Amosando publicacións coa etiqueta concertos colaborativos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta concertos colaborativos. Amosar todas as publicacións

martes, 22 de outubro de 2024

Misa na honra do Apóstolo Santiago

   Por iniciativa de Nicolás Ravelli, director da Xove Orquestra Terra Nova, fomos convidados, xunto con outros coros da cidade, a cantar a Misa na honra do Apóstolo Santiago, acompañados de dita orquestra.

   Antes do Nadal de 2023 xa participamos nunha actividade semellante con nove corais de toda a comunidade no Auditorio de Galicia acompañados pola Real Filharmonía, dirixidos por Javier Fajardo baixo o título de Proxecto Cantamos.

   Agora tratábase de traer a idea a Lugo para levala a cabo cos coros locais. Enseguida nos ilusionou a participación e, despois dos ensaios correspondentes coa orquestra Terra Nova, tivo lugar o concerto na Igrexa de San Pedro ante un numeroso público que abarrotou o templo.

   No altar maior da igrexa, que fixo de escea, situáronse Sólo Voces, Coro do Hospital, Coro de Fingoi e Orfeón Lucense. Diante de nós a orquestra co seu director e o concerto botou a andar. Nel puideron escoitarse todas as partes que compoñen unha misa completa, tal como a compuxo Xoán Montes:

   - Kyrie.

   - Gloria.

   - Credo.

   -Sanctus.

   - Benedictus (a capela)

   - Agnus Dei.

   Actuou como coro principal a agrupación Sólo Voces e todos os demais incorporámonos nas partes correspondentes, segundo o acordado

   A interpretación foi moi aplaudida polos asistentes, tras o cal estreamos unha peza de Enrique Alvarellos, compositor, director e escritor lucense finado no 2004, titulada Canta, meu grilo, que Nicolás Ravelli adicou á familia do falecido, presente no recinto.

   Finalmente, soou un bis, que, a petición dos músicos da orquestra, constituiu unha sorpresa instrumental para os espectadores: Suspiros de España, pasodobre composto por Antonio Álvarez Alonso no 1902.

   Dado o éxito da experiencia, seguro que haberá un próximo proxecto que logre aglutinarnos para seguir desfrutando da Música.

   A continuación inserimos unha imaxe da actuación.






   

   

sábado, 23 de decembro de 2023

Proxecto ´Cantamos´ no Auditorio de Galicia

   O 21 de decembro, tal como se dixo nun post anterior, tivo lugar en Santiago de Compostela un concerto colaborativo de dez coros galegos dirixidos por Javier Fajardo e acompañados pola Real Filharmonía de Galicia.

   O proxecto´Cantamos´, que botou a andar en setembro convocando ás corais que estiveran interesadas nel, foi traballado de maneira individual en cada agrupación e posto en común en tres ensaios no Auditorio de Galicia, dous deles vocais con acompañamento de piano e o último coa orquestra.

   Participamos neste acto as seguintes agrupacións:

   - Orfeón Terra a Nosa
   - Grupo Vocal Sólo Voces
   - Coral Harmonía Stellae
   - Coro de Cámara Thalassa
   - Coral Polifónica Salcedo
   - Coro do Hospital de Lugo
   - Coro Fingoi
   - Orfeón Lucense
   - Coro Asubío
  -  Coro de adultos da Escola Municipal de Música de Santiago

   O chamamento foi respondido coa asistencia duns 270 coralistas, cuxa colocación na escea requeriu unha instalación de gradas, quizáis nunca experimentada no Auditorio, rodeando as tres paredes que conforman o espazo de actuacións. Merece ser felicitada a persoa que organizou tanto o emprazamento dos cantores como os movementos de entrada e saída na escea pola precisión e rapidez coa que se executaron.

   As obras interpretadas foron:

   - Fidelio. Obertura. L. van Beethoven.
   - Misa em honra do Apóstolo Santiago. Xoán Montes. Arr. Joam Trilho.
   - Merry Christmas Beethoven. Juan Durán.

   Abriu o concerto a Real Filharmonía coa Obertura de Fidelio que deu paso ás obras corais todas elas seguidas con gran atención por un numeroso público que encheu o aforo.

  Cabe destacar a sonoridade de toda a Misa de Xoán Montes e a emotividade do Benedictus interpretado sotto voce sen acompañamento orquestral. En canto á obra de Juan Durán, encantounos a idea de artellar panxoliñas universais sobre melodías de Beethoven ben coñecidas para rematar cun FELIZ NAVIDAD!!! sonorísimo de todos os participantes.

   Merece unha mención especial quen organizou todo este complexo proxecto, Javier Fajardo, pola súa valía persoal e profesional, pola idea de achegar aos coros amateurs á profesionalidade dunha gran orquestra como é a Real Fliharmonía e pola afabilidade e a cercanía coa que fomos tratados en todo momento.

   Ao remate da actuación foron chamados á escea os directores de todos os coros e Juan Durán, compositor de Merry Christmas Beethoven, que foron obsequiados co aplauso dos asistentes.

   Non é fácil expresar con palabras a emoción de formar parte deste acto nun marco tan memorable e percibir a vibración de cada son que emitimos  potenciado polas distintas harmonías vocais e instrumentais de tantos músicos e cantores.

    Sentímonos moi recompensados polo noso traballo e esperamos que haxa unha nova ocasión.

    A imaxe corresponde ao momento final do concerto no Auditorio de Galicia.