34º Cabodano de José Castiñeira Pardo, 29.10.2023
Pasado mañá, cúmprense 34 anos desde o pasamento do creador da Agrupación de amigos cantores que arroupan esta celebración, que levamos o nome de Orfeón Lucense, coro oficial desta S.I.C.B., ao que acompaña o organista da catedral, Xavier de Acosta.
Adóitase conmemorar de xeito especial as efemérides con cifras rotundas: os vinte, os trinta… pero o Orfeón, tendo presente o espíritu, a forza, o legado, e mesmo a presencia do noso Mestre, acordou lembralo ano a ano - e cúmprense 34 -, non só para doernos pola perda senón tamén para glorialo e gloriarnos polo ben que nos fixo ao facernos nacer, polo seu traballo na Igrexa e na música, e pola lembranza garimosa que deixou en todos os que o coñecemos e queremos.
Antes houbera un histórico Orfeón Lucense creado polo xenial Xoán Montes, que sólo era un recordo. E o noso -e voso – Don José quixo volvelo á vida dando ese nombre ao conxunto de voces cantoras dos varios grupos que dirixía. E nacemos de novo, renacemos, hai 41 anos.
E a estas alturas dun novo século, sentimos que seguimos sendo os mesmos, aínda que lóxicamente poucos quedamos daquel tempo xa lonxano; que seguimos tendo o mesmo ánimo que el nos insuflou, o mesmo amor á música, a mesma devoción polo canto… Que amamos as mesmas cousas, os mesmos lugares (especialmente esta gran casa, a primeira igrexa da diócese), que a mesma música nos da a mesma vida; que do mesmo xeito que somos fillos duns pais que nos fixeron nacer, todos nós – mesmo os que acaban de incorporarse nos últimos tempos -somos fillos musicais, espirituais, daquel crego tan humano, tan moderno que os rapaces de hai medio século buscabamos polos confesionarios para confiarlle as nosas angueiras.
Por iso estamos aquí, e estaremos todos os anos se Deus o quere, para cantar na súa lembranza e proclamar ata onde chegue a nosa voz que o noso Pai musical está máis vivo ca nunca na súa música, nas nosas partituras, nas nosas voces, no noso ánimo.
E cando a misa remate, iremos con todos os presentes que queirades acompañarnos ao Claustro da Catedral onde está enterrado para deixarlle unhas flores e outra canción, e tamén deixarlle flores ao seu irmán Don Manuel, que tanto nos ten comprendido e axudado nesta Catedral.
Se lembrando a D. José as grazas permanentes van implícitas, o Orfeón da as grazas máis expresivas á familia Castiñeira – Luis, sobriño, oficiante; súa irmá, seu cuñado… - que o P. Castiñeira fixo que sexan tamén da nosa familia, e sempre están connosco.
E xa que o tempo do alén é a “mellor vida”, felicidades, José Castiñeira, polos 34 anos desa vida mellor.
Ningún comentario:
Publicar un comentario