luns, 28 de setembro de 2026

Convocado o III Premio de Humanidades José Castiñeira

    En poucas semanas estaremos no último domingo de outubro, data na que lembramos ao refundador do Orfeón Lucense, D. José Castiñeira Pardo, cunha misa de aniversario conmemorativa do seu pasamento e coa entrega do III Premio de Humanidades que leva o seu nome; ambos actos na Catedral de Lugo.

    Reproducimos aquí a convocatoria de dito premio e emprazamos a quen queira  presentar candidaturas segundo as bases da mesma.


    O ORFEÓN LUCENSE, en colaboración coa Diócese de Lugo, a Catedral lucense e a familia do seu fundador, José Castiñeira Pardo, convoca a III edición do PREMIO “JOSÉ CASTIÑEIRA” de Humanidades, para honrar a personas ou institucións que, pola súa traxectoria, disposición e entrega, se distingan no seu labor humanístico, nas artes ou nas letras, a prol da convivencia social e na mellora das relacións humanas, seguindo o exemplo de traballo e entrega do musicólogo, crego e profesor do que leva o nome.

    O premio, sen dotación económica, consistirá nunha placa que deixe constancia do nomeamento, e será entregado nun acto público e solemne, no claustro da Catedral de Lugo, o último domingo do mes de outubro, inmediatamente despois da celebración relixiosa do cabodano do P. Castiñeira, e antes da ofrenda que tradicionalmente se celebrá na súa tumba.

    O xurado que concederá o premio estará formado por representantes da entidade convocante, da familia Castiñeira, da S.I.C.B. e da Diocese de Lugo, podendo incorporar persoas de recoñecido prestixio da sociedade lucense e galega.

    A este premio poden presentar propostas as asociacións culturais, entidades oficiais ou privadas, os particulares que o desexen, e os mesmos membros do xurado, con exposición razoada dos méritos de cada candidato/a proposto/a, ata o próximo 16 de outubro, enviándoas ao correo info@orfeonlucense.com, ou entregándoas persoalmente nas oficinas do Pazo bispal de Lugo. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario