Amosando publicacións coa etiqueta Xavier de Acosta. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Xavier de Acosta. Amosar todas as publicacións

xoves, 23 de novembro de 2023

Misa de Santa Icía 2023

    Todos os anos nesta data os coros de Lugo reúnense na Catedral para festexar a Santa Icía, padroa da Música e  dos músicos.

   A cerimonia foi oficiada por D. Luís Varela Castiñeira, coengo prefecto de Música da Catedral, quen na homilía resaltou a importancia da Música na vida e na sociedade e  fixo referencia a Santa Icía como muller mártir cristiá do século III que faleceu entoando cánticos a Deus, de aí o seu padroado.

  Actuou como salmista D. David Varela e como organistas Xavier de Acosta  acompañando ao Orfeón Lucense e Esperanza Iglesias ao Coro do Hospital.

  Unha vez máis soaron as nosas voces para cantar unha misa na que participou cada colectivo individualmente entoando as melodías de cada parte. Os coros participantes este ano foron os seguintes:

   - Cantar Delas

   - Conxunto Vocal Lugh

   - Coral Amigos do Camiño

   - Coral Ecos do Miño

   - Coro do Hospital de Lugo

   - Coro Parroquial de S. Francisco Javier

   - Coral Xolda

   - Grupo Vocal Sólo Voces

   - Orfeón Lucense

   - Orfeón Xoán Montes


   Ao Orfeón Lucense, dirixido por Marcos Fernández Mosquera, correspondeulle interpretar dúas obras:

   - Gloria de Lourdes. J. P. Lécot

   - Ave Verum. J. P. Lécot

   Ao remate do acto o oficiante agradeceu a asistencia ás corais participantes, aos seus directores, aos músicos e a todos os presentes e quedamos emprazados para o vindeiro ano.

   Sempre é un pracer reunirse con outros amantes da Música e nese sentido todos os cantores de Lugo debemos tributo a D. Luís Varela Castiñeira, quen é o organizador de moitos dos eventos nos que convivimos tantas agrupacións corais, entre as cales sempre existe un bo ambiente  de colaboración.

   Na imaxe o cartaz da celebración.



    


luns, 30 de outubro de 2023

Misa 34 cabodano de D. Xosé Castiñeira

   O 31 de outubro de 1989 falecía en Lugo D. Xosé Castiñeira Pardo, Rector do Seminario, coengo e Prefecto de Música da Catedral. 

   Home de ampla formación humana, relixiosa e musical, como pode apreciarse no enlace ao post que no trinta aniversario se publicou neste blog, adicou a súa vida ao estudo e a difusión da Música, tendo entre os seus méritos o de ser pioneiro en levar o galego ás súas composicións relixiosas e profanas para seren interpretadas polos coros que el dirixiu.

   O Orfeón Lucense, refundado por el, non podía ser alleo á celebración desta data, por iso canta anualmente unha misa na súa honra, que este ano vén de ser o domingo pasado na sé.

   A cerimonia foi oficiada por D. Luís Varela Castiñeira, actual Prefecto de Música e sobriño do finado mestre, actuando como salmista Carlos Sánchez Carrera, como organista Xavier de Acosta e como director do Orfeón Marcos Fernández Mosquera.

   O oficiante fixo unha afectuosa semblanza do falecido, destacando o seu carisma e a admiración que sentía por el aos seus oito anos, idade que tiña cando seu tío morreu, ao tempo que deu as grazas pola asistencia a todos os presentes.

   O repertorio coral nesta ocasión estivo constituído na súa maioría por pezas da autoría de D. Xosé e foron as seguintes;

   - Aledémonos. X. Castiñeira.
   - Señor ten piedade. Misa Galega. X. Castiñeira.
   - Gloria. Misa Galega. X. Castiñeira.
   - Yo te amo, Señor. Salmo.
   - Interleccional. X. Castiñeira.
   - C´est toi, Seigneur.J.P.Lécot.
   - Santo. Misa Solemne. X. Castiñeira.
   - Cordero de Dios. Misa Pascual. X. Castiñeira.
   - O salutaris. L. Perosi.

   Antes de finalizar a misa, Xulio Xiz, presidente da nosa entidade coral, pronunciou unhas emotivas palabras lembrando ao ilustre profesor e agradecendo a todos a súa presenza.
   
   Xa no claustro da Catedral, onde repousan os restos de D. Xosé e do seu irmán D. Manuel, tamén coengo desta sé falecido no ano 2019, ao pé das súas sepulturas foron depositados por dúas coristas de recente incorporación ao Orfeón sendos ramos de flores, despois do cal o coro interpretou Reina del Cielo, composición do noso refundador.

  Rematada a celebración relixiosa, familiares e membros da agrupación coral dirixímonos ao busto que o Orfeón lle adicou ao seu mestre na Avenida de Ramón Ferreiro desta cidade, onde se fixo unha ofrenda floral na súa lembranza.

    Por último os membros do coro, irmáns do ilustre musicólogo e amigos que foron invitados, celebramos un xantar de confraternidade co que se puxo fin a esta emotiva xornada.

   A continuación reproducimos o texto pronunciado por Xulio Xiz en lembranza de D. Xosé Castiñeira Pardo:


34º Cabodano de José Castiñeira Pardo, 29.10.2023 

Pasado mañá, cúmprense 34 anos desde o pasamento do creador da Agrupación de amigos cantores que arroupan esta celebración, que levamos o nome de Orfeón Lucense, coro oficial desta S.I.C.B., ao que acompaña o organista da catedral, Xavier de Acosta.

Adóitase conmemorar de xeito especial as efemérides con cifras rotundas: os vinte, os trinta… pero o Orfeón, tendo presente o espíritu, a forza, o legado, e mesmo a presencia do noso Mestre, acordou lembralo ano a ano - e cúmprense 34 -, non só para doernos pola perda senón tamén para glorialo e gloriarnos polo ben que nos fixo ao facernos nacer, polo seu traballo na Igrexa e na música, e pola lembranza garimosa que deixou en todos os que o coñecemos e queremos.

Antes houbera un histórico Orfeón Lucense creado polo xenial Xoán Montes, que sólo era un recordo. E o noso -e voso – Don José quixo volvelo á vida dando ese nombre ao conxunto de voces cantoras dos varios grupos que dirixía. E nacemos de novo, renacemos, hai 41 anos. 


E a estas alturas dun novo século, sentimos que seguimos sendo os mesmos, aínda que lóxicamente poucos quedamos daquel tempo xa  lonxano; que seguimos tendo o mesmo ánimo que el nos insuflou, o mesmo amor á música, a mesma devoción polo canto… Que amamos as mesmas cousas, os mesmos lugares (especialmente esta gran casa, a primeira igrexa da diócese), que a mesma música nos da a mesma vida; que do mesmo xeito que somos fillos duns pais que nos fixeron nacer, todos nós – mesmo os que acaban de incorporarse nos últimos tempos -somos fillos musicais, espirituais, daquel crego tan humano, tan moderno que os rapaces de hai medio século buscabamos polos confesionarios para confiarlle as nosas angueiras.

Por iso estamos aquí, e estaremos todos os anos se Deus o quere, para cantar na súa lembranza e proclamar ata onde chegue a nosa voz que o noso Pai musical está máis vivo ca nunca na súa música, nas nosas partituras, nas nosas voces, no noso ánimo.

E cando a misa remate, iremos con todos os presentes que queirades acompañarnos ao Claustro da Catedral onde está enterrado para deixarlle  unhas flores e outra canción, e tamén deixarlle flores ao seu irmán Don Manuel, que tanto nos ten comprendido e axudado nesta Catedral. 

Se lembrando a D. José as grazas permanentes van implícitas, o Orfeón da as grazas máis expresivas á familia Castiñeira –  Luis, sobriño, oficiante; súa irmá, seu cuñado… - que o P. Castiñeira fixo que sexan tamén da nosa familia, e sempre están connosco. 

E xa que o tempo do alén é a “mellor vida”, felicidades, José Castiñeira, polos 34 anos desa vida mellor.





   

luns, 12 de xuño de 2023

Misa de Corpus Christi 2023

 A Praza de Sta. María un ano máis engalanouse para a celebración do Corpus Christi. Desde ben cedo dispúxose un altar rodeado de flores, distintivos eucarísticos nos balcóns do Pazo Episcopal e moreas de sillas brancas que acollerían os numerosos fieis congregados alí máis tarde.

  A celebración estivo presidida polo prelado da diócese, D. Alfonso Carrasco Rouco, acompañado de distintos membros do cabildo e coa presenza das autoridades locais.

 A climatoloxía benigna favoreceu a brillantez do acto, á que contribuiu a actuación da Banda Filarmónica, dirixida por Iván Martínez Sabio; o Coro do Hospital de Lugo, dirixido por Fernando Gómez Jácome; o Orfeón Lucense, dirixido por Marcos Fernández Mosquera e o acompañamento de órgano por Xavier de Acosta.

  O repertorio interpretado foi o seguinte:

- O pan do ceo. X. Portas Ferro / I. G. Ramos.

- Señor ten piedad. Misa Solemne. J. Castiñeira.

- Gloria. Misa Solemne. J. Castiñeira.

- Glorifica al Señor. Salmo.

- Aleluya de los irlandeses. J. P. Lécot.

- Santo. Misa Solemne. J. Castiñeira.

- Cordero de Dios. Misa Solemne. J. Castiñeira.

- Pescador de hombres. C. Gabarain / B. Corona.

- Pange lingua. Gregoriano.

- Ave Verum. W. A. Mozart.

- Alabado sea el Santísimo. Tradicional.

- Tantum ergo. Gregoriano.

- Cantemos al Amor. J. I. B. de Sagastizábal.

 Desfrutamos ademais da presenza do grupo tradicional Os Xílgaros que actuaron durante a procesión que tivo lugar polas rúas do casco histórico, como é costume.

 Á recollida da procesión, que fora iniciada cun potente repique de campás, entoáronse os últimos cantos e rezos e pouco a pouco a praza foi volvendo ao seu ritmo habitual.

  Na imaxe un momento previo á celebración.

   






sábado, 8 de abril de 2023

Xoves Santo 2023

  Á hora convida deron comezo os oficios do Xoves Santo na Catedral de Sta. María presididos polo prelado D. Alfonso Carrasco Rouco.

  O Orfeón Lucense, dirixido polo seu titular Marcos Fernández Mosquera e acompañado ao órgano por Xavier de Acosta, interpretou o seguinte repertorio ante a numerosa concurrencia que enchía a sé:

  - Gloria y honor a ti, Señor. J. P. Lécot.
  - Señor ten piedad. Misa Alrededor de tu mesa. F. Palazón.
  - Gloria. Misa Alredor de tu mesa. F. Palazón.
  - El cáliz que bendecimos. Salmo.
  - Interleccional. J. Castiñeira.
  - Jesús, el Señor. J. Castiñeira.
  - Un mandamiento nuevo. A. Alcalde.
  - Sanctus. T. Aragües.
  - Agnus Dei. A. Taulé.
  - C'est toi, Seigneur. J. P. Lécot.
  - Ave Verum Corpus. W. A. Mozart.
  - Pange lingua. Gregoriano.
  - Alabado sea el Santísimo. Himno eucarístico.

   Finalmente fixo a súa saída a procesión da Santa Cea polas rúas da capital, momento que recollemos na seguinte imaxe.



                                      Tomada de Luis Perelu en Facebook

luns, 3 de abril de 2023

Misa de Domingo de Ramos 2023

  Nunha mañá luminosa e despois dos exercicios previos no claustro da Catedral, o Orfeón Lucense comeza o camiño cara ao coro para situarse e esperar o inicio da solemnidade de Ramos.

  Despois da beizón dos ramos na Praza de Santa María tivo lugar a misa presidida por D. Alfonso Carrasco Rouco na que a nosa agrupación actuou dirixida por Marcos Fernández Mosquera e acompañada ao órgano por Xavier de Acosta. O repertorio interpretado foi o seguinte:

   - Dios mío, Dios mío. Salmo.

   - Cristo por nosotros. F. Palazón.

   - Pueri haebraeorum. T. L. De Vitoria.

   - Santo. Misa Solemne. J. Castiñeira.

   - Cordero de Dios. Misa Solemne. J. Castiñeira.

   - Eucaristía. Taizé e A. Fdez León.

   - Anima Christi. M. Frisina.





                       Foto tomada de El Progreso 3/04/2023. Edición digital.

venres, 9 de decembro de 2022

Misa da Inmaculada

 O xoves, día 8 de decembro, honramos a festividade da Inmaculada Concepción cantando a súa misa na Catedral.

  Presidida polo prelado da diócese, monseñor Carrasco Rouco, coa dirección coral de Marcos Fernández Mosquera e ao órgano Xavier de Acosta, o Orfeón interpretou o seguinte repertorio:

- ¡Qué hermosa sois!

- Kyrie. Misa de Lourdes. J. P. Lécot.

- Gloria. Misa de Lourdes. J. P. Lécot.

- Cantad al Señor un cántico nuevo. (Salmo).

- Aleluya. A. Lesbordes.

- Sanctus. Misa de Lourdes. J.P. Lécot.

- Agnus Dei. Misa de Lourdes. J. P. Lécot.

- Hija del pueblo. A. Taulé.

- Senza te, Sacra Regina. A. de Antiquis Venetus.



Inmaculada Concepción

B. E. Murillo



martes, 16 de agosto de 2022

Misa de Nosa Señora

  Presidida polo prelado da diócese, monseñor Carrasco Rouco, e coa asistencia de distintas autoridades e numerosos fieis celebrouse a misa solemne de Nosa Señora dos Ollos Grandes, padroa da cidade de Lugo.

  O Orfeón Lucense dirixido por Marcos Fernández Mosquera, fiel á súa cita, puxo música á solemnidade acompañado por Xavier de Acosta ao órgano.

  O repertorio interpretado foi o seguinte:

   - Himno a la Virgen de los Ojos Grandes. J. Ortiz Peña.

   - Kyrie en Re Majeur. J. P. Lécot.

   - Gloria de Lourdes. J. P. Lécot.

   - Aleluya.I. García Ramos.

   - Ave María. T. L. de Victoria.

   - Sanctus de Lourdes. J. P. Lécot.

   - Agnus Dei. Messe Peuples de la terre. J. P. Lécot.

   - Hija del pueblo. A. Taulé.

   - O salutaris hostia. P. de la Rue.

   - Salve Regina. Gregoriano.

   

   Rematada a cerimonia, celebrantes, asistentes e Orfeón trasladámonos ao camarín da Virxe dos Ollos Grandes onde unha concelleira presentou unha ofrenda floral á padroa mentras o coro interpretou a cantiga nº 72 de Afonso X O Sabio, Da que Deus mamou, na que se narra o milagre da curación dunha muller tolleita atribuído á Virxe e acontecido en Lugo.

   Na imaxe, un momento da actuación do Orfeón Lucense.




luns, 11 de abril de 2022

Misa de Domingo de Ramos

   Tras a bendición dos ramos e a procesión, que volveu ás rúas despois dos anos peores da pandemia, comezou a Misa de Ramos. 

  Oficiada polo prelado da diócese, Monseñor Carrasco Rouco e concelebrada con varios coengos, actuando como organista Xavier de Acosta e coa dirección coral de Marcos Fernández Mosquera, celebrouse esta solemnidade na que o Orfeón Lucense interpretou o seguinte repertorio:

   - Salmo: Dios mío, Dios mío.

   - Cristo por nosotros. F. Palazón.

   - Santo. T. Aragües.

   - Agnus Dei. Misa Peuples de la Terre. J. P. Lécott.

   - Yo soy el Pan de Vida. S. Toolan.

   - Hágase tu voluntad. I. Yepes.





domingo, 20 de marzo de 2022

Misa de San Xosé

   Despois dunha paréntese merecida tras un Nadal intenso, retomamos os ensaios para as actuacións deste ano 2022.

   O primeiro acto foi o pasado sábado na Catedral, a Misa de San Xosé. 

   Con escasa asistencia de fieis cantamos unha misa que resultou grata e canora, coa particularidade de que estreamos unha peza que nos facía especial ilusión, O salutaris de Pierre de la Rue.

   Outra novidade foi o feito de que a nosa compañeira Silvia Nadela Villarino fixo por primeira vez de solista desde o atril da epístola nas partes dialogadas do Sanctus de Lourdes.

  A misa estivo presidida polo deán da Catedral, Mario Vázquez Carballo e concelebrada polo mestre de capela, Luís Varela Castiñeira, actuando como salmista o noso compañeiro de coro Carlos Sánchez e como organista Xavier de Acosta.

  O repertorio interpretado polo Orfeón baixo a dirección habitual de Marcos Fernández Mosquera foi o seguinte:

    - Himno a San José. José Antonio Poblete.

    - Kyrie en Re Majeur. J. P. Lécot.

    - Gloria de Lourdes. J. P. Lécot.

    - Interleccional. X. Castiñeira.

    - O salutaris hostia. Pierre de la Rue.

    - Sanctus de Lourdes. J. P. Lécot. Solista: Silvia Nadela Villarino.

    - Agnus Dei de la Messe Peuples de la Terre. G. Rossini. Adap.: J. P. Lécot.    

    - Más cerca, ¡oh Dios!, de Ti. L. Mason.


   Enlazamos a continuación o audio do Sanctus de Lourdes. Pica na imaxe para escoitalo.



                                        Sanctus de Lourdes. (J. P .Lécot)

                                         Solista: Silvia Nadela Villarino



   


    

     

   

  

luns, 14 de xuño de 2021

Vésperas da Oitava de Corpus

Retomamos a celebración das Vésperas da Oitava do Corpus. Despois de máis dun ano voltamos a cantar desde o Coro e a desfrutar da maxestuosa vista da catedral desde alí.

O Orfeón cantou dirixido por Marcos Fernández Mosquera e acompañado ao órgano por Xavier de Acosta. O repertorio foi o seguinte:

- O salutaris. L. Perosi.

- Antífonas e salmos. Gregoriano.

- Magnificat. Gregoriano.

- Ave Verum. W. A. Mozart.