Estamos nos albores dun novo treito do Orfeón Lucense.
O curso 2026/2027 albisca con notables novidades sen perder de vista o obxectivo de sempre: acompañar musicalmente as solemnidades da Catedral da nosa cidade da maneira máis digna posible, procurando ao mesmo tempo a aprendizaxe e o crecemento musical e persoal dos membros que compoñen o coro.
Como preparación previa ao primeiro ensaio tivo lugar unha xuntanza o día 8 do presente mes á que asistiron a práctica totalidade dos membros que compoñen este colectivo para dar a coñecer algunhas normas e aspectos que favorecerán o bo funcionamento durante este período.
De seguido, a secretaria, Beatriz Enríquez Parga, fixo a presentación dos compoñentes da Directiva e dos novos membros da agrupación.
Tres novos cantores súmanse ás nosas voces: Andrés Barragán, Alba Fernández López e Elvia García Rodríguez, esta última incorporada xa nos últimos días do curso pasado. Dámoslles a benvida, esperamos que se sintan ben na nosa compaña e permanezan connosco moito tempo.
O Vicepresidente, Ricardo Coria Abel, deu a coñecer os datos estatísticos referentes a ensaios, asistencia e actuacións durante o pasado curso, así como outros aspectos de interese ocorridos neste período.
Pola súa parte, a Tesoureira, Remedios Martínez Rodil, deu conta do informe económico da agrupación e o estado actual das contas para coñecemento da asemblea.
Fixáronse como días de ensaio os martes e os xoves, de 19:30 a 21:30 no local parroquial de San Froilán, que nos leva acollendo nos últimos tempos, feito que agradecemos profundamente ao seu párroco, José Manuel Penela Campos.
Asemade, acordáronse asuntos importantes de loxística e funcionamento interno que terán vixencia no sucesivo e foron respondidos os rogos e preguntas dos asistentes, tras o cal se emprazou aos coristas para o primeiro ensaio que será o vindeiro xoves, 10 de setembro.
Hai moita tarefa por facer e temos devezo por empezar.
Moito ánimo!!!

Ningún comentario:
Publicar un comentario