Amosando publicacións coa etiqueta Andrés Barragán. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Andrés Barragán. Amosar todas as publicacións

mércores, 9 de setembro de 2026

Estamos de volta. Curso 2026/2027

    Estamos nos albores dun novo treito do Orfeón Lucense. 

  O curso 2026/2027 albisca con notables novidades sen perder de vista o obxectivo de sempre: acompañar musicalmente as solemnidades da Catedral da nosa cidade da maneira máis digna posible, procurando ao mesmo tempo a aprendizaxe e o crecemento musical e persoal dos membros que compoñen o coro.

   Como preparación previa ao primeiro ensaio tivo lugar unha xuntanza o día 8 do presente mes á que asistiron a práctica totalidade dos membros que compoñen este colectivo para dar a coñecer algunhas normas e aspectos que favorecerán o bo funcionamento durante este período.

   Nesta asemblea xeral, o noso Presidente, Xulio Xiz Ramil, presentou ao novo Director da agrupación coral, Baruk Domínguez Grandío, licenciado en periodismo, guitarrista, trompista e Director do Conservatorio Profesional de Música de Vilalba, que toma o relevo de Sara Nebra, directora do Orfeón no curso que acaba de rematar.

   De seguido, a secretaria, Beatriz Enríquez Parga, fixo a presentación dos compoñentes da Directiva e dos novos membros da agrupación.

  Tres novos cantores súmanse ás nosas voces: Andrés Barragán, Alba Fernández López e Elvia García Rodríguez, esta última incorporada xa nos últimos días do curso pasado. Dámoslles a benvida, esperamos que se sintan ben na nosa compaña e permanezan connosco moito tempo.

  O Vicepresidente, Ricardo Coria Abel, deu a coñecer os datos estatísticos referentes a  ensaios, asistencia e actuacións durante o pasado curso, así como outros aspectos de interese ocorridos neste período.

   Pola súa parte, a Tesoureira, Remedios Martínez Rodil, deu conta do informe económico da agrupación e o estado actual das contas para coñecemento da asemblea.

    Fixáronse como días de ensaio os martes e os xoves, de 19:30 a 21:30 no local parroquial de San Froilán, que nos leva acollendo nos últimos tempos, feito que agradecemos profundamente ao seu párroco, José Manuel Penela Campos.

  Asemade, acordáronse asuntos importantes de loxística e funcionamento interno que terán vixencia no sucesivo e foron respondidos os rogos e preguntas dos asistentes, tras o cal se emprazou aos coristas para o primeiro ensaio que será o vindeiro xoves, 10 de setembro.

    Hai moita tarefa por facer e temos devezo por empezar.

    Moito ánimo!!!