martes, 31 de marzo de 2026

Domingo de Ramos 2026

    Iniciamos  a participación do Orfeón nesta Semana Santa coa actuación na Misa solemne do Domingo de Ramos que deu comezo despois da bendición das palmas e ramos que habitualmente tén lugar na Praza de Santa María.

  Presidiu a celebración o bispo da diócese, monseñor Carrasco Rouco, auxiliado por membros de distintos estamentos eclesiásticos e con numerosa asistencia de fieis.

   O Orfeón dirixido pola súa titular, Sara Nebra, e acompañado ao órgano por Nemesio Gutiérrez e o seu fillo Andrés Gutiérrez, interpretou o seguinte repertorio:

  • Dios mío, Dios mío. Salmo.
  • Cristo por nosotros. Francisco Palazón.
  • Deus do Universo. Luís Olano.
  • Sanctus-Benedictus. Missa brevis. Jacob de Haan. (arr. Abraham Sánchez Pujante).
  • Agnus Dei. Missa brevis. Jacob de Haan.
  • Eucaristía. A. Fdez. León (Taizé).
  • Ánima Christi. Marco Frisina.

    Debemos facer constar aquí a estrea neste día das novas gradas do coro da Catedral, feito co que a nosa agrupación puido ver cumprida unha das súas peticións desde hai ben tempo.

   Agradecemos infinitamente esta xestión á nosa compañeira Trinidad Vázquez Luaces e á Diócese de Lugo, pois a nova ubicación dos coristas e a directora redunda en beneficio da seguridade e comodidade de todos os membros e, en suma, dunha boa sonoridade e calidade do canto.

      Ao remate da misa, numerosos fieis acompañaron a procesión da Borriquita, que percorreu as principais rúas do casco histórico da cidade neste día solleiro e de bonanza primaveral.

    Así finalizou a grata xornada, da que adxuntamos imaxes tomadas da páxina web da Diócese de Lugo.





    

domingo, 29 de marzo de 2026

Ante a Semana Santa

     Como preparación para a Semana Santa o Orfeón Lucense ensaia un repertorio de cantos propios da liturxia destes días para acompañar e, se cabe, realzar os oficios que se celebran na Catedral de Lugo, da que somos o coro oficial e na que actuaremos nas datas máis senlleiras.

    Ante a proximidade destas actuacións, e coincidindo coa inauguración das novas gradas construídas para a ubicación dos cantores no coro, asunto para o que foi crucial o concurso da nosa compañeira Trinidad Vázquez Luaces e que tanto agradecemos; a Directora de Comunicación da Diócese de Lugo, María José Campo López-Barcia, entrevistou ao Vicepresidente e compoñente do Orfeón, Ricardo Coria Abel para falar do Orfeón e o seu desempeño nestas datas,  entrevista que enlazamos aquí.

    Para facilitar o seguimento da nosa intervención, adxuntamos de seguido o programa de cantos  de cada día nesta Semana Santa.