Por iniciativa de Nicolás Ravelli, director da Xove Orquestra Terra Nova, fomos convidados, xunto con outros coros da cidade, a cantar a Misa na honra do Apóstolo Santiago, acompañados de dita orquestra.
Antes do Nadal de 2023 xa participamos nunha actividade semellante con nove corais de toda a comunidade no Auditorio de Galicia acompañados pola Real Filharmonía, dirixidos por Javier Fajardo baixo o título de Proxecto Cantamos.
Agora tratábase de traer a idea a Lugo para levala a cabo cos coros locais. Enseguida nos ilusionou a participación e, despois dos ensaios correspondentes coa orquestra Terra Nova, tivo lugar o concerto na Igrexa de San Pedro ante un numeroso público que abarrotou o templo.
No altar maior da igrexa, que fixo de escea, situáronse Sólo Voces, Coro do Hospital, Coro de Fingoi e Orfeón Lucense. Diante de nós a orquestra co seu director e o concerto botou a andar. Nel puideron escoitarse todas as partes que compoñen unha misa completa, tal como a compuxo Xoán Montes:
- Kyrie.
- Gloria.
- Credo.
-Sanctus.
- Benedictus (a capela)
- Agnus Dei.
Actuou como coro principal a agrupación Sólo Voces e todos os demais incorporámonos nas partes correspondentes, segundo o acordado
A interpretación foi moi aplaudida polos asistentes, tras o cal estreamos unha peza de Enrique Alvarellos, compositor, director e escritor lucense finado no 2004, titulada Canta, meu grilo, que Nicolás Ravelli adicou á familia do falecido, presente no recinto.
Finalmente, soou un bis, que, a petición dos músicos da orquestra, constituiu unha sorpresa instrumental para os espectadores: Suspiros de España, pasodobre composto por Antonio Álvarez Alonso no 1902.
Dado o éxito da experiencia, seguro que haberá un próximo proxecto que logre aglutinarnos para seguir desfrutando da Música.
A continuación inserimos unha imaxe da actuación.
Ningún comentario:
Publicar un comentario