedictus Dominus Deus meus)
Manuel Méndez: Salmo 127 (Beati omnes qui timent Dominum)

CONCERTO IV: Igrexa de San Pedro, 22.30-22.50 h. Coral do Hospital Xeral-Calde.
 Programa: 
Christopher Tye (1505 – 1572): Laudate nomen Domini.
Thomas Talis (1505 – 1585): If ye love me
Tomás Luis de Victoria (1548 – 1611): Domine, non sum dignus 
Lowel Mason (1792 – 1872): Cerca de Ti, Señor
Xoán Montes (1840 – 1899): Benedictus
Lorenzo Perosi (1872 – 1956): O salutaris 
Jakob Arcadelt (1507 – 1568): Ave Maria

CONCERTO FINAL: Pza. de Santa María, 23.00-23.30 h. Todos os grupos e a Filharmónica, en total actuarán case 100 coristas.
Programa: 
Joseph Haydn (1732-1809): Misa No. 7 en Sib mayor, “Missa brevis Sancti Joannis de Deo”, Hob.XXII:7. (c. 1775). 
C. Franck (1822-1890): Panis angelicus . 
Mozart (1756-1791): Laudate Dominum (Vesperae solennes de confessore), Kv. 339.