O último domingo de outubro o Orfeón Lucense lembra ao seu refundador, D. José Castiñeira Pardo, no aniversario do seu pasamento ocorrido o 31 do mesmo mes de 1989 nesta cidade.
O Orfeón adoita incluír nos repertorios composicións do seu mestre en numerosas ocasións, pero nesta actuación, con especial querenza. Dirixido polo titular, Baruk Domínguez, e acompañado ao órgano por Nemesio Gutiérrez e Andrés Gutiérrez, interpretou as seguintes obras:
- Aledémonos. José Castiñeira.
- Misa Galega: Señor ten piedade. Gloria. Santo. Año de Deus. José Castiñeira.
- Interleccional. José Castiñeira.
- Ave verum. Jean Paul Lécot.
- Anima Christi. Marco Frisina.
- Más cerca, oh Dios!. Lowell Mason.
Para finalizar esta parte do acto, o Presidente do Orfeón, Xulio Xiz Ramil, dirixiu unhas sentidas palabras ao noso mestre contándolle o quefacer actual da coral que el reconstituiu, verbas que reproducimos ao final deste pòst.
De seguido desprazámonos ata o claustro da Catedral. Alí Saturnina Saprinho, incorporada recentemente ao coro, fixo unha ofrenda floral en nome de todo o colectivo na tumba do finado profesor.
O Premio José Castiñeira de Humanidades 2026, instituído polo Orfeón Lucense en colaboración coa Diócese e a Catedral, xa na súa III edición, foi concedido ás Fillas da Caridade de San Vicente Paúl e Sor María Nieves Martínez de Osaba.
Desde 1879 tén presenza en Lugo esta congregación. Chegan para atender o Hospicio da Beneficencia en momentos críticos da institución e máis tarde ao Hospital Provincial. Engaden reforzos á comunidade e fanse cargo dunha escola gratuita para nenas sen recursos que sería o inicio do Colexio da Milagrosa.
No 1954 asumen o coidado e orientación das nenas orfas acollidas no Fogar de Santa María e en 1972 comezan a atender tamén aos nenos que por careceren dun ambiente familiar axeitado estaban acollidos no Fogar Santo Ángel. Máis perto dos nosos días, no 1978, estenden o seu labor ao Colexio de Xordos e desde 1984 adican todo o seu esforzo á atención, educación e promoción das persoas con discapacidade intelectual no Centro San Vicente e á atención do comedor social San Froilán. Merecido premio para tan amplo e diverso labor desenvolvido por esta congregación.
A avanzada idade de Sor María Nieves Martínez de Osaba impediulle recoller en persoa o galardón, sendo catro relixiosas da mesma orde as encargadas da súa recepción no Claustro da Catedral
O Orfeón interpretou Anima Christi, de Marco Frisina, como preliminar da intervención do noso Presidente, Xulio Xiz, quen glosou brevemente a obra da Congregación premiada, tras o cal, un membro da familia Castiñeira entregou unha placa conmemorativa a unha das relixiosas da congregación. Esta respostou expresando a súa sorpresa pola distinción, honra que agradeceu moi emocionada no nome de todas as compoñentes da súa comunidade relixiosa.
Para rematar a entrega o Orfeón entoou Reina del Cielo, de D. José Castiñeira, composición especialmente querida polo finado músico.
Xa na Avenida de Ramón Ferreiro, a nosa compañeira Silvia Nadela Villarino depositou un ramo de flores na estatua que o Orfeón Lucense lle encargou a Juan Puchades no ano 2007 para honrar e lembrar ao refundador da coral.
O día rematou cun xantar de confraternidade dos membros do coro ao que foron convidados os restantes organizadores do Premio de Humanidades e a congregación premiada nesta edición.
A continuación reproducimos as emotivas palabras pronunciadas por Xulio Xiz, Presidente do Orfeón Lucense, ao remate da misa dirixidas ao seu refundador.
Nas imaxes, en sentido descendente: busto de D. José Castiñeira, Saturnina Saprinho facendo a ofrenda floral na sepultura, catro relixiosas da congregación das Fillas da Caridade; O Presidente do Orfeón, Xulio Xiz, con dúas das relixiosas galardoadas, Silvia Nadela trala ofrenda floral e imaxe conxunta do Orfeón xunto ao busto conmemorativo do mestre Castiñeira.
Cabodano de D. José
Castiñeira Pardo
Benquerido D. José
Castiñeira Pardo: lembranza especial cando están a punto de
cumprirse os 37 anos do seu pasamento. Se agora mesmo seguise
físicamente entre nós, tería cumpridos 98 anos, pero no lugar do
que agora disfruta seguro que non contan coma nós por anos
terrenais.
Como estamos certos de que
sabe o que entre nós, e arredor de nós, se organiza e vive, verá
que aquí non teñen cambiado tanto as cousas.
Oficia a misa Luis Varela
Castiñeira, o seu sobriño crego que asumiu a súa mensaxe, seguíu
o seu camiño da Igrexa e da música, e como vde. é músico de
prestixio, coengo da Catedral, fiel seguidor do seu maxisterio.
Entre os fieles, membros da
súa familia máis directa: Irmá, cuñado…e a lembranza de Manuel,
seu irmán, que nos deixou hai xa seis anos.
Os que cantan son os membros
do ORFEON LUCENSE, o seu Orfeón, o coro da Catedral no que aínda
quedan membros que cantaron baixo a súa dirección, pero todos
seguen – seguimos – as directrices que vostede nos deixou
marcadas, e co talante, co espírito que vostede nos inculcou como
parte esencial do noso Adn coral.
Diríxenos un músico mozo,
vilalbés, Baruk Domínguez, que no tempo que leva connosco xa ten
gañado o respecto e o agarimo de todos nós, pola palabra e o
sorriso; pola música e a amizade.
Xuntámonos para lembrarnos
de vostede, daquela seriedade sorrinte, daquela enerxía desbortante,
naqueles dar a man que transmitían mundos de familia e de fe, de
inquedanzas e seguridades. E cando esta misa remate, iremos ao
claustro desta catedral, onde repousan os seus restos, deixar unhas
flores e unhas cancións, e entregar o Premio José Castiñeira de
Humanidades, que vai pola III edición, e que concebimos para premiar
xente que se parecese a vostede. Dos que teñen algo que decir, que o
din… pero sobre todo, que o fan en Beneficio dos demais.
Convocan o premio as tres
institucións amigas súas, que formaron parte da súa vida: O
Bispado de Lugo, a S.I.C.B., e o seu Orfeón Lucense.
E este ano premiamos a quen,
se o sometésemos a votación pública, sería premiada por
aclamación popular: Premiamos o ser e o estar dunha entidade como as
FILLAS DA CARIDADE, e dentro dela SOR NIEVES, nonaxenaria a punto do
cento de anos, entidade e persoa que dedican as súas vidas a coidar
aos máis necesitados dentro dos que precisan axuda.
Como pode ver, seguimos igual:
Xuntándonos cada ano na súa lembranza, rezando e cantando, e – xa
que vostede foi para todos nós un ben de Deus, premiando cada ano a
alguén que se lle parece. Mandámoslle todos unha forte aperta, e un
aplauso.
Ningún comentario:
Publicar un comentario