Amosando publicacións coa etiqueta Orfeón Lucense. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Orfeón Lucense. Amosar todas as publicacións

domingo, 9 de xullo de 2023

V Noite Coral Lucense

  Comezou este ano o circuito de concertos na noite lucense coa actuación do Orfeón na Igrexa de San Pedro, dirixido oor Marcos Fernández Mosquera, acompañado á viola por Nuria Fernández Álvarez e ao órgano por Luís Varela Castiñeira interpretando o seguinte repertorio:

- O salutaris. P. de la Rue.
- Giesù sommo conforto. Anónimo.
- Vero Amor e Gesù. Anónimo.
- Ecce novum gaudium. Anónimo.
- Qui presso a te. W. A. Mozart (atr.)
- Requiem. G. Puccini.
- Reina del cielo. J. Castiñeira.

  A continuación actuou o Grupo Vocal Sólo Voces na igrexa de San Froilán, seguido de Son de Corda na igrexa de Santiago A Nova e do Gruppo Vocale San Bernardo nos Franciscanos.

 Finalmente todos os coros reunidos no altar do Bo Xesús da Catedral, interpretamos a Missa Brevis nº 7 de J. Haydn, dirixidos por Fernando Gómez Jácome e acompañados polo Concentus Instrumentalis Lucensis, actuando como solista no Benedictus Esperanza Iglesias Méndez.

  Esta iniciativa da Diócese de Lugo e do Lucense Eucharisticum Centrum sempre resulta gratificante para todos os participantes, músicos e ouvintes, tanto pola música, sempre selecta, como polo marco no que é interpretada,  os templos do casco histórico lucense, fermosos en si mesmos. A todo iso hai que engadir a beleza dunha noite de verán, noites que na actualidade son cada vez máis benignas.

  A continuación enlazamos o audio do Requiem de Puccini interpretado no noso concerto.


luns, 12 de xuño de 2023

Misa de Corpus Christi 2023

 A Praza de Sta. María un ano máis engalanouse para a celebración do Corpus Christi. Desde ben cedo dispúxose un altar rodeado de flores, distintivos eucarísticos nos balcóns do Pazo Episcopal e moreas de sillas brancas que acollerían os numerosos fieis congregados alí máis tarde.

  A celebración estivo presidida polo prelado da diócese, D. Alfonso Carrasco Rouco, acompañado de distintos membros do cabildo e coa presenza das autoridades locais.

 A climatoloxía benigna favoreceu a brillantez do acto, á que contribuiu a actuación da Banda Filarmónica, dirixida por Iván Martínez Sabio; o Coro do Hospital de Lugo, dirixido por Fernando Gómez Jácome; o Orfeón Lucense, dirixido por Marcos Fernández Mosquera e o acompañamento de órgano por Xavier de Acosta.

  O repertorio interpretado foi o seguinte:

- O pan do ceo. X. Portas Ferro / I. G. Ramos.

- Señor ten piedad. Misa Solemne. J. Castiñeira.

- Gloria. Misa Solemne. J. Castiñeira.

- Glorifica al Señor. Salmo.

- Aleluya de los irlandeses. J. P. Lécot.

- Santo. Misa Solemne. J. Castiñeira.

- Cordero de Dios. Misa Solemne. J. Castiñeira.

- Pescador de hombres. C. Gabarain / B. Corona.

- Pange lingua. Gregoriano.

- Ave Verum. W. A. Mozart.

- Alabado sea el Santísimo. Tradicional.

- Tantum ergo. Gregoriano.

- Cantemos al Amor. J. I. B. de Sagastizábal.

 Desfrutamos ademais da presenza do grupo tradicional Os Xílgaros que actuaron durante a procesión que tivo lugar polas rúas do casco histórico, como é costume.

 Á recollida da procesión, que fora iniciada cun potente repique de campás, entoáronse os últimos cantos e rezos e pouco a pouco a praza foi volvendo ao seu ritmo habitual.

  Na imaxe un momento previo á celebración.

   






martes, 13 de decembro de 2022

Nadal 2022

   Pasada a festividade da Inmaculada, comeza para o Orfeón o tempo de Nadal.
Este ano son numerosas e variadas as actuacións previstas. Entre o 18 e o 30 de decembro levaremos os cantos de Nadal a diferentes lugares, como se especifica no fermoso cartaz elaborado pola nosa compañeira Sara Pérez Cruz. Noraboa por este estupendo traballo, Sara!!!




                
                                                  Cartaz de Nadal
                                             Autora:  Sara Pérez Cruz

luns, 4 de xullo de 2022

Preparando a IV NOITE CORAL

 Despois dun tempo de ensaios en cada coro intervinte neste evento por separado, chegamos á fase de probar como artellamos as diferentes pezas deste complicado puzle que é un concerto a doce voces mixtas.

 Esperámosvos o sábado, día 9. Será un magnífico paseo sonoro polas igrexas do casco histórico, o Círculo das Artes e a Catedral. O programa completo pode verse neste enlace e promete un desfrute intenso para calquera amante da boa música coral. 

 Nas imaxes, momentos previos ao inicio do ensaio conxunto do Coro do Hospital, Sólo Voces e Orfeón Lucense na parroquia do Bo Pastor.





   

sábado, 31 de outubro de 2020

A Don Xosé Castiñeira

Tal día como hoxe en 1989 falecía en Lugo Don Xosé Castiñeira Pardo, un dos nosos músicos senlleiros á vez que home ilustrado, de ampla formación musical e humanística.

Non detallaremos aquí a súa completísima biografía, pois pode consultarse no enlace ao post que este blog lle adicou no trinta aniversario do seu pasamento. Nesta data queremos rememorar á quen refundou o Orfeón Lucense no ano 1982, ao compositor, director, divulgador e posiblemente ao máis salientable pedagogo musical lucense do século XX.

Don Xosé sempre é a figura de referencia para o Orfeón. A súa imaxe preside no local todos os ensaios. As súas composicións están presentes en case todas as celebracións litúrxicas e demais actuacións.

Unha lembranza agarimosa da persoa que, segundo refiren os compoñentes máis  veteranos do coro, coidaba con esmero á vez que con enerxía e carácter cada detalle e cada compoñente ata conseguir un grupo humano que harmonizase no musical e tamén no persoal. D.E.P.

Inserimos  a continuación o vídeo dunha das súas composicións interpretada pola nosa formación coral: Noite boa.






 

venres, 27 de marzo de 2020

Música na corentena II

Por seguir cantando, que é o que nos gusta, un fermoso terceto pertencente á ópera Cosi fan tutte de Mozart. Nel os protagonistas Fiordiligio, Dorabella e D. Alfonso ven partir nun barco, supostamente á guerra, aos prometidos das donas, Ferrando e Guglielmo, mentras entonan unha despedida temporal.

Os nosos compañeiros Sara Pérez Cruz, Silvia Nadela Villarino e Marcos Fernández Mosquera interpretan Soave sia il vento.



mércores, 25 de marzo de 2020

Música na corentena I

Mentras esperamos a que veñan tempos mellores, traballamos desde as nosas casas nun proxecto proposto polas queridas compañeiras e codirectoras, Silvia Nadela e Sara Cruz: Ubi caritas   (Ola Gjeilo).
 Encantounos!!!



xoves, 31 de outubro de 2019

Lembrando a D. Xosé Castiñeira Pardo

No trinta aniversario do pasamento de D. Xosé Castiñeira Pardo, un recordo a quen foi o refundador do Orfeón Lucense.

Nace en Aspai (Outeiro de Rei) o 23 de febreiro de 1928. Tras realizar os seus primeiros estudos de Latín e Humanidades no Seminario de Lugo, fórmase en Filosofía na Universidade de Roma e de volta a Lugo ordénase sacerdote en  1953.

Outra vez a Roma e completa a súa formación licenciándose en Teoloxía, e obtendo a maxistratura en Harmonía, Composición e Dirección en música sagrada (1955), e o doutoramento ex tese (1956), así como o Bacharelato en Musicoloxía e Paleografía Gregoriana.

De novo en Lugo en 1961 desempeña o cargo de Prefecto de Música da Catedral, exerce como profesor de Música do Seminario onde impulsa a Schola Cantorum, crea e dirixe a Coral do Círculo das Artes e dirixe a Coral Polifónica de Lugo. Foi ademais presidente da Comisión Diocesana de Música Sagrada e vogal da Comisión de Liturxia, Música e Arte Sacro. Foi reitor do Seminario (1971-1981), membro do Consello de Cultura da Deputación Provincial, director da Escola de Canto e creador e director da Escolanía que levou o seu nome.

En 1982 refunda o Orfeón Lucense para acompañar e dar brillantez ó culto da Catedral, que dirixiu ata o seu falecemento, o 31 de outubro de 1989.


No ámbito da creación deixou numerosas pezas sacras e profanas e cábelle a honra de ser dos primeros músicos que compuxo música sacra en galego. Das súas composicións destacamos numerosas misas, cantos litúrxicos para distintos momentos, panxoliñas, himnos e unha colección de música popular, todos eles no arquivo catedralicio e moitas delas interpretadas polo Orfeón Lucense nas distintas solemnidades.

Tanto pola súa ampla formación como pola adicación ó ensino e divulgación da Música merece ser considerado como unha figura senlleira na historia da  música da nosa cidade. 

Pero máis aló do facedor de fermosa música está o home. Del din os compoñentes máis antigos do Orfeón que era un home rigoroso en canto á disciplina coral pero que coñecía e coidaba a cada un dos membros dos seus coros ocupándose das súas necesidades máis aló do eido interpretativo.

Un retrato de D. Xosé Castiñeira Pardo preside o noso local de ensaio, a quen lembramos con respecto cada vez que cantamos unha das súas composicións e especialmente no trinta aniversario do seu pasamento.




luns, 3 de setembro de 2018

Voltamos!

Como cada mes de setembro, o Orfeón Lucense volve aos ensaios e rutinas no local da rúa do Cruce, número 5 (moi cerquiña do Pavillón de Deportes) e baixo a dirección de Marcos Fernández Mosquera.
Pero isto non está dirixido só ás mulleres e homes que forman parte do Orfeón Lucense: eles e elas xa saben que os ensaios se reanudan o pr​óximo venres, 7 de setembro, a partir das 19.30h, que haberá novas pezas no repertorio e que a ilusión de todos ao afrontar este novo curso será a mesma de sempre.
Dirixímonos principalmente a ti: se che gusta cantar e estás interesado ou interesada en formar parte da nosa agrupación, ponte en contacto connosco no local de ensaio da rúa do Cruce, 5, todos os venres entre as 19.30 e as 21.30.


luns, 11 de setembro de 2017

Volvemos

Estamos en setembro, e, despois destes meses de descanso, o Orfeón Lucense reanuda as súas actividades e rutinas no local de sempre na rúa do Cruzamento, e baixo a dirección de Marcos Fernández Mosquera.
Nuns días empezaremos os ensaios, en poucas semanas cantaremos a misa solemne ao patrón San Froilán e tamén a tradicional misa latina que clausura as festas, logo a celebración da padroeira da Música, a seguir, o Nadal... e así un ano máis.
Haberá novidades no repertorio e na disposición das cordas, tamén haberá voces novas e novos proxectos, e é que o Orfeón, aos 35 anos da súa refundación, segue renovándose para non perder a súa identidade. 
Grazas a todos polo voso cariño e fidelidade. 



sábado, 5 de setembro de 2015

Queres formar parte do Orfeón Lucense?

Necesitamos voces, principalmente masculinas (tenor, baixo, barítono).
Se che gusta cantar, e estás interesado ou interesada en formar parte da nosa agrupación, ponte en contacto connosco no local de ensaio os martes, mércores e venres de 19'30 a 21'30h.

Estamos na Rúa do Cruce, 5-Baixo (xunto ao Pavillón de Deportes)


mércores, 14 de novembro de 2012