As asociacións corais de Lugo recibimos no mes de setembro unha proposta da FECOLU para participar no Festival Coral San Froilán 2026. Unha iniciativa financiada polo Concello que fixo posible que trece coros da nosa cidade contribuiran coas súas harmonías a aledar a rúa nas festas patronais.
O Orfeón Lucense actuou por primeira vez baixo a dirección de Baruk Domínguez Grandío, polo que foi un día de estreo e emocións para todos nós. O novo director é xornalista, home de radio con longa experiencia, guitarrista, trompista, profesor no Conservatorio Profesional de Vilalba, Director da Asociación Cultural Escola de Música de Vilalba (ESMUVI), alumno de Canto do Conservatorio Profesional de Música Xoán Montes de Lugo e Director da Coral Polifónica Vilalbesa. Esperamos poder desfrutar da súa dirección e compaña moito tempo.
Para axilizar e dinamizar o acto acordouse que cada agrupación interpretase tres obras, e de acordo coa norma, a actuación do Orfeón ofreceu o seguinte repertorio:
- Camariñas. Cantiga popular galega. Arr. Miguel Ángel Guerra dos Santos.
- A Virxe do Portovello. Manuel de Dios. Arr. Baruk Domínguez.
- O Sanctissima. Popular siciliana.


Ningún comentario:
Publicar un comentario