xoves, 31 de outubro de 2019

Lembrando a D. Xosé Castiñeira Pardo

No trinta aniversario do pasamento de D. Xosé Castiñeira Pardo, un recordo a quen foi o refundador do Orfeón Lucense.

Nace en Aspai (Outeiro de Rei) o 23 de febreiro de 1928. Tras realizar os seus primeiros estudos de Latín e Humanidades no Seminario de Lugo, fórmase en Filosofía na Universidade de Roma e de volta a Lugo ordénase sacerdote en  1953.

Outra vez a Roma e completa a súa formación licenciándose en Teoloxía, e obtendo a maxistratura en Harmonía, Composición e Dirección en música sagrada (1955), e o doutoramento ex tese (1956), así como o Bacharelato en Musicoloxía e Paleografía Gregoriana.

De novo en Lugo en 1961 desempeña o cargo de Prefecto de Música da Catedral, exerce como profesor de Música do Seminario onde impulsa a Schola Cantorum, crea e dirixe a Coral do Círculo das Artes e dirixe a Coral Polifónica de Lugo. Foi ademais presidente da Comisión Diocesana de Música Sagrada e vogal da Comisión de Liturxia, Música e Arte Sacro. Foi reitor do Seminario (1971-1981), membro do Consello de Cultura da Deputación Provincial, director da Escola de Canto e creador e director da Escolanía que levou o seu nome.

En 1982 refunda o Orfeón Lucense para acompañar e dar brillantez ó culto da Catedral, que dirixiu ata o seu falecemento, o 31 de outubro de 1989.


No ámbito da creación deixou numerosas pezas sacras e profanas e cábelle a honra de ser dos primeros músicos que compuxo música sacra en galego. Das súas composicións destacamos numerosas misas, cantos litúrxicos para distintos momentos, panxoliñas, himnos e unha colección de música popular, todos eles no arquivo catedralicio e moitas delas interpretadas polo Orfeón Lucense nas distintas solemnidades.

Tanto pola súa ampla formación como pola adicación ó ensino e divulgación da Música merece ser considerado como unha figura senlleira na historia da  música da nosa cidade. 

Pero máis aló do facedor de fermosa música está o home. Del din os compoñentes máis antigos do Orfeón que era un home rigoroso en canto á disciplina coral pero que coñecía e coidaba a cada un dos membros dos seus coros ocupándose das súas necesidades máis aló do eido interpretativo.

Un retrato de D. Xosé Castiñeira Pardo preside o noso local de ensaio, a quen lembramos con respecto cada vez que cantamos unha das súas composicións e especialmente no trinta aniversario do seu pasamento.




venres, 11 de outubro de 2019

Misa en latín

Como todos os anos, o día 12 de outubro celebrarase na catedral unha misa dentro dos actos relacionados co Mercado medieval que organiza a Asociación de Antigos Alumnos da Escola de Artes Aplicadas Ramón Falcón.
As pezas que interpretará o Orfeón Lucense son as seguintes:


- Jesu, Rex Admirabilis. G. P. da Palestrina
- Aleluia. Gregoriano
- O salutaris. L. Perosi
- Zum Sanctus. F. Schubert
- Ave María. T. L. Victoria
- Canticorum Iubilo. G. F. Haendel


venres, 4 de outubro de 2019

Misa de San Froilán

O Orfeón Lucense estará presente na Misa do patrón da nosa cidade. O repertorio a interpretar nesta ocasión será o seguinte:

- Procesional de entrada. J. Molejón
- Kyrie. Misa Galega. X. Castiñeira
- Gloria. Misa Galega. X. Castiñeira.
- Contade as marabillas. M. Carneiro
- Aleluya. Isauro G. Ramos
- O pan do ceo. Isauro G. Ramos
- Jesu, Rex admirabilis. G. P. da Palestrina
- Himno a san Froilán. J. Molejón

Feliz Día de San Froilán!!!