martes, 29 de xullo de 2014

Reseña

en Noticieiro Galego (29.07.2014)

Orfeón Lucense

Orfeón Lucense
O Orfeón Lucense, tal e como o coñecemos hoxe, foi fundado en 1982 por D. Xosé Castiñeira, sacerdote e mestre de capela da Catedral de Lugo. Sen embargo, tres anos antes, Xoán Montes Capón, coa mesma profesión que o anterior, foi o que deu orixe á coral. Mantendo sempre unha intención relixiosa, o seu obxectivo era dignificar e aumentar a vistosidade da liturxia e o culto nas cerimonias en dito templo.
Trinta e dous anos despois continúa a ser o coro oficial da Basílica lucense, o que explica a importancia da música relixiosa no seu repertorio, porén, coma a maioría das corais, nunca deixou de interpretar pezas da música profana.
Unha longa traxectoria que deu lugar a varios directores e decenas de integrantes que constituíron o recoñecemento que acada a día de hoxe a coral. Isto demóstrase coas continuas actuacións que levan a cabo por toda a comunidade galega e, en tempos mellores economicamente, tamén, polas diferentes localidades de Asturias, Madrid e Portugal.
Directores
Ó longo da súa traxectoria a coral estivo dirixida por catro magníficos directores. Xosé Castiñeira Pardo, como dixemos anteriormente, foi tanto fundador como director ata o 1989, ano do seu falecemento.
Nemesio Gutiérrez, alumno de Xosé, foi director durante case 20 anos, ata o 2008. Participou en numerosos encontros de corais, nacionais e internacionais, e en diversas ocasións realizou gravacións para a radio e para a Televisión de Lugo, a Televisión de Galicia e a Televisión Española.
A partir do 2009 chegou o sacerdote, musicólogo e escritor Xesús Mato Mato. Durante o seu directorio dedicouse a profundizar na investigación e canto da música sacra e, especialmente, na canción galega.
A día de hoxe o que leva a batuta e pon todo o seu empeño no Orfeón Lucense é Marcos Fernández Mosquera.
Orfeón LucenseIntegrantes
Actualmente a coral está integrada por 53 cantaores, dos que 27 son mulleres e 26 son homes. Segundo as súas voces distribúense en 13 sopranos, 14 contraltos, 14 tenores e 12 baixos. Todos eles son persoas adultas que aman a música e que teñen un interese especial polas corais que, en moitos casos, os fai participar durante décadas.
Unha cousa fundamental que diferencia ós integrantes dunhas e doutras agrupacións é o vestiario. No Orfeón Lucense prema a discreción a sobriedade, polo que os homes visten esmoquin e as mulleres vestido longo, ambas prendas de cor negro para evitar desviar a atención do auditorio do importante “a peza cantada, o acompañamento, a compenetración das voces e a harmonía”.
Repertorio
Debido ó seu carácter relixioso, é evidente que as pezas máis interpretadas sexan misas, oratorios, motetes, salmos, etc. Isto non significa que sexan sempre as mesmas, este ano incorporaron pezas máis complexas coma a Missa Brevis de Hydn ou composicións de Bruckner ou Mozart.
Cómpre mencionar que tiveron a oportunidade de gravar varios CD’s e que entre o 2000 e o 2006, o Orfeón Lucense organizou os Encontros Internacionais de Música Sacra, neles gravábanse as actuacións dos coros invitados e, por suposto, as do Orfeón.
Orfeón LucenseActuacións e momentos destacables
Nervios e máis nervios nos primeiros intres, esta é a sensación que invade a todos e a cada un dos membros do Orfeón en todas as actuacións, xa que por moito que pase o tempo, incluso os anos, seguen sentir o mesmo. Non obstante, cando o director ordena as primeiras notas o corpo reláxase o gozan do momento.
Centos de experiencias que viven ano tras ano e que recordan con agrado como, por exemplo, unha vez, cantando en Portugal, nunha igrexa en Viseu, saltaron os fusibles e foise a luz. O público seguiu á espera, moi formal pero, como a luz non daba volto, tiveron que cantar completamente ás escuras, até o punto de ter que cantar guiándose polo brillo dos puños brancos da camisa do director.
O mellor premio
O Orfeón Lucense non ten por costume concorrer a certames e concursos. Para eles o recoñecemento máis importante é o aprecio e o cariño do público que os acompaña en cada unha das actuacións.
Manter viva unha coral supón moitas dificultades, tanto económicas como organizativas, pero gracias a subvencións dos organismos oficiais como o Concello de Lugo, a Deputación Provincial, a Consellaría de Cultura e outras institucións semellantes, e ó esforzo e dedicación dos integrantes a experiencia acadada é inigualable.
Para favorecer tanto á propia agrupación como a todos os seguidores e interesados, as actuacións e demais actividades do Orfeón publicítanse e danse a coñecer nos medios de comunicación (trípticos, prensa e radio) e en Internet (blog, páxina web e na páxina de Facebook do Orfeón Lucense).
Orfeón Lucense
Por: Celeste Sánchez