martes, 6 de outubro de 2026

Festival Coral San Froilán 2026

    As asociacións corais de Lugo recibimos no mes de setembro unha proposta da FECOLU para participar no Festival Coral San Froilán 2026. Unha iniciativa financiada polo Concello que fixo posible que trece coros da nosa cidade contribuiran coas súas harmonías a aledar a rúa nas festas patronais.

    As actuacións tiveron lugar no palco instalado para eventos na Praza de Santa María o domingo, día 4 de outubro, comezando ás 13:00 a primeira delas, segundo o cadro que se adxunta.

    O Orfeón Lucense actuou por primeira vez baixo a dirección de Baruk Domínguez Grandío, polo que foi un día de estreo e emocións para todos nós. O novo director é xornalista, home de radio con longa experiencia, guitarrista, trompista, profesor no Conservatorio Profesional de Vilalba, Director da Asociación Cultural Escola de Música de Vilalba (ESMUVI), alumno de Canto do Conservatorio Profesional de Música Xoán Montes de Lugo e Director da Coral Polifónica Vilalbesa. Esperamos poder desfrutar da súa dirección e compaña moito tempo.

    Para axilizar e dinamizar o acto acordouse que cada agrupación interpretase tres obras, e de acordo coa norma, a actuación do Orfeón ofreceu o seguinte repertorio:

  • Camariñas. Cantiga popular galega. Arr. Miguel Ángel Guerra dos Santos.
  • A Virxe do Portovello. Manuel de Dios. Arr. Baruk Domínguez.
  • O Sanctissima. Popular siciliana.
    Finalizadas todas as actuacións, a alcaldesa, Elena Candia, e o concelleiro de Cultura e Educación, Javier Vázquez, agradeceron a todas as corais participantes o traballo realizado e a asistencia numerosa de público; tras o cal, ás 20:00 h.,  todos os cantores nos unimos na escea para entoar o Himno Galego, dirixidos por Claudia Rico Echegaray, directora da sección infantil do Coro Xuvenil de Lugo.

    O Orfeón agradece este tipo de actividade, tanto por ser diferente ao rexistro que acostuma a interpretar como polo contacto que favorece coas persoas integrantes das outras corais; aspectos que sempre son motivo de enriquecemento individual e colectivo.

    Nas imaxes, adxuntamos o cadro horario de actuacións dos distintos grupos na Praza de Santa María e un momento da intervención do Orfeón Lucense.