O domingo seguinte ao Corpus Christi asistimos á misa da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia, que reúne en Lugo aos bispos e representantes civís das sete cidades históricas que conformaron este Reino.
A tradición da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia data do século XVII, tal como se explicou nun post anterior e foi recoñecida no ano 2025 como Ben de Interese Cultural do patrimonio inmaterial.
Este ano correspondeulle facer a ofrenda a Tui, que neste ano celebra o oitocentos aniversario da consagración da súa catedral, polo que a misa estivo presidida polo prelado da diócese de Tui-Vigo, D. Antonio Valín Valdés, acompañado polos bispos das restantes dióceses: D. Alfonso Carrasco Rouco, bispo de Lugo; D. Francisco José Prieto Fernández, arcebispo de Santiago de Compostela; D. José Leonardo Lemos Montanet, bispo de Ourense; D. Fernando García Cadiñanos, bispo de Mondoñedo-O Ferrol e os bispos eméritos Julián Barrio Barrio e Luís Quinteiro Fiuza.
Ademais das autoridades eclesiásticas, asistiu o Presidente da Xunta de Galicia, D. Alfonso Rueda, a Alcaldesa de Lugo, Dona Elena Candia, membros da corporación municipal e representantes das demais cidades galegas que, tras unha recepción no Concello, descenderon en procesión ata a Catedral onde foron recibidos polo cabildo catedralicio. Completaba a asistencia a este acto un público numeroso que enchía as naves da sé, como vén sendo habitual nesta solemnidade.
Presentou a ofrenda o alcalde de Tui, D. Enrique Cabaleiro, que salientou esta tradición histórica e secular por facilitar e manter a unión dos pobos galegos ó longo das xeracións e pediulle ao Santísimo protección para os máis desfavorecidos, luz e entendemento para os nosos dirixentes co fin de unir vontades para edificar unha terra cada vez mais acolledora
para todos e de inspirar a todos camiños de esperanza, de
solidariedade e de xustiza.
Respondeulle o prelado de Tui, D. Antonio Valín Valdés, quen defendeu que o rostro de Cristo non só está nos templos, senón nos pescadores que saen ao mar, nos emigrantes que abandoan o seu país para buscar unha vida mellor, na soedade non desexada dos mozos e maiores..., e avogou por que busquemos sempre a unión na sociedade e na Igrexa, fuxindo de toda
polarización, buscando a paz para conquerir en común unha sociedade
fraterna e unha Igrexa samaritana que parte o pan e lava os pés dos
máis vulnerables.
O Orfeón Lucense fixo a súa aportación musical dirixido por Sara Nebra e acompañado ao órgano por Nemesio Gutiérrez e o seu fillo Andrés Gutiérrez. O repertorio interpretado foi o seguinte:
- Aledémonos. José Castiñeira.
- Misa Galega. Señor ten piedade. Gloria. Santo. Año de Deus. José Castiñeira.
- Alléluia dit irlandais. Fintan O´Carroll / Lucien Deiss.
- Deus do Universo. Luis de Olano.
- O pan do ceo. Xesús Portas Ferro / Isauro García Ramos.
- Non vou só. Miguel Carneiro / Isauro García Ramos.
O acto contou coa presenza de representantes da Asociación Traxe Tradicional de Tui, a asociación etnográfica Traxandaina, a agrupación tradicional Os Xílgaros e a Escola O Xeito de Lugo, estes tres últimos da nosa cidade, que aportaron música e danza en distintos momentos.
Deles, o gaiteiro Óscar Pérez, pertencente a Os Xílgaros, deu inicio á celebración coa interpretación do Himno do Antigo Reino de Galicia acompañado por Andrés Gutiérrez ao órgano. Traxandaina asistiu á cerimonia por primeira vez este ano lucindo indumentaria histórica e poñendo en valor o patrimonio cultural inmaterial galego. Pola súa parte a Escola O xeito de Lugo puxo ritmo e cor na procesión interpretando danzas tradicionais de arcos e castañolas.
Ao remate da cerimonia litúrxica saiu a procesión polas rúas do centro histórico seguida das autoridades relixiosas e civís asistentes e de numerosos fieis.
Adxuntamos imaxes deste día. De arriba a abaixo: un momento da liturxia, a arca da ofrenda, a actuación do Orfeón, a agrupación tradicional Os Xílgaros e dúas instantánea da procesión, respectivamente.
Todas as imaxes están tomadas da web da Diócese de Lugo, imaxes que agradecemos.



.jpeg)


Ningún comentario:
Publicar un comentario