Desde hai xa uns anos a nosa agrupación coral vén celebrando o último domingo de outubro unha misa cabodano na honra do seu refundador, D. José Castiñeira Pardo, mestre de capela da catedral, musicólogo, profesor, home dunha completa formación musical e humanística e gran impulsor da Música na cidade.
Este ano por primeira vez fíxose entrega nesta data do Premio de Humanidades José Castiñeira 2024, recentemente convocado polo Orfeón Lucense en colaboración coa Diócese de Lugo, a Catedral e a familia Castiñeira, coincidindo co aniversario do falecemento do ilustre músico
A cita foi o pasado domingo. Os actos de homenaxe comezaron cunha misa oficiada por D. Luís Varela Castiñeira, coengo prefecto de Música da sé e sobriño do finado mestre.
O Orfeón Lucense, dirixido por Marcos Fernández Mosquera e acompañado ao órgano por Nemesio Gutiérrez, antigo director da coral, interpretou o seguinte repertorio:
- Aledémonos. J. Castiñeira.
- Señor, ten piedade. Misa Galega. J. Castiñeira.
- Gloria. Misa Galega. J. Castiñeira.
- Interleccional. J. Castiñeira.
- Adoramuste, Christe. T. Dubois.
- Santo. Misa Galega. J. Castiñeira.
- Año de Deus. Misa Galega. J. Castiñeira.
- Anima Christi. M. Frisina.
Por primeira vez tivemos o pracer de ser acompañados nesta última composición de Marco Frisina por Andrés Gutiérrez, xove organista e músico entusiasta, fillo de Nemesio Gutiérrez, que a pesar da súa curta idade xa tén tocado en lugares importantes como a Catedral de Edimburgo e do cal seguro oiremos falar nun futuro.
Ao remate da liturxia o Presidente do Orfeón adicou unhas emotivas palabras ao noso homenaxeado, que reproducimos máis abaixo, e convidou a todos os presentes a trasladárense ao claustro para continuar cos actos da xornada.
Unha vez alí, o Presidente deu lectura á acta da reunión do xurado do Premio José Castiñeira de Humanidades 2024, que xa reproducimos nun post anterior, e que outorga dito premio a Marisol Bravos López por toda unha vida adicada á integración das persoas discapacitadas e a mellorar a situación das mesmas.
Tras o agradecemento emocionado da premiada, Ana Manuela de Acevedo e Sara Pérez Cruz no nome do Orfeón depositaron unha ofrenda floral nas sepulturas de D. José e D. Manuel Castiñeira Pardo, e púxose fin a esta parte entoando outra das composicións do noso mentor: Reina del cielo.
Rematamos a xornada de homenaxes cun xantar de confraternidade, facendo unha parada no camiño para depositar un ramo de flores ao pé do busto de D. José, obra de Juan Bautista Puchades, sito na Avenida de Ramón Ferreiro.
Reproducimos aquí as palabras pronunciadas por Xulio Xiz en homenaxe ao ilustre musicólogo :
Os heredeiros de Castiñeira. Catedral de Lugo, 27.10.2024
Os herdeiros de Castiñeira estamos hoxe moi contentos. Celebrando
o seu 35º cabodano, confesamos sentir unha especial ledicia. E aínda que
poida ser supérfluo, cómpre indicar quen somos os herdeiros e o por que
da ledicia en relación co patriarca amigo que se agora vivise tería 96 anos.
José Castiñeira, que nos deixou aos 61 anos, crego, musicólogo,
compositor, director e profesor, deixounos herdeiros de amor e de saber a
centos de persoas. Primeiros herdeiros del foron os membros da súa
numerosa familia, especialmente os que con el conviviron máis
directamente, que hoxe nos acompañan; un deles o oficiante e sucesor
como mestre de música da catedral… herdeira a catedral lucense e todos
os que nela ofician ou participamos, polo seu labor, actividade e exemplo.
Herdeiros os centos de mozos e mozas que del recibiron formación e
agarimo no Seminario, nas Xosefinas, en tantos lugares… herdeiros os
amigos e os devotos; xentes que o paraban pola rúa ou o admiraban de
lonxe… E herdeiros, por darnos vida musical e por facernos sentir a
música que encaixa dentro destas pedras da fe, os membros todos do
Orfeón Lucense, desde os de hai corenta anos ata os que veñen de
incorporarse á nosa gran familia, por xuntarnos para cantar – rezar
cantando; cantando disfrutar – dándonos o nome da histórica agrupación
que Xoan Montes dirixiu, e imprimíndonos carácter como agrupación feita
á súa medida; amadora da súa música; gardadora da súa memoria.
Os numerososa herdeiros de Castiñeira, estamos contentos por
xuntarnos aquí no seu nome, unha vez ao ano, para lembrar ao noso Pai
espiritual e musical. A nosa ledicia refórzase ao comprobar que somos
quen de conservar a memoria de quen ben nos fixo, e mantemos vivo 35
anos despois o vìnculo que con el nos unía e poñémolo de manifesto
nunha eucaristia, nuns cantos, nunhas flores, nunha visita ao lugar onde
repousan os seus restos.
Pero o noso contento este ano ten un motivo especial… Demos en
pensar que deberíamos convocar un Premio anual de Humanidades, de
Humanidade, para premiar a persoas como Castiñeira, que fan mellor o
mundo, por contribuir a mellorar a vida das persoas… E cada ano premiar
a persoas ou institucións que, mirándoas, vemos a Castiñeira. Por iso
estamos contentos… porque cando a misa remate, no claustro, imos
entregar unha placa a Marisol Bravos, por toda unha vida de traballo, de
superación… porque nela vemos a Don José Castiñeira. Vai resultar que
estamos contentos porque logramos ver a Castiñeira naqueles dos seus
herdeiros que se parecen el. Grazas, don José, pai e amigo.
Nas imaxes, distintos momentos da celebración:
Ningún comentario:
Publicar un comentario