O pasado luns, día 1 de xuño, tivo lugar a participación do Orfeón Lucense no XII Festival Internacional de Órgano do Corpus Christi. Como vén sendo habitual desde hai varios anos, aceptamos a invitación e preparamos este concerto con mimo e ilusión
Compartimos programa co organista cordobés Miguel Ángel García, músico de vasta formación e extenso curriculum, na actualidade profesor titular de Órgano do Conservatorio Profesional «Cristóbal de Morales» de Sevilla.
Feitos os saúdos e a presentación do acto a cargo de Abraham Sánchez Pujante, Director de Música Litúrxica da Diócese, e ante numeroso público, deu comezo o concerto cunha peza enérxica de órgano, Batalla de clarines de José Nebra y Blasco (1702 - 1768). Esta obra deu paso á primeira intervención do noso coro á que foron sucedendo todas as demais con alternancia de obras vocais e instrumentais, ata a final, interpretada conxuntamente, seguindo este programa.
Nesta edición a organización do Festival acordou, acertadamente, que as agrupacións corais actuasen fronte ao público na capela do Bo Xesús para acadar maior cercanía aos seus seareiros e mesmo un son máis próximo, agás as obras para voces e órgano que, para mellor entendemento entre coristas e organista, poden ser interpretadas desde o coro da Catedral.
Asimesmo, como outros anos foi instalada unha pantalla no sitio do altar desta capela para poder seguir con detalle os acenos das mans e dos pés do organista sobre dito instrumento, aspecto que sempre resulta vistoso, mesmo hipnótico, para os espectadores polo virtuosismo dos músicos.
O repertorio interpretado polo Orfeón foi o seguinte:
- Karl Kempter (1819-1871). Sanctus. Pastoralmesse. Para órgano e coro.
Anónimo S. XVIII. Nitida Stella.
- Anónimo S. XVIII. Qui, presso a Te.
- Karl Kempter (1819-1871). Gloria. Pastoralmesse. Para órgano y coro.
Unha vez feitos os saúdos conxuntos de organista e coro, o condutor da velada musical, Abraham Sánchez Pujante, agradeceu ao público a súa numerosa asistencia e fixo o anuncio do próximo concerto do ciclo, que será o mércores, día 3 na igrexa da Nova a cargo do organista italiano Tommaso Maria Mazzoletti e o grupo Son de Corda, concerto ao que convidou a todos os ouvintes.