O domingo, 7 de de xuño, foi a solemnidade do Corpus Christi. Na Catedral de Lugo sempre é unha das festividades de maior realce que nesta ocasión tamén estivo presidida polo prelado da diócese, D. Alfonso Carrasco Rouco, acompañado por membros da curia catedralicia e ordes auxiliares.
Desde hai anos xa é tradición que na Catedral de Lugo, se o tempo o permite, se celebre unha misa na Praza de Santa María para darlle maior brillo e visibilidade. Así foi tamén nesta ocasión.
Desde a primeira hora da mañá estaba instalado un altar diante do Pazo Episcopal e adornadas as escaleiras con alfombras e flores. A praza lucía ben luminosa, chea de sillas brancas que serían ocupadas despois por un bo número de fieis, músicos e coristas.
Na parte dereita da praza, mirando ao altar, situáronse os encargados da parte musical da liturxia, que correu a cargo do Coro do Hospital e o Orfeón Lucense acompañados pola Banda Filarmónica, dirixidos por Sara Nebra e Iván Martínez Sabio e actuando nas partes solistas Abraham Sánchez Pujante.
O repertorio interpretado por coros e banda foi o seguinte:
- Con ledicia vimos. Antón Fdez León.
- Missa brevis. Kyrie. Jacob de Haan.
- Gloria de Lourdes. Jean Paul Lécot.
- Aleluia. Isauro García Ramos.
- Ave verum. Wolfgang Amadeus Mozart.
- Sanctus-Benedictus. Missa brevis. Jacob de Haan. Arr. Abraham Sánchez Pujante.
- Agnus Dei. Missa brevis. Jacob de Haan.
- Pescador de hombres. Cesáreo Gabaráin.
- Cantemos al Amor. Ignacio Busca de Sagastizábal.
Finalizada a misa, saiu a procesión acompañada polo grupo tradicional Os Xílgaros e a Banda Filarmónica seguida das autoridades e o público que percorreron as rúas do centro histórico. Ao pasar pola Ronda á altura das oficinas do Concello, a comitiva detívose brevemente para escoitar de novo aos dous coros, previamente situados alí, para interpretar Cantemos al Amor, o himno de Ignacio Busca de Sagastizábal.
Rematou esta festividade tan relevante da mellor forma, xa que a nosa agrupación celebrou o seu xantar anual de fin de curso.
Nas imaxes, momentos do día. Agradecemos á Diócese de Lugo poder compartilas.