Amosando publicacións coa etiqueta Misas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Misas. Amosar todas as publicacións

luns, 8 de xuño de 2026

Misa de Corpus Christi 2026

    O domingo, 7 de  de xuño, foi a solemnidade do Corpus Christi. Na Catedral de Lugo sempre é unha das festividades de maior realce que nesta ocasión tamén estivo presidida polo prelado da diócese, D. Alfonso Carrasco Rouco, acompañado por membros da curia catedralicia e ordes auxiliares.

    Desde hai anos xa é tradición que na Catedral de Lugo, se o tempo o permite, se celebre unha misa na Praza de Santa María para darlle maior brillo e visibilidade. Así foi tamén nesta ocasión. 

   Desde a primeira hora da mañá estaba instalado un altar diante do Pazo Episcopal e adornadas as escaleiras con alfombras e flores. A praza lucía ben luminosa, chea de sillas brancas que serían ocupadas despois por un bo número de fieis, músicos e coristas. 

   Na parte dereita da praza, mirando ao altar, situáronse os  encargados da  parte musical da liturxia, que correu a cargo do Coro do Hospital e o Orfeón Lucense acompañados pola Banda Filarmónica, dirixidos por Sara Nebra e Iván Martínez Sabio e actuando nas partes solistas Abraham Sánchez Pujante. 

 

    O repertorio interpretado por coros e banda foi o seguinte:

  • Con ledicia vimos. Antón Fdez León.
  • Missa brevis. Kyrie. Jacob de Haan.
  • Gloria de Lourdes. Jean Paul Lécot.
  • Aleluia. Isauro García Ramos.
  • Ave verum. Wolfgang Amadeus Mozart.
  • Sanctus-Benedictus. Missa brevis. Jacob de Haan. Arr. Abraham Sánchez Pujante.
  • Agnus Dei. Missa brevis. Jacob de Haan.
  • Pescador de hombres. Cesáreo Gabaráin.
  • Cantemos al Amor. Ignacio Busca de Sagastizábal. 

    Finalizada a misa, saiu a procesión acompañada polo grupo tradicional Os Xílgaros e a Banda Filarmónica seguida das autoridades e o público que percorreron as rúas do centro histórico. Ao pasar pola Ronda á altura das oficinas do Concello, a comitiva detívose brevemente para escoitar de novo aos dous coros, previamente situados alí, para interpretar Cantemos al Amor, o himno de Ignacio Busca de Sagastizábal.

    Rematou esta festividade tan relevante da mellor forma, xa que a nosa agrupación celebrou o seu xantar anual de fin de curso.

   Nas imaxes, momentos do día. Agradecemos á Diócese de Lugo poder compartilas.


venres, 3 de abril de 2026

Xoves Santo 2026

    Seguindo a tradición eclesiástica, tivo lugar na Catedral de Santa María a vespertina Misa da Cea do Señor, en lembranza da última cea que Xesús celebrara cos seus discípulos antes do seu prendemento. Con ela iníciase o Triduo Pascual que finalizará o Domingo de Resurrección.

    A cerimonia estivo presidida polo prelado da diócese, monseñor Carrasco Rouco, e contou coa asistencia de diferentes membros do clero, acólitos e numerosos fieis.

    O Orfeón, dirixido por Sara Nebra, e acompañado ao órgano por Nemesio Gutiérrez González e Andrés Gutiérrez Fernández interpretou as seguintes composicións:


    Ademais das mensaxes  propias da celebración ás que aludiu o prelado, chama a atención nesta data o ritual do lavatorio de pés que o bispo realiza a doce persoas presentes no acto, simbolizando o amor e servizo de Cristo á humanidade.

  Finalizada a misa, que neste día non tén bendición final, comezou unha procesión para trasladar o Santísimo a un monumento instalado na capela do Bo Xesús, que lucía especialmente fermosa, mentras se entonaba o Pange lingua gregoriano e Cantemos al Amor.

  E para rematar a celebración fixo a saída a Procesión da Santa Cea que percorreu as principais rúas do casco histórico e que foi seguida por un número considerable de persoas. 

    Acompañamos imaxes da celebración por xentileza da Diócese de Lugo.






    
    
    


domingo, 29 de marzo de 2026

Ante a Semana Santa

     Como preparación para a Semana Santa o Orfeón Lucense ensaia un repertorio de cantos propios da liturxia destes días para acompañar e, se cabe, realzar os oficios que se celebran na Catedral de Lugo, da que somos o coro oficial e na que actuaremos nas datas máis senlleiras.

    Ante a proximidade destas actuacións, e coincidindo coa inauguración das novas gradas construídas para a ubicación dos cantores no coro, asunto para o que foi crucial o concurso da nosa compañeira Trinidad Vázquez Luaces e que tanto agradecemos; a Directora de Comunicación da Diócese de Lugo, María José Campo López-Barcia, entrevistou ao Vicepresidente e compoñente do Orfeón, Ricardo Coria Abel para falar do Orfeón e o seu desempeño nestas datas,  entrevista que enlazamos aquí.

    Para facilitar o seguimento da nosa intervención, adxuntamos de seguido o programa de cantos  de cada día nesta Semana Santa.













    

    

martes, 9 de decembro de 2025

Misa da Inmaculada 2025

    Este luns, día 8 de decembro, o Orfeón Lucense cantou a misa da festividade da Inmaculada Concepción, como vén sendo habitual. A celebración estivo presidida polo prelado da diócese, D. Alfonso Carrasco Rouco, acompañado de varios coengos e outros cargos catedralicios.

    A nosa coral, dirixida pola súa titular, Sara Nebra, e acompañada ao órgano por Nemesio Gutiérrez, interpretou o seguinte repertorio:

  • ¡Qué hermosa sois!
  • Señor ten piedade. Gloria. Santo. Año de Deus. Misa Galega. José Castiñeira.
  • Aleluia. Isauro García Ramos.
  • Hija del pueblo. Alberto Taulé.
  • Ave María. Tomás Luis de Victoria (atribuído).
  • Da que Deus mamou. Cantiga nº 77. Afonso X o Sabio.

    Na imaxe, Inmaculada Concepción, chamada Esquilache. Bartolomé Esteban Murillo. Óleo sobre lenzo. Museo de l´Hermitage. San Petersburgo.




    

 

domingo, 30 de novembro de 2025

Misa de clausura do Curso de Pastoral da Saúde

    Este sábado, 29 de novembro, o Orfeón foi convidado a cantar a misa de clausura do Curso de Pastoral da Saúde organizado por esta diócese.

    A celebración tivo lugar na catedral e estivo presidida por D. Miguel Ángel Fernández Vilariño, Delegado Episcopal de Pastoral da Saúde.
 
  A nosa coral estivo dirixida por Abraham Sánchez Pujante, acompañada ao órgano por Nemesio Gutiérrez e o repertorio interpretado foi o seguinte:

  • Ven Señor ás nosas almas. Luís Olano.
  • Kyrie en Ré Majeur. Jean Paul Lécot.
  • Qué alegría. Salmo.
  • Aleluia. Isauro García Ramos.
  • Ave Verum. Jean Paul Lécot.
  • Sanctus de Lourdes. Jean Paul Lécot.
  • Agnus Dei de la Messe Peuples de la Terre. Gioachino Rossini. Adapt.: Jean Paul Lécot.
  • Anima Christi. Marco Frisina.
                                     
   Nas imaxes, momentos previos ao inicio da misa.




    

martes, 14 de outubro de 2025

Misa en Latín 2025

     Un ano máis fomos convidados pola asociación de antigos alumnos da Escola de Artes Aplicadas Ramón Falcón a cantar na Misa en Latín que dita agrupación organiza como un dos actos da Feira Medieval instalada habitualmente o 12 de outubro no adro da Catedral e Praza de Santa María.

    A celebración foi oficiada por D. Rodrigo Rúa Iglesias e actuou como lector D. Gonzalo Fraga Vázquez. O Orfeón situouse nesta ocasión nas escaleiras da Porta Norte do templo e interpretou o seguinte repertorio baixo a dirección de Sara Nebra:

  • Jesu! Rex admirabilis. Giovanni Pierluigi da Palestrina.
  • Misa de Angelis. Kyrie, Sanctus, Agnus Dei. Gregoriano.
  • Alleluia. Gregoriano.
  • Jesu dulcis memoria. Gregoriano.
  • Adoramuste Christe. Théodore Dubois.
  • Anima Christi. Marco Frisina.
  • Da que Deus mamou. Cantiga 77. Afonso X ´O Sabio´.
    
    Por primeira vez esta misa non puido ser celebrada en latín, como era o habitual, senón en castelán, por non estar dispoñible ningún sacerdote que a puidera oficiar en dita lingua. Este feito quizáis foi debido en parte a que coincidiu o día 12, data da súa celebración, a domingo; día da semana no que os presbíteros adoitan estar ocupados coas súas obrigas parroquiais. Tampouco hai que esquecer o feito de que paulatinamente van quedando cada vez menos oficiantes en latín, por razón de idade.

    Na imaxe, un momento da celebración.






    

    

mércores, 8 de outubro de 2025

Misa de San Froilán 2025

     Celebramos este domingo a festividade de San Froilán, patrón de Lugo. A Catedral lucense celebra este día cunha misa solemne na que intervén, como de costume, o Orfeón aportando os seus cantos.

    Deu comezo puntualmente ás doce do mediodía presidida polo prelado da Diócese, D. Alfonso Carrasco Rouco, concelebrando con algúns coengos e auxiliado por acólitos e lectores. A introdución á cerimonia e dirección dos cantos dos fieis correu a cargo de D. David Varela, coengo e rector do Seminario da Sagrada Familia e San Lourenzo.

    Monseñor Carrasco Rouco  aludiu na homilía á importancia de San Froilán como "abade e formador de comunidades monásticas que, mediante unha vida de humildade e desprendemento foron xerme de vida nova" destacándoo como exemplo de crecemento humano, de elocuencia e claridade na palabra para transmitir a súa fe.

    Como vén sendo habitual, asistiron á celebración relixiosa do patrón de Lugo o alcalde da cidade, D. Miguel Fernández, a corporación e diversas autoridades civís e militares.

    O Orfeón estivo dirixido pola súa titular, Sara Nebra e acompañado ao órgano por Nemesio Gutiérrez para interpretar o seguinte repertorio:

  • Procesional de entrada. José Molejón.
  • Misa Galega: Señor ten piedade. Gloria. Santo. Año de Deus. José Castiñeira.
  • Aleluya. Isauro García Ramos.
  • Deus do Universo. Luís Olano.
  • Non vou só. Miguel Carneiro / Isauro García.
  • Anima Christi. Marco Frisina.
  • Himno a San Froilán. José Molejón.
    Quero determe brevemente na interpretación de Anima Christi pola aceptación unánime con que o pobo a acolle. Trátase dunha peza que se canta despois da comuñón, de fonda espiritualidade, composta por Marco Frisina, actual mestre de capela da Catedral de Roma e reitor da Basílica de Sta. Cecilia en Trastévere.

   Frisina é director  e compositor de numerosas pezas sacras, entre elas unha Misa na honra do Apóstolo Santiago; así como profanas, entre as que se encontran varias bandas sonoras e algunha ópera. En Anima Christi puxo música  a unha oración de autor descoñecido que data do século XIV e que expresa un profundo desexo de unión con Cristo ao tempo que se lle implora a salvación eterna.

    Mentras soaba o Himno a S. Froilán como despedida da cerimonia relixiosa mostrouse por primeira vez unha reliquia do santo, que foi venerada polos fieis que así o desexaron.

    Como anécdota da celebración lembraremos a indisposición dun asistente ao acto que requeriu a presenza dun facultativo e fixo que a misa tivese que interromperse durante uns minutos para atender a petición de auxilio feita por unha persoa situada entre os fieis.

    Nas imaxes, momentos desta solemnidade, por xentileza da web da Diócese de Lugo.






    


    

sábado, 16 de agosto de 2025

Misa de Nosa Señora 2025

     Este venres o Orfeón Lucense asistiu á celebración da festividade da patroa de Lugo, a Virxe dos Ollos Grandes.

    A cerimonia solemne celebrouse na Catedral de Santa María e estivo presidida polo bispo da diócese, D. Alfonso Carrasco Rouco, acompañado de distintos cargos do estamento eclesiástico. Entre os asistentes estiveron diferentes autoridades, a corporación municipal e numeroso público que enchía en boa parte a sé.

    O Orfeón estivo dirixido pola súa titular, Sara Nebra, acompañado ao órgano por Nemesio Gutiérrez e o seu fillo Andrés Gutiérrez e interpretou o seguinte repertorio:

  • Himno a la Virgen de los Ojos Grandes. Ángel Garrote /Julián Ortiz.
  • Kyrie en Ré Majeur. Jean  Paul Lécot / Paul Décha.
  • Gloria de Lourdes. Jean Paul Lécot.
  • Alléluia dit Irlandais. Fintan O´Caroll / Lucien Deiss.
  • Deus do Universo. Luís Olano.
  • Sanctus de Lourdes. Jean Paul Lécot.
  • Agnus Dei de la Messe "Peuples de la Terre". Gioachino Rossini / Jean Paul Lécot.
  • Hija del pueblo. Alberto Taulé.
  • Ave verum. Jean Paul Lécot.

    Finalizada a misa, celebrantes, coro e público trasladáronse ao camarín da Virxe dos Ollos Grandes onde a representante do Concello fixo unha ofrenda floral á patroa e, tras os rezos e a beizón do prelado, a nosa agrupación entoou a Cantiga nº 77 de Afonso X O Sabio titulada Da que Deus mamou, que narra o milagre da curación dunha muller tolleita sucedido en Lugo e atribuído á nosa patroa.

    Na imaxe superior a miniatura e tradución da Cantiga nº 77 e na inferior a nosa agrupación nun momento posterior á celebración.







    


    

sábado, 19 de xullo de 2025

Misa da Virxe do Carme 2025

      Como en anos anteriores, fomos convidados a cantar na festividade da Virxe do Carme. Dado que aínda non remataron as obras na súa capela, a celebración tivo lugar na Igrexa de San Pedro, que tamén nesta ocasión rexistrou unha gran asistencia.

    A misa estivo pesidida polo prelado da diócese, D. Alfonso Carrasco Rouco, acompañado por algúns coengos, presbíteros, acólitos e lectores. Entre os asistentes, en lugar preferente, as autoridades civís e eclesiásticas, directivos da Confraría do Carme e, como vén sendo habitual, un bo número de confrades femininas ataviadas coa mantilla branca.

    Esta actuación do Orfeón tivo carácter especial por ser a primeira da nova etapa baixo a dirección de Sara Pérez Cruz, Sara Nebra; polo que, tanto ela como todos os coristas, vivimos o momento coa emoción dunha estrea.

    O repertorio elixido para este día foi o seguinte:

  • Himno a la Virgen del Carmen. Letamendía.
  • Kyrie en Ré M. J. P. Lécot /P. Décha.
  • Gloria de Lourdes. J. P. Lécot.
  • Alléluia dit Irlandais. F. O´Caroll / L. Deiss.
  • Deus do Universo. L. Olano.
  • Sanctus de Lourdes. J. P. Lécot.
  • Agnus Dei de la Messe "Peuples de la Terre". G. Rossini / J. P. Lécot.
  • Ave María. T. L. de Victoria.
  • Ave verum. J. P. Lécot.

    Rematada a misa, a imaxe da Virxe do Carme saiu en procesión polas rúas e prazas do centro histórico acompañada polas autoridades civís e relixiosas,  pola asociación cultural Airiños de Orbazai e seguida de numerosos confrades e fieis.

    Na imaxe un momento da actuación do Orfeón dirixido por Sara Nebra.







luns, 30 de xuño de 2025

Misa da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia 2025

      O pasado 23 de xuño a Xunta recoñeceu mediante decreto a Ofrenda do Antigo Reino de Galicia como Ben de Interese Cultural do patrimonio inmaterial, noticia que nos aleda profundamente pola posta en valor deste histórico evento que conta con máis de tres séculos de tradición.

    Foi no século XVII, no reinado de Filipe III, cando se iniciou o primeiro trámite desta tradición, pero é desde o ano 1925 cando os alcaldes das sete cidades que conforman o Antigo Reino de Galicia (A Coruña, Lugo, Ourense, Santiago de Compostela, Mondoñedo, Betanzos e Tui) fan por turno rotatorio unha ofrenda o domingo seguinte ao Corpus durante a celebración dunha misa solemne na Catedral de Santa María.

   A Ofrenda tén unha longa historia, xa tratada noutro post deste blog, que enlazamos aquí. Na actualidade é simbólica e consiste nun cheque que o oferente fai entregar ao cabildo catedralicio despois do evanxeo.

    Este ano correspondeulle ofrendar á cidade de Betanzos, representada pola súa alcaldesa María Barral Varela, que expresou con vehemencia e enerxía as súas inquedanzas e peticións ao Santísimo no nome das sete capitais do Reino. Considera unha honra "dar voz a unha Galicia inclusiva, diversa, plural e aberta a todos os idearios" na que os seus homes e mulleres saen para esforzarse e traballar por conquerir un futuro mellor e para os que pide forza e ilusión para continuar e vencer as dificultades. 

    Pediu pola paz no mundo, pola conservación da terra que habitamos, polas mulleres que sofren violencia, terror, medo e humillación, para as que implorou protección e o fin do seu suplicio e desigualdade.

    Lembrou a Paula Alvarellos, a alcaldesa falecida inesperadamente neste ano, á que puxo como exemplo de servizo e compromiso coa súa xente. Finalizou facendo alusión á necesidade de que as administracións traballen xuntas en beneficio dos cidadáns, rebaixando a tensión e deixando a un lado a confrontación.

    Respondeulle o Arcebispo de Santiago de Compostela, D. Francisco Prieto, quen invitou a reavivar a esperanza fronte á violencia, as guerras, as desigualdades e a emigración; a denunciar as circunstancias que van contra a dignidade do home e a recoñecer a Cristo no rostro do irmán, xa que a "Caridade é acompañar, abrir portas, ofrecer posibilidades que permitan vivir con xustiza e dignidade"

    Nesta ocasión o Orfeón estivo dirixido por Marcos Fernández Mosquera e acompañado ao órgano por Nemesio Gutiérrez e Andrés Gutiérrez e xuntos interpretaron o seguinte repertorio:

  • Aledémonos. J. Castiñeira.
  • Señor ten piedade. Misa Galega. J. Castiñeira.
  • Gloria. Misa Galega. J. Castiñeira.
  • Amósame Señor. Salmo.
  • Alleluia dit irlandais. J. P. Lécot.
  • Deus do Universo. L. Olano.
  • Santo. Misa Galega. J. Castiñeira.
  • Año de Deus. Misa Galega. J. Castiñeira.
  • Eucaristía. Taizé / Fdez. León.
  • Non vou só. I. G. Ramos.
    Rematada a misa solemne, a carroza do Santísimo seguida das autoridades civís e eclesiásticas e un bo número de cidadáns saiu en procesión polas rúas do centro histórico. A climatoloxía propiciou o acto cun día ben solleiro, circunstancia que aproveitou o Orfeón para desprazarse sobre a muralla e entoar ao paso da procesión  o himno "Cantemos al Amor", de I. B. Sagastizábal.

    Así rematou esta xornada festiva e histórica, a primeira que se celebra sendo a Ofrenda do Antigo Reino de Galicia un Ben de Interese Cultural do patrimonio inmaterial.

    Adxuntamos unhas imaxes desta data, as dúas primeiras tomadas da páxina web da Diócese de Lugo.








    


    

    

    

domingo, 23 de marzo de 2025

Misa de ordenación e institución

     O pasado domingo, 16 de marzo, o Orfeón tivo a honra de acompañar cos seus cantos unha misa na parroquia de San Francisco Javier na que se instituiu como lector e acólito ao noso compañeiro Luis David Ocón Ruiz, xunto con Abraham Emmanuel Ávila Pérez e a Diego Durán Cano, este último ordenado diácono. Deles, os dous primeiros pertencen ao Seminario  Diocesano e Misioneiro Alma Redemptoris Mater e o terceiro ao Seminario Diocesano de Lugo.

    A cerimonia foi oficiada polo bispo da diócese, D. Alfonso Carrasco Rouco, e concelebrada por numerosos sacerdotes auxiliados por membros pertencentes a distintos estamentos eclesiásticos que arrouparon aos neófitos a ditas ordes.

    O repertorio interpretado pola nosa agrupación coral, dirixida por Marcos Fernández Mosquera, foi o seguinte:

  • Bendice, Alma mía, al Señor. F. Mendelsshon. Adap. Abraham Sánchez.
  • Kyrie en Re M. J.P.Lécot.
  • El Señor es mi luz. Salmo.
  • Interleccional. J. Castiñeira.
  • Jesu, Rex admirabilis. G.P.da Palestrina.
  • Sanctus de Lourdes. J.P.Lécot.
  • Agnus Dei de la Messe Peuples de la Terre. J.P.Lécot.
  • Ave verum. J.P.Lécot.
  • Ave Maria. T. L. de Vitoria.
  • Canticorum iubilo. G.F.Haendel.

    De todos os momentos desta celebración, chamounos a atención o da ´postración´, no que os candidados a adquirir o novo estamento encamiñado ao sacerdocio se tumban no chan en posición de tendido prono. Preguntamos polo significado de tal rito e a resposta foi que era en ´sinal de humildade e absoluta entrega a Deus´.
    Rematada a celebración fomos convidados  a un pequeno ágape, momento que aproveitamos para felicitar aos recén ordeados e instituídos.

    Nos imaxes, dúas instantáneas da cerimonia.






    

xoves, 19 de decembro de 2024

Misa de clausura Novena Esperanza 2024

    Un ano máis fomos invitados a cantar na misa de clausura dq Novena da Virxe da Esperanza, que se celebra todos os 18 de decembro na igrexa da Nova desta cidade.

    A celebración estivo presidida por D. Alfonso Carrasco Rouco, bispo da diócese e nesta ocasión o Orfeón, dirixido por Marcos Fernández Mosquera, interpretou o repertorio seguinte:

    - Ecce Novum gaudium. 17th century Scottish song books.
    - Kyrie en Re Majeur J. P. Lécot.
    - Alleluia dit irlandais. F. O. Carrol / L. Deiss.
    - O salutaris Hostia. L. Perosi.
    - Zum Sanctus. F. Schubert.
    - Agnus Dei. Messe Peuples de la Terre. J. P. Lécot.
    - Ave María. T. L. de Victoria.

    Para finalizar, dado o tempo de Nadal que agora comezamos, o Orfeón obsequiou aos presentes coa interpretación de dúas panxoliñas.




  Igrexa da Nova


luns, 9 de decembro de 2024

Misa da Inmaculada Concepción 2024

    Rematando a ponte de decembro, dispoñémonos a celebrar a festividade da Inmaculada acompañando con cantos a misa do día.

    Presidiu a liturxia D. Alfonso Carrasco Rouco, bispo da diócese, concelebrando con outros coengos da sé. Dirixiu o Orfeón o seu titular, Marcos Fernández Mosquera e acompoñáronnos ao órgano Nemesio Gutiérrez e o seu fillo Andrés Gutiérrez.

   O repertorio interpretado foi o seguinte:

   - ¡Qué hermosa sois! F. Schubert.

   - Alleluia. A. Lesbordes / L. Deiss.

   - Kyrie - Gloria. Misa de Lourdes. J. P. Lécot.

   - Ave Verum. J. P. Lécot.

   . Sanctus. Messe Peuples de la Terre. J. P. Lécot.

   - Agnus Dei. Messe Peuples de la Terre. J.P. Lécot.

   - Hija del pueblo, María. A. Taulé.

   - Ave María. T.L. de Victoria.

   - Salve Regina. Gregoriano.

    Na imaxe, Inmaculada Concepción, A Nena, óleo sobre lenzo pintado por Bartolomé Esteban Murillo entre 1668 e 1669. Museo de Bellas Artes de Sevilla. 

                                       


                                 

luns, 14 de outubro de 2024

Misa en Latín 2024

    Cada 12 de outubro a Asociación de Antigos alumnos da Escola de Artes Aplicadas e Oficios Artísticos Ramón Falcón de Lugo organiza, dentro do programa das festas patronais de San Froilán, un mercado medieval con diversas actividades, entre as que se encontra a celebración dunha misa en Latín.

   Dita asociación convida desde hai anos ao Orfeón Lucense para que acompañe a Misa en latín. Este ano foi celebrada por D. Manuel Castro Gay, un dos poucos sacerdotes que se prestan para esta celebración especial, asistido por membros  de dita asociación e contou cun bo número de fieis, entre os que se podían ver alguns caracterizados con vestimentas medievais.

   A misa tivo lugar na capela de San Froilán da Catedral, ao fondo da cal se situou a nosa coral co director titular para interpretar este repertorio:

   - Adoramuste, Christe. T. Dubois.

   - Kyrie. Misa de Angelis. Gregoriano.

   - Alléluia dit irlandais. F. O. Carroll / L. Deiss.

   - Jesu, Rex admirabilis. G. P. da Palestrina.

   - Sanctus. Misa de Angelis. Gregoriano.

   - Agnus Dei. Messe Peuples de la Terre. G. Rossini / J. P. Lécot.

   - Anima Christi. M. Frisina.

   - Canticorum Iubilo. G. F. Haendel.

   Esta celebración sempre atrae a fieis curiosos que desexan escoitar como era a liturxia dominical antes do 1965, ano no que o papa Pablo VI pronunciou por primeira vez unha misa en italiano, idioma ao que paulatinamente se foron engadindo o resto das linguas do mundo así como o feito de celebrárense cara aos fieis.

   Na imaxe un momento previo ao inicio da misa.




   

domingo, 12 de maio de 2024

Misa e concerto en O Corpiño

    Con motivo do Ano Santo Mariano fomos invitados polo parroco, D. José Criado, a cantar no Santuario de Nosa Señora do Corpiño, perto de Lalín. O Orfeón aceptou con agrado e este sábado, día 11 de maio, viaxamos alí.

   A misa foi oficiada polo párroco do Santuario e o Orfeón, dirixido por Marcos Fernández Mosquera e acompañado ao órgano por D. Luís Varela Castiñeira, Prefecto de Música da Catedral de Lugo, interpretou as pezas seguintes:

   - Hija del pueblo. A. Taulé.

   - Kyrie en Re Majeur. J. P. Lécot.

   - Aleluia. I. G. Ramos.

   - Ave verum. J. P. Lécot.

   - Sanctus. Misa de Lourdes. J. P. Lécot.

   - Agnus Dei. Messe Peuples de la Terre. J.P. Lécot.

   - Ave Maria. T. L. de Victoria.

   Finalizada a misa o Orfeón ofreceu aos asistentes un pequeno concerto constituído por pezas relixiosas e profanas.

   D. José Criado agradeceu a presenza da nosa agrupación e explicou aos presentes a historia e a lenda do Santuario do Corpiño. A continuación entregoulle ao noso director un agasallo para a agrupación e a cada un dos compoñentes do coro unha pulseira conmemorativa do Ano Santo Mariano.

   De volta para Lugo paramos en Lalín para celebrar un xantar de confraternidade ao que asistiu tamén D. José Criado.



                                   Santuario de Nosa Señora do Corpiño

    

venres, 5 de abril de 2024

Misa de funeral por Manuel Zas

   O pasado mércores, día 3 de abril, o Orfeón estivo acompañando á nosa contralto Sara Zas no funeral polo seu irmán Manuel, que xa fora soterrado en días pasados.

  O director habitual do coro non puido estar presente, polo que a dirección coral  correu a cargo de Guadalupe Enríquez, soprano da agrupación.

   A misa celebrouse  na igrexa parroquial da Milagrosa oficiada polo párroco da mesma, D. José Antonio Ferreiro Varela e nela o repertorio interpretado foi o seguinte:

   - Ven, Señor, ás nosas almas.. L. Olano.

   - Caminaré en presencia del Señor. Salmo.

   - Deus do Universo. L. Olano.

   - Santo. Misa Pascual. J. Castiñeira.

   - Ave verum. J. P. Lécot.

   - Más cerca, oh Dios. L. Mason.

   O noso compañeiro Abraham Sánchez Pujante acompañou ao órgano algunha das pezas interpretadas polo coro.

   Na imaxe, unha instantánea da igrexa parroquial da Milagrosa. Tomada de www.diocesisdelugo.org





martes, 19 de decembro de 2023

Misa da Inmaculada 2023

   Ás 13:00 h. deu comezo na Catedral a misa da Inmaculada, presidida polo prelado da diócese D. Alfonso Catrasco Rouco, asistido por varios coengos, con D. David Varela como salmista, D. Luís Varela Castiñeira como organista e o Orfeón Lucense dirixido por Marcos Fernández Mosquera no coro aportando a parte musical.

    O repertorio  para esta ocasión foi o seguinte:

  - ¡Qué hermosa sois! F. Schubert.

  - Señor ten piedad. Misa Alrededor de tu Mesa. F. Palazón.

  - Gloria. Misa Alrededor de tu Mesa. F. Palazón.

  - Cantad al Señor un cántico nuevo. Salmo.

  - Aleluya. I. García Ramos.

  - Ave María. T. L. de Victoria.

  - Hija de Sión. L. Deiss.

  - Ave Verum. W. A. Mozart.

  - Salve Regina. Gregoriano.




                         Detalle da imaxe de Nosa Señora dos Ollos Grandes

luns, 30 de outubro de 2023

Misa 34 cabodano de D. Xosé Castiñeira

   O 31 de outubro de 1989 falecía en Lugo D. Xosé Castiñeira Pardo, Rector do Seminario, coengo e Prefecto de Música da Catedral. 

   Home de ampla formación humana, relixiosa e musical, como pode apreciarse no enlace ao post que no trinta aniversario se publicou neste blog, adicou a súa vida ao estudo e a difusión da Música, tendo entre os seus méritos o de ser pioneiro en levar o galego ás súas composicións relixiosas e profanas para seren interpretadas polos coros que el dirixiu.

   O Orfeón Lucense, refundado por el, non podía ser alleo á celebración desta data, por iso canta anualmente unha misa na súa honra, que este ano vén de ser o domingo pasado na sé.

   A cerimonia foi oficiada por D. Luís Varela Castiñeira, actual Prefecto de Música e sobriño do finado mestre, actuando como salmista Carlos Sánchez Carrera, como organista Xavier de Acosta e como director do Orfeón Marcos Fernández Mosquera.

   O oficiante fixo unha afectuosa semblanza do falecido, destacando o seu carisma e a admiración que sentía por el aos seus oito anos, idade que tiña cando seu tío morreu, ao tempo que deu as grazas pola asistencia a todos os presentes.

   O repertorio coral nesta ocasión estivo constituído na súa maioría por pezas da autoría de D. Xosé e foron as seguintes;

   - Aledémonos. X. Castiñeira.
   - Señor ten piedade. Misa Galega. X. Castiñeira.
   - Gloria. Misa Galega. X. Castiñeira.
   - Yo te amo, Señor. Salmo.
   - Interleccional. X. Castiñeira.
   - C´est toi, Seigneur.J.P.Lécot.
   - Santo. Misa Solemne. X. Castiñeira.
   - Cordero de Dios. Misa Pascual. X. Castiñeira.
   - O salutaris. L. Perosi.

   Antes de finalizar a misa, Xulio Xiz, presidente da nosa entidade coral, pronunciou unhas emotivas palabras lembrando ao ilustre profesor e agradecendo a todos a súa presenza.
   
   Xa no claustro da Catedral, onde repousan os restos de D. Xosé e do seu irmán D. Manuel, tamén coengo desta sé falecido no ano 2019, ao pé das súas sepulturas foron depositados por dúas coristas de recente incorporación ao Orfeón sendos ramos de flores, despois do cal o coro interpretou Reina del Cielo, composición do noso refundador.

  Rematada a celebración relixiosa, familiares e membros da agrupación coral dirixímonos ao busto que o Orfeón lle adicou ao seu mestre na Avenida de Ramón Ferreiro desta cidade, onde se fixo unha ofrenda floral na súa lembranza.

    Por último os membros do coro, irmáns do ilustre musicólogo e amigos que foron invitados, celebramos un xantar de confraternidade co que se puxo fin a esta emotiva xornada.

   A continuación reproducimos o texto pronunciado por Xulio Xiz en lembranza de D. Xosé Castiñeira Pardo:


34º Cabodano de José Castiñeira Pardo, 29.10.2023 

Pasado mañá, cúmprense 34 anos desde o pasamento do creador da Agrupación de amigos cantores que arroupan esta celebración, que levamos o nome de Orfeón Lucense, coro oficial desta S.I.C.B., ao que acompaña o organista da catedral, Xavier de Acosta.

Adóitase conmemorar de xeito especial as efemérides con cifras rotundas: os vinte, os trinta… pero o Orfeón, tendo presente o espíritu, a forza, o legado, e mesmo a presencia do noso Mestre, acordou lembralo ano a ano - e cúmprense 34 -, non só para doernos pola perda senón tamén para glorialo e gloriarnos polo ben que nos fixo ao facernos nacer, polo seu traballo na Igrexa e na música, e pola lembranza garimosa que deixou en todos os que o coñecemos e queremos.

Antes houbera un histórico Orfeón Lucense creado polo xenial Xoán Montes, que sólo era un recordo. E o noso -e voso – Don José quixo volvelo á vida dando ese nombre ao conxunto de voces cantoras dos varios grupos que dirixía. E nacemos de novo, renacemos, hai 41 anos. 


E a estas alturas dun novo século, sentimos que seguimos sendo os mesmos, aínda que lóxicamente poucos quedamos daquel tempo xa  lonxano; que seguimos tendo o mesmo ánimo que el nos insuflou, o mesmo amor á música, a mesma devoción polo canto… Que amamos as mesmas cousas, os mesmos lugares (especialmente esta gran casa, a primeira igrexa da diócese), que a mesma música nos da a mesma vida; que do mesmo xeito que somos fillos duns pais que nos fixeron nacer, todos nós – mesmo os que acaban de incorporarse nos últimos tempos -somos fillos musicais, espirituais, daquel crego tan humano, tan moderno que os rapaces de hai medio século buscabamos polos confesionarios para confiarlle as nosas angueiras.

Por iso estamos aquí, e estaremos todos os anos se Deus o quere, para cantar na súa lembranza e proclamar ata onde chegue a nosa voz que o noso Pai musical está máis vivo ca nunca na súa música, nas nosas partituras, nas nosas voces, no noso ánimo.

E cando a misa remate, iremos con todos os presentes que queirades acompañarnos ao Claustro da Catedral onde está enterrado para deixarlle  unhas flores e outra canción, e tamén deixarlle flores ao seu irmán Don Manuel, que tanto nos ten comprendido e axudado nesta Catedral. 

Se lembrando a D. José as grazas permanentes van implícitas, o Orfeón da as grazas máis expresivas á familia Castiñeira –  Luis, sobriño, oficiante; súa irmá, seu cuñado… - que o P. Castiñeira fixo que sexan tamén da nosa familia, e sempre están connosco. 

E xa que o tempo do alén é a “mellor vida”, felicidades, José Castiñeira, polos 34 anos desa vida mellor.